25 de maio de 2017

A GUARDA

O PP da Guarda insta ao Goberno local a mellorar o servizo de recollida e a limpar e arranxar ou substituír os colectores do lixo.  

Non se pode impoñer multas aos veciños cando o desde o Concello non son capaces de ofrecer un servizo de recollida en condicións e cando o cheiro dos colectores é nalgunhas zonas insoportable pola falta de limpeza.  

Os concelleiros populares consideran necesario ademais implantar un servizo de recollida especial os sábados e vésperas de festivos   

Os concelleiros do PP afirman que "non se pode impoñer multas aos veciños cando desde o Concello non son capaces de ofrecer un servizo de recollida en condicións e o cheiro dos colectores é nalgunhas zonas insoportable pola falta de limpeza".
Foto: P.P. / A Guarda


Infogauda / A Guarda

 A voceira do PP da Guarda, Conchi Ortega, vén de rexistrar unha moción no Concello para o seu debate na próxima sesión plenaria, na que insta ao Goberno local a mellorar o servizo de recollida de lixo e a limpar e arranxar, ou nos casos necesarios substituír os colectores.    

 Nun momento no que o novo regulamento de lixo está en plena implantación e no que os veciños están expostos ao pago de sancións no caso de que non cumpran coas súas obrigas, o PP considera que o primeiro que debería dar exemplo debería de ser o Concello, afirma Conchi Ortega. De aí o seu voto en contra a este novo regulamento nas que se lle impoñen todas as obrigas aos veciños e ningunha ao Concello como limpar os colectores de lixo, non se teñen en conta as dificultades das persoas maiores para cumplir horario, son moitas as queixas que recibimos na nosa sede”.   

 Conchi Ortega considera que antes de castigar aos veciños con multas, o primeiro que debería facer o Concello é dar exemplo. Non se pode impoñer multas aos veciños cando desde o Concello non son capaces de ofrecer un servizo de recollida en condicións e o cheiro dos colectores é nalgunhas zonas insoportable pola falta de limpeza”.   

 Conchi Ortega recoméndalle ao alcalde dar unha volta pola Guarda para darse conta do estado lamentable dunha alta porcentaxe de colectores.   

 “Unha das obrigas do Concello - relembra a voceira do PP - é manter os colectores en perfecto estado e estar atentos a que se cumpra o servizo de recollida. Non queremos que se repita o espectáculo do verán pasado e dos últimos anos con colectores noxentos e cheos a rebosar, emitindo un cheiro desagradable”.   

 É moi fácil - sinala Conchi Ortega - poñer sancións e gastar máis de 7.000 euros en distribuír o texto informando das sancions a todos os veciños e en poñer adhesivos nos colectores, pero unha vez máis, como acontece co tráfico na seguridade vial, é máis sinxelo poñer multas e que a golpe de ameaza os veciños se vaian concienciando. Iso, na opinión dos populares guardeses é comezar a casa polo tellado, o máis normal e eficaz aplicar primeiro unha política de educación e concienciación sobre a importancia da reciclaxe.    

 Por todo isto, o PP da Guarda considera que o Goberno local debería non só limpar os colectores coa periocidade que esixa cada época do ano, senón que tamén se deberían reparar os elementos de retencións (tapas e bisagras) así como substituílas no caso de que non sexa posible a súa reparación ou incluso o colector por un novo se houbera algún inservible.    

 REFORZO DO SERVIZO 
 Ademais do mantemento dos colectores, desde o Partido Popular consideran necesario reforzar o servizo de recollida na época de verán, sobre todo nos lugares nos que se vaian celebrar eventos ou ao servizo dos locais de hostelería.   

 Os concelleiros populares consideran necesario ademais implantar un servizo de recollida especial os sábados e vésperas de festivos, para evitar a vergonza que a veciños e a turistas lle deu o verán pasado ver algunhas zonas do Concello, con lixo tirado polas rúas e un cheiro insoportable nalgunhas zonas, mentres desde o Concello facían ver que todo era normal

 O lixo e o mal cheiro non pode ser normal nun concello turístico coma o noso. Outros concellos cercanos e turísticos tamén, están tomando medidas das que poderíamos tomar nota”, conclúe a portavoz do Partido popular no Concello de A Guarda. 

1 comentario:

  1. Que lle exixades iso está bén, pero que o fagan cos medios adecuados ,e non mandando os traballadores sin as roupas e os elementos necesarios que require ese traballo.

    ResponderEliminar