8 de xuño de 2017

OURENSE

Os escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños, galardoados co Premio "Otero Pedrayo"

O xurado, reunido hoxe no Pazo Provincial, ditaminou conceder por unanimidade o premio ex aequo aos dous artistas que honraron á Xeración Nós e cuxas obras son coñecidas nacional e internacionalmente, e que por medio de Risco e de Otero Pedrayo integraron os artistas ourensáns dos 50, que coñeceron o labor das vangardas dos anos 20 e comezaron a experimentar novos estilos.

Membros do xurado reunidos hoxe no Pazo Provincial de Ourense
Foto: D.P. OU.

Infogauda / Ourense

 O xurado do Premio "Otero Pedrayo" 2016 reunido esta mañá no Pazo Provincial de Ourense ditaminou conceder por unanimidade o galardón ex aequo aos escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños, proposta que foi presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que complementa e amplía á presentada pola Fundación "Vicente Risco". Esta é a primeira vez desde que se instaurara este premio –en 1977, gañado na súa primeira edición por Carlos Casares-, que o xurado ditamina por unanimidade a concesión do galardón.

 O premio, dotado con 16.000 euros, foi convocado na edición de 2016 pola Deputación de Ourense e ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, premiar un labor que constitúe unha contribución eminente á cultura galega, e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

 A acta do xurado, que recolle integramente a proposta da Deputación de Ourense, sinala que Acisclo e Buciños honraron á Xeración Nós e as súas obras son coñecidas nacional e internacionalmente, e que por medio de Risco e de Otero Pedrayo integraron os artistas ourensáns dos 50, que coñeceron o labor das vangardas dos anos 20 e comezaron a experimentar novos estilos. A acta sinala que son abondosos os méritos que concorren en Manuel García Vázquez e Acisclo Rogelio Manzano Freire, escultores de sona internacional, presentes e recoñecidos polas súas obras en coleccións públicas e privadas dos principais museos e centros artísticos de Galicia, España, Europa, América e, mesmo en Asia. Nados, o primeiro, en 1938, no lugar de Buciños, do que toma o seu nome artístico, concello de Carballedo, pero afincado en Ourense desde 1950 e, o segundo, en 1940, nesta cidade de Ourense.

 Acisclo e Buciños déronse a coñecer no mesmo ámbito cultural: o relatorio de don Vicente Risco, na cafetería do Hotel Parque, e pertencen, a pesar da diferencia de idade, á "Xeración dos Artistiñas", como lles chamou o propio Risco. Ámbolos dous foron amigos de don Ramón Otero Pedrayo, no Volter -inaugurado por don Ramón-, no Miño e noutros enclaves ourensáns nos que a presencia e a palabra do mestre Otero Pedrayo era frecuente. Son, polo tanto, oterianos convictos e confesos.

 Os dous escultores, recolle a acta, recibiron gabanciosas críticas de don Ramón, visibles nos catálogos das exposicións e nas colaboracións de Otero na prensa, especialmente no xornal La Región, e traballaron xuntos durante máis de dez anos no mesmo taller, en Ourense, forxando, á marxe do enfoque, concepción e desenvolvemento das súas pezas escultóricas, unha colaboración e unha amizade que perdurou ata a actualidade.

 Acisclo e Buciños honraron a todos os membros da Xeración Nós, con creacións singulares e de estilos moi diferentes, pero cun común denominador da fonda marca que esta xeración, anterior á guerra civil, abriu á arte galega. Buciños, co seu emblemático monumento en bronce a Otero Pedrayo, actualmente na ourensá Praza do Correxidor, e Acisclo en varias obras públicas de grande tamaño, captaron, mellor ca ninguén, a mensaxe de don Ramón, dándolle plasticidade á súa figura patriarcal e transmitindo a súa verba, a palabra do meirande orador da Galicia de todos os tempos.

 A acta subliña que a forza e o pulo que Acisclo e Buciños teñen derramado a mans cheas no seu labor de décadas, a presenza de Otero Pedrayo na súa obra e unha entrega total a Galicia e á súa cultura, como artistas plásticos, son motivos máis ca abondosos, para premiar a ambos os dous.

 O xurado estivo presidido por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, sendo vicepresidente Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e vogais: Xosé Leal Fariña, deputado delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval Soto, presidente da Comisión de Cultura da Deputación de Ourense; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta; Carme Silva Domínguez, vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, en representación da Universidade de Santiago; Susana Reboreda Morillo, da Facultade de Historia do Campus de Ourense, en representación da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro Fernández, da Facultade de Filoloxía, en representación da Universidade da Coruña; Pablo Otero Piñeyro Maseda, en representación do Instituto "Padre Sarmiento"; Felipe Ferreiro Feijóo, designado pola Xunta de Galicia como autoridade científica e literaria; Luis González Tosar, designado pola Deputación de Ourense como autoridade científica e literaria; Primitivo Iglesias Sierra, designado pola Deputación de Lugo como autoridade científica e literaria; Carme Fernández-Pérez Sanjulián, designada pola Deputación de Pontevedra como autoridade científica e literaria; Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo Provincial de Pontevedra, como autoridade científica e literaria, actuando como secretario do xurado Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación de Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario