29 de xuño de 2017

LABORAL

A práctica totalidade do cadro de persoal de GKN en Vigo secunda os paros para reclamar un convenio xusto 

Ao comezo das tres primeiras quendas unicamente acudiron ao posto de traballo tres técnicos/as

Os paros na compañía da automoción, que emprega a 980 persoas no polígono de Balaídos, desenvólvense durante dúas horas ao comezo de cada unha das catro quendas e tamén na de fin de semana.
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 A folga convocada na empresa GKN Driveline de Vigo para reclamar un convenio colectivo xusto está a ter un seguimento prácticamente total por parte dos traballadores/as, xa que ao inicio das tres primeiras quendas unicamente entraron a traballar tres técnicos/as. Os paros na compañía da automoción, que emprega a 980 persoas no polígono de Balaídos, desenvólvense durante dúas horas ao comezo de cada unha das catro quendas e tamén na de fin de semana.

 Segundo explican dende a representación da CIG no comité de empresa, os paros afectaron á produción, estivo paralizada ao inicio das quendas de traballo. “Aínda que esta folga é máis un toque de atención á dirección, para que vexa que a maioría do persoal apoia as reividicación dos representantes sindicais”. Neste senso, agradeceron o compromiso do conxunto dos empregados/as de GKN na defensa dos seus dereitos laborais.   

 Os paros de dúas horas desenvolvéronse na quenda de mañá de 6:00 a 8:00 horas e na quenda central de 7:45 a 9:45 horas; na da tarde, de 14:00 a 16:00 horas; na da noite serán de 22:00 a 24:00 horas; mentres que o persoal de fin de semana parará o sábado de 6:00 a 8:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas. Os representantes sindicais agardan un seguimento similar -case do 100%- tanto na quenda da noite como na da fin de semana.  

 Ao mesmo tempo, sinalan que a compañía púxose en contacto co comité ao remate das asembleas celebradas onte para trasladarlle unha nova proposta de convenio “que aínda temos que analizar, polo que lla imos entregar por escrito ao conxunto dos traballadores/as e despois convocaremos novas asembleas para debatila”. Con todo, adiantan que en certos aspectos pode haber un achegamento, “pero noutras cuestións como tempo de traballo e descansos non estamos de acordo”.

Ningún comentario: