4 de xuño de 2017

A GUARDA

LAUREANO MATOS BARCIA "NANI": HOMENAXE A UN HOME QUE SABE CONTAR HISTORIAS

O actor, guionista e director de cinema, recibiu á homenaxe da Agrupación Cultural Guardesa, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas


O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz con Laureano Matos Barcia "Nani"
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Na tardiña de onte sábado día 3 de xuño, o salón de actos do Centro Cultural de A Guarda, acolleu a merecida homenaxe que o pobo guardés, a instancia da Agrupación Cultural Guardesa, lle tributou á Laureano Matos Barcia "Nani" (A Guarda, 1966), actor, guionista e director de cinema.

 A velada contou coa asistencia do alcalde e membros da Corporación Municipal de A Guarda; do presidente e membros da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Camposancos; familiares e amigos de Nani, e por suposto, veciños de Camposancos, de A Guarda, O Rosal, Oia,...

 Foi un evento moi fermoso, que comezou con unhas verbas de benvida a cárrego de Manuel Santos González, que en nome da Agrupación Cultural Guardesa, foi o conductor do acto.


Grupo de Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa cos Merliños e as Cantaruxas


 Deseguido subiron o escenario as compoñentes do Grupo de Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa cos seus activos máis novos Merliños e Cantaruxas, dirixidos pola profesora Berta Castro González, brindaron seu bon facer e súa simpatía, a tódolos presentes.


Grupo de Corda Antorcha

 A continuación foi o Grupo de Corda Antorcha, dirixido por María José Baz Martínez, quen ademais de unhas verbas de agarimo para Nani, ofrecerían seu agasallo de voces e acordes musicais.

 Tamén houbo unha proxección de un vídeo con imaxes de Nani Matos, ao longo da súa andaina vital, coa súa familia, seus amigos, seus compañeiros de inquedanzas culturais - na música (formou parte do grupo de gaitas Citania, no colexio A Sangriña e foi un primeiro director da Banda de Música Agrupación Musical do Rosal), no teatro - foi compoñente do Grupo de Teatro Campusinus in albis e do Obradoiro de Teatro da Asociación Cultural Eliseo Alonso, de Goián, así como da Escola Municipal de Teatro, de Gondomar,...- no canto coral - Octeto de Cámara Tempus, Coro de Cámara “Camerata ad Libitum”, Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia,..- e tamén algunha instantánea no ámeto profisional.

 Rematada a proxección de imaxes fotográficas, corresponderíalle a Marisol Diz Amil, secretaria da Agrupación Cultural Guardesa, presentar a Xosé Carlos Cermeño Baraja (A Coruña, 1959), escritor e guionista, con unha ampla traxectoria profisional - O mellor (1986), Arroz con chícharos (1990), Pratos combinados (1995), Avenida de América (2001), Efectos secundarios (2007), Larpeiros (2008),...-, moi vencellada a televisión pública de Galicia e acadando importantes éxitos de audiencia. 

 Cermeño foi o primeiro editor da versión galega de O Correo da UNESCO.

 Entre a súa obra literaria figura A meiga e a toupeira (1983) (teatro); Ela chegou e dixo (1984) (teatro); Almas perdidas (1987) (teatro); Historia de Abbadón (1991) (poemario); A cociña dos Vilas (1993) (ensaio); Ciencia de facer as camas (1994) (narrativa); Os nervios da cabeza (1994) (narrativa), Premio Cidade de Lugo;  Nieve, renieve y requetenieve (1995) (narrativa); Estas rapazas chegarán moi alto (1995) (narrativa),...

 Ademais de publicista, Xosé Cermeño tamén ten colabourado en varios xornais.

 Como oportunamente relembrou Marisol Diz, bibliotecaria de A Guarda,  Xosé Cermeño participou fai algúns anos, nun encontro cos lectores máis novos da Biblioteca Municipal de A Guarda.


Xosé Cermeño na súa disertación, na compaña de Julia Sobrino, Marisol Diz e Nani Matos

 Xosé Cermeño dibuxou o perfil de Nani Matos como director de cinema, salientando súa capacidade de saber contar á realidade do cotiá, reflectindo situacions de auténtica realidade, que atixen ás persoas, como soedade, a enfermidade, a migración,....

 Cermeño dixo tamén que desde Dies Dei, á ópera prima de Nani Matos como guionista e director de cinema, hai unha progresión na técnica, que se supera en Flores para Amalia, e que en Lurna acada toda brillantez, toda a cor,..., con uns resultados exitosos, en todas esas curtas, que fan de Nani un verdadeiro contador de historias.

 Cermeño dixo tamén: "(...) O cine de Nani é  emocionante. Non emocionante no sentido das  películas de tiroteos ou de catástrofes ou de persecucions a toda velocidade. Emocionante no  sentido mais puro, porque Nani traballa con problemas e con personaxes que sabemos que existen de verdade. 

 Personaxes fráxiles, como somos todos, personaxes con soños e con medos como temos todos. Personaxes preocoupados pola enfermidade, polo paso do tempo, pola necesidade de axuda, de afecto, de futuro. Como todos os que estamos aquí. 

 Os personaxes de Nani non son personaxes, son persoas. Son xente de verdade, sobre as que pouca veces fala o cine, porque se vas á industria cinematográfica convencional  e dis eu quero  facer unha peli sobre xente normal se cadra nin te reciben. 

Pero Nani  sabe contar increiblemente ben esas historias sobre xente normal. Sabe enchelas de emocións verdadeiras e de vida.  E isto, que é moi importante, non é o único: ademais, Nani sabe  facelo mellor en cada película nova (...)".


Bieito Solo, relembrado o seu vencello con Nani Matos desde a nenez

 Logo da intervención de Xosé Cermeño, subiu o escenario, un dos entrañables amigos de Nani: Bieito Solo.

 Bieito dixo que á vida de Nani e a súa, foron o longo de moitos anos, en paralelo: foron veciños, tiñan idénticas afeccions - entre elas á música -,..., e compartiron moitas cousas, tanto na nenez como na adolescencia e na xuventude. E lembrou ás representacions do monólogo "O Sindo", na que Bieito participou tanto en Camposancos, como na Guarda, Goián,..., vivindo en primeira persoa o desenvolvemento dos intres previos á función, que en realidade xa estaba desenvolvéndose. Mesmo relembrou unha anécdota gore, que impactou no público que asistiu a unha das funcions, todas elas moi exitosas.

 E dese xeito, a relación de Nani e de Bieito, ían nesa traxectoria xeométrica, ata que nun intre dado da vida Nani produciuse un punto de inflexión no que se modifica a andaina de cada ún, cando Nani comeza no mundo do cinema, do cal Bieito Solo se congratula polos éxitos que ten acadado seu apreciado amigo.


Eladio Martínez Portela, na súa emotiva intervención

 A continuación, Eladio Martínez Portela, amigo de Nani Matos, que acompañado pola súa dona, viu desde Vitoria, expresamente para asistir a homenaxe o actor, guionista e director camposino, dixo, entre outras emotivas verbas o seguinte: "(...) E que podo decir dun home tan especial, inquedo,...cheo de ritmo, e dunha mente en continua ebullición?

 Que dentro da humilde grandeza que caracteriza o noso protagonista, hai unha forza que desborda en valores artísticos e humans, que sorprende e que enche de emoción (...)".

 Eladio Martínez tamén relembrou que Nani "(...) dende a súa prematura faceta artística, polos seus andares dunha infancia feliz, foi cautivado pola harmonía da música, polo canto coral,..., pero tivo que ser a maxia do teatro quen o levara a un mundo infinito de ideas e de camiños que se foron abrindo pouco a pouco ata chegar a donde agora está, con seu extenso traballo na televisión e a súa consolidada faceta como guionista e director das súas propias curtas, grandemente recoñecidas en medio mundo (...)".

 Referíndose a seu amigo Nani, Eladio tamén dixo que é "(...) unha persoa profunda e capaz de comprometerse, en especial cos sectores máis sensibles e desfavorecidos, que moitas veces son esquecidos ou tratados indebidamente.

 Pero esa valentía que amosas consegue o efecto das grandes obras, que non se quedan ocultas nin pechadas. Que se abren para amosar a súa mensaxe, a súa beleza,..., e por iso as túas creacions son sinxelamente fermosas.

 Grazas Nani Matos polo teu talento, porque así contribúes a facer que o noso pobo e o noso Concello, sigan sendo unha referencia que nutre e que forxa a persoas capaces de encontrar o fantástico camiño da cultura, das artes e o deporte, que tanto enriquecen de valores, a eles mesmos e a propia sociedade na que viven.

 Celebro enormemente a decisión tomada polos membros e colaboradores da Agrupación Cultural Guardesa por facer posible que Nani Matos forme parte dese grupo destacado de guardeses e guardesas merecedores deste recoñecemento (...)".


A pianista Laura González e o cantautor Tino Baz

 Logo desas verbas de aprecio o amigo Nani Matos, serían a pianista Laura González e o cantautor Tino Baz, coa súa zanfona e posteriormente coa súa guitarra, e por suposto coa súa persoalísima voz, os que porían uns novos intres musicais e poéticos.

 Asemade, como ven sendo tradición, a xunta directiva da Agrupación Cultural Guardesa fixo entrega dos correspondentes agasallos conmemorativos a cada grupo e artistas participantes, así como a Marisol Diz, coordinadora do libro conmemorativo editado expresamente para esta ocasión, e a Xosé Cermeño. 

 Como non podía ser doutro xeito, tamén recibiría seu correspondente agasallo Laureano Matos Barcia "Nani", que por delegación de Julia Sobrino González, presidenta da Agrupación Cultural Guardesa, lle faría entrega o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz.

 Julia Sobrino entregoulle un ramo de flores a María do Carmen, esposa de Nani Matos.

 A presidenta da Agrupación Cultural Guardesa tamén lle adicou unhas verbas a persoa homenaxeada, botando mán dun parágrafo do libro Xoguetes para un tempo prohibido, de Carlos Casares. Dese xeito, na súa intervención, Julia Sobrino dixo: "Nani, cando tivemos a primeira entrevista contigo, e falamos da tristeza que sentiras o día no que non te quedou máis remedio que aceptar que A Guarda de ahí en diante tería forzosamente que pasar a ser a túa segunda morada, transmitísteme unha sensación de perda increíble e puden sentir ata onde pode chegar nun ser coma tí o amor polo seu pobo natal (...)".

 Julia Sobrino remataría súa intervención, coas seguintes verbas: "(...) Hoxe podemos recordar aquel día que "pola mañá cedo marchaches coa maleta" cara a túa nova vida e hoxe vemos como regresas ao teu punto de partida con este homenaxe que a Agrupación Cultural Guardesa e toda a xente que te quere te ofrecemos.

 Benvido a túa casa, Nani e felicidades."

 A partires dese intre sería Nani Matos - totalmente en solitario no escenario - quen fixo uso da palabra, para agradecer a homenaxe, e botar mán das súas lembranzas cos amigos de Camposancos e de A Guarda. E mesmo para recoñecer que o seu non era o fútbol. Quen o diría, porque onte, ainda dándose as circunstancias que se deron, a resposta do público no acto da súa homenaxe foi moi significativa.


Así estaba onte o salón de actos do Centro Cultural da vila de A Guarda

 Nani dixo que el sempre chegou tarde a todo, opinión que obviamente non compartimos, porque súa traxectoria demostra xustamente o contrario. Cecais, tivo que optar, iso sí, por algunha das súas moitas inquedanzas, e esa opción, a do teatro e a do cinema, ou moito nos equivocamos, ou van ir parellas a súa persoa o longo da súa traxectoria vital.

 Na súa intervención fixo unha breve evocación a seus proxenitores, con unha emotiva lembranza a súa nai, que sempre lle apoiaron en todo, e fixeron posible que nos comezos da súa andaina musical pudese contar con unha tuba, "(...) case nada! - dixo Nani - o instrumento máis caro que había!"


Tino Baz interpretando o Himno Galego que foi coreado polo respectable público


  E así foi como pouco a pouco foise chegando cáseque o remate da velada, non sen antes voltar o escenario o gaiteiro, cantautor, músico e poeta Tino Baz Baz, para interpretar Himno Galego.


Nani Matos, Eladio Martínez e Bieito Solo, tres amigos dende sempre e para sempre

 Por último virían ás felicitacions e a sinatura, por parte de Nani Matos, de exemplares da publicación editada pola Agrupación Cultural Guardesa.


Nani Matos asinándolle un libro a poeta e pintora Chuny Vázquez, en presenza da pianista e profesora, María Alonso Vázquez

 Foi un acto moi fermoso, moi emotivo e moi oportuno.

 Como persoa e como artista, Laureano Matos Barcia "Nani", ben merecía esta homenaxe no seu pobo.

GALERÍA DE IMAXES

Ningún comentario:

Publicar un comentario