30 de xuño de 2017

DEPORTES

O Mecalia Atlético Guardés dispón do Pavillón de As Travesas, de Vigo, para os partidos que ten que afrontar como campión de Liga 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu onte xoves ó rexedor de A Guarda, Antonio Lomba Baz, para acordar a cesión do Pavillón de As Travesas ó Mecalia Atlético Guardés, que ven de gañar a Liga feminina de balonmán e disputará a Supercopa contra o Rocasa Gran Canaria. 

De esq. a der.: o presidente do Mecalia Atlético Guardés, José Manuel Silva; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o concelleiro vigués de Deportes, Manuel Fernández
Foto: C.A.G. 


Infogauda / A Guarda

 O alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes vigués, Manuel Fernández, recibiron onte xoves día 29 de xuño, ó alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, xunto co presidente do clube de balonmán feminino Mecalia Atlético Guardés, José Manuel Silva Vicente, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro. 

 Os rexedores municipais acordaron a cesión por parte do Concello de Vigo do Pavillón de As Travesas, cun aforo de preto de 4.000 persoas, para a celebración dos partidos que o equipo de balonmán guardés ten que afrontar como campión da Liga Loterías. 

 O rexedor da cidade olívica amosou total disposición a colaborar coas demandas plantexadas por Antonio Lomba e o presidente do clube, de xeito que o conxunto guardés dispón das instalacións para a celebración do partido da Supercopa de España no caso de que éste se celebre en Galicia. O campionato, que terá lugar o primeiro fin de semana de setembro, enfrontará ás campionas de Liga co Rocasa Gran Canaria, vixente campión da Copa da Raíña. 

 De ser necesario, o clube tamén poderá contar coas instalacións do Pavillón para a celebración da fase previa da Liga de Campións a nivel europeo, na que se enfrontrarán ó Thüringer HC alemán no segundo fin de semana de setembro. 

 O alcalde de A Guarda, que mostrou a súa gratitude pola dispoñibilidade do rexedor vigués, aproveitou para agradecer a Caballero a cesión do autobús descuberto, que serviu ás campioas para a celebración do título de Liga o pasado mes de maio. 

1 comentario:

Anónimo dixo...

¡Vergoña que non teñamos un pabellón decente pra as nosas deportistas! ¿que fae o concello o respecto? NADA.