8 de xuño de 2017

GONDOMAR

O PP consegue que a Deputación de Pontevedra asfalte a estrada Chaín-Morgadáns, en Gondomar  

Os populares defenderon no pleno do 29 de maio unha moción que pedía mellores nesta vía, e tres días despois a institución anuncia o proxecto. 

Lamentan que estea incompleto, porque só inclúen o asfaltado e renuncian a rematar a beirarrúa nun dos tramos da vía.  

Os populares denuncian que a limpeza nas estradas provinciais estase facendo de unha forma “moi deficiente”
Fotos: P.P. / Gondomar

Infogauda / Gondomar

 O Partido Popular conseguiu que a Deputación invista na mellora da estrada provincial Chaín-Morgadáns, en Gondomar, tras as reclamacións que fixeron tanto a nivel local como provincial nas últimas semanas. De feito, o anuncio do investimento por parte da institución provincial chegou só tres días despois de que o PP defendese no pleno provincial do 29 de maio unha moción para reclamar melloras nesta vía.   

 Aínda así, a satisfacción non é completa por parte dos populares, que critican que o proxecto que presentaron desde a Deputación está incompleto porque exclúe rematar a beirarrúa no tramo da vía que estaba pendente. “Estamos falando de seguridade viaria, estamos falando de que esta é unha estrada moi transitada, que une as parroquias de Chaín e de Morgadáns, con 2.000 e 1.000 habitantes respectivamente, polo que lamentamos que renuncien a unha medida, a creación de beirarrúas, que entendemos debería ser incuestionable”, sinala a presidenta local do partido, Paula Bouzós.  

 A presidenta local espera que, polo menos, os traballos de aglomerado comecen canto antes porque o estado do firme “é un perigo evidente para a circulación”. Nesta liña, Paula Bouzós recorda que “xa levan dous anos de retraso, os veciños levan esperando unha resposta desde mediados de 2015. Naquel momento concluíuse a primeira fase do proxecto, e nin o Goberno provincial nin o local amosaron neste tempo ningún interese por rematalo”.   
 A voceira do grupo provincial, Nidia Arévalo, amosouse sorprendida polo “pouco respecto institucional” deste Bipartito provincial. “Nestes dous anos o PP levou a pleno máis de cen propostas, e en todas e en cada unha delas os grupos do Goberno, BNG e PSOE, votaron en contra, e xa non é o primeiro caso no que, só uns días máis tarde, anuncian o proxecto como si fose unha iniciativa súa”. Este, sinala, é o exemplo de Gondomar. “Levan dous anos mirando cara outro lado con esta obra, desde o PP local e tamén desde o provincial esiximos medidas para concluír o proxecto e no pleno provincial rexeitan a medida. Pero, para sorpresa de todos, só tardan tres días en anunciar o investimento en prensa como si a iniciativa partise deles”. 

 “Esta é a actitude e a imaxe clara do Bipartito da Deputación de Pontevedra, un goberno paralizado, que non dialoga, sen ideas nin proxectos propios”, conclúe Arévalo. 

 LIMPEZA DE ESTRADAS 
 Por outra banda, desde o PP de Gondomar denuncian que a limpeza nas estradas provinciais estase facendo de unha forma “moi deficiente”. Paula Bouzós pon de exemplo a estrada Mañufe-Nande, “na que malamente pasaron a desbrozadora e deixaron tirada toda a maleza nas beiravías”. Por iso, lamentan que despois de dous anos reclamando insistentemente a limpeza e desbroce das estradas provinciais esta sexa a resposta. 
  
Un pau  con cinta de cor branca e vermella para "sinalizar"

 Ademais, Paula Bouzós apunta que “no caso de que haxa algún derrube de terra, en lugar de recollela para ensanchar a estrada, o que fixeron foi colocar un pau con cinta vermella para sinalizalo. Limpan pouco e poucas estradas, e aínda por riba as deixan nestas condicións e con estes obstáculos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario