26 de maio de 2017

VIGO

Carmela Silva presenta o "Atlántico Express" que unirá Vigo e Porto o 3 de xuño para promocionar os 8 + 1 "Festivais Rías Baixas" 

O tren celta que une Vigo coa urbe portuguesa encherase de música, gastronomía e de profesionais das novas formas de comunicación que virán coñecer as Rías Baixas  

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero e o Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá na estación de tren de Vigo-Guixar o "Atlántico Express"
Foto: D.P.

Infogauda / Vigo

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero e o Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá na estación de tren de Vigo-Guixar o "Atlántico Express", o tren que unirá por segundo ano consecutivo as cidades de Vigo e Porto para promocionar os 8 + 1 festivais musicais que se desenvolverán este verán na provincia, os "Festivais Rías Baixas".  

 Carmela Silva anunciou que o "Atlántico Express" sairá da estación de Vigo-Guixar o vindeiro 3 de xuño ás 8:56 horas "para promocionar algo extraordinario, fantástico, rompedor, único e auténtico como son os #RíasBaixasFests", 8 + 1 citas "que non deberás perder". A Presidenta provincial asegurou que "a industria musical das Rías Baixas é un referente no Estado e a nivel internacional" e por iso asegurou que "as voces que nos van acompañar neste tren" (Najla Shami, Mounqup e Basanta-Cromestesia) "son únicas, cunhas letras apaixonantes e que van dar moito que falar". No tren estarán presentes, ademais dos e das promotoras dos festivais, alcaldes de algúns dos concellos onde se celebran.  

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra afirmou que "o tren celta Vigo-Porto vaise converter nun espazo de cultura, de música, onde ademais de compartir unha paisaxe extraordinaria poremos en valor todo o noso talento". Carmela Silva agradeceu aos e ás promotoras dos Festivais Rías Baixas pola súa "capacidade para sumar e de traballar xuntas e xuntos para crear unha idea conxunta de ideas diferentes pero que se complementan".  

 Os Festivais Rías Baixas son o Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Cultura Quente (Caldas de Reis), PortAmérica (Caldas de Reis), O Marisquiño (Vigo), SinSal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán de Arousa) e Vive Nigrán (Nigrán), ademais dunha "edición especial en Cambados por ser este ano escollida Cidade Europea do Viño". Carmela Silva asegurou que, para promocionalos, "o Atlántico Express que vai estar cheo de música, música en feminino e en masculino porque tamén nos festivais apostamos pola igualdade".  

 A novidade deste ano é que ademais de que o tren volverá ser o escenario da presentación dos #RíasBaixasFests, por primeira vez farán a viaxe blogueiras e blogueiros, instagrammers e xornalistas de Porto con milleiros de seguidores, "que virán connosco no tren de volta e pasarán o domingo 4 de xuño en Vigo", afirmou Carmela Silva. "Faremos que se queden en Vigo, durman nesta cidade, para que o día seguinte fagan un percorrido por Rías Baixas e poidan desfrutar das nosas paisaxes, estar nas localidades onde se realizan algúns dos festivais e que as redes soamente falen dos nosos Festivais Rías Baixas", engadiu. Deste xeito visitarán vilas como Caldas de Reis "por onde pasa o Camiño Portugués e achegarémoslles o termalismo", Cambados para coñecer o seu casco histórico e unha bodega, ou Bueu "onde está o mellor polbo do mundo".  

 A Presidenta provincial asegurou que "estamos facendo unha revolución á hora de ser capaces de traballar e planificar en conxunto, é algo que vai permitir que sexamos moito mellores do que xa é cada festival pola súa conta, un soño feito realidade en paisaxes que non se poden cualificar porque a súa beleza é única". Carmela Silva lembrou que estes festivais, os #RíasBaixasFests, teñen lugar "en carballeiras, as nosas árbores senlleiras, en illas, preto da costa, pero tamén no interior" e "contan con grupos consolidados e novos grupos de enorme calidade e talento".  

 O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou á Deputación de Pontevedra "por formular novas dimensións á hora de entender a cultura e o turismo" e afirmou que "así, o tren xa non é só un medio de transporte senón tamén de transmisión da cultura, da festa e da nosa gastronomía" promocionando uns "Festivais que forman parte da nosa historia, pero nunha versión actualizada". Pola súa banda, os promotores dos Festivais Rías Baixas (Jordi Lauren de SonRías Baixas e Luis Campos de SinSal) aseguraron que "cada ano damos un paso máis para situarnos como referente cultural", sinalou Lauren, e asegurou que "esta unión nos permite engadir sinerxías continuamente e que xurdan oportunidades que doutra forma serían imposibles". Campos, ademais, asegurou que "tamén estamos traballando para crear sinerxía cos festivais do norte de Portugal" e lembrou que "a nosa unión é moi interesante porque permite que teñamos un diálogo e que, malia ser empresas distintas, haxa unha identidade nos proxectos que desenvolvemos".  

 Ademais da música, o tren celta tamén contará con actividades gastronómicas, ao contar cun almorzo "con produtos propios da nosa terra", sinalou a Presidenta provincial, e á volta (ás 19:10, hora portuguesa) "tamén produtos propios das Rías Baixas acompañados dos nosos caldos, os mellores viños brancos do mundo". Carmela Silva lembrou que "os e as visitantes portuguesas ocupan a primeira posición en número, co 22%, e marcamos o obxectivo de que esa cifra se incremente ata o 30% en 2018".

Ningún comentario:

Publicar un comentario