24 de maio de 2017

PONTEVEDRA

MOSQUERA: “ESTAMOS A FREAR AS DEMANDAS DE COMPOSTEIROS QUE NOS CHEGAN DOS CONCELLOS; PODERÍAMOS DUPLICAR OU TRIPLICAR OS XA INSTALADOS” 

O vicepresidente asegura que os municipios que recibirán agora os centros comunitarios serán os que aposten por aplicar acompostaxe como sistema xeral de xestión do lixo 

Os aspirantes a funcionarios interinos do Plan Revitaliza da Deputación iniciaron hoxe os exames prácticos de acceso, que se prolongarán ata o día 31 

No día de hoxe se iniciaron as probas prácticas para os aspirantes ás 20 prazas de funcionarios interinos do Plan Revitaliza
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente César Mosquera asegurou hoxe que a Deputación está a frear as demandas dos concellos para instalar máis centros de compostaxe comunitaria nos municipios da provincia. O nacionalista sinalou que, de ter aceptado todas as solicitudes recibidas, a cifra chegaría ao triple dos que hai instalados nestes momentos. “A demanda é moi forte, pero imos canalizala de xeito diferente a cando puxemos a andar o programa. Agora os composteiros asignaranse aos concellos que asuman a compostaxe como un sistema xenérico de tratamento de residuos”, subliñou. 

 Mosquera, de feito, indicou que agarda que o interese demostrado polos diferentes gobernos locais que xa teñen composteiros nos seus concellos funcione como “motor” para a segunda fase do Plan Revitaliza: a extensión dos centros de compostaxe comunitaria e individual e a nova división do lixo nos diferentes colectores. O vicepresidente lembrou que a intención é que todos os residuos orgánicos dos concellos se traten unicamente a través de composteiros, o que permitiría incluso a retirada do actual colector verde das rúas ou a súa recollida cunha frecuencia moito máis reducida, baixando así o custe de transporte e tratamento de residuos para os concellos.  

 Persoal técnico 
 Así mesmo, Mosquera lembrou que no día de hoxe se iniciaron as probas prácticas para os aspirantes ás 20 prazas de funcionarios interinos do Plan Revitaliza. As 12 persoas que pasaron a primeira proba (examen test) para o posto de técnico de residuos pasaron a mañá contestanto ao suposto práctico plantexado polo tribunal. Durante a tarde de hoxe e o día de mañá deberán defender a súa proposta de solución desa proba práctica. Os exames continuarán o vindeiro día 29, cando será a quenda para os aspirantes que optan ás prazas de mestras e mestres composteiros que, previsiblemente se prolongarán ata o día 31. 

 “O traballo feito polos bolseiros que estiveron a traballar dende o inicio no  Plan Revitaliza foi excelente, máis alá do esixible, máis debiamos ir máis alá e crear un corpo de técnicos. Unha vez rematen as probas de selección na Deputación daremos un salto adiante na prestación do servizo”, subliñou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario