13 de maio de 2017

A GUARDA

O DEPARTAMENTO DE MOBILIDADE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA TRABALLA NA REDACCIÓN DUN PROXECTO PARA UN ACCESO ALTERNATIVO AO PORTO DE A GUARDA

A proposta dunha nova vía para o Porto considerouse unha “acción estratéxica” no Plan de Mobilidade presentado pola institución provincial en febreiro   

A nova estrada permitiría un tratamento da rúa Concepción Arenal máis orientado aos peóns   

Uxío Benítez Fernández. deputado provincial de Mobilidade
Foto: D.P.

Infogauda / A Guarda

 O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, asegurou hoxe que a Deputación de Pontevedra está a traballar na elaboración dun proxecto para crear unha nova vía de acceso alternativo ao Porto de A Guarda. Os técnicos provinciais están a avanzar neste sentido despois de que o goberno local da concello guardés solicitase axuda para desenvolver a iniciativa. A nova estrada está considerada como unha “acción estratéxica” no Plan de Mobilidade presentado pola Deputación o pasado mes de febreiro, un documento que o concello pretende utilizar como folla de ruta a curto, medio e longo prazo para ordenar o espazo público do municipio de forma eficiente.   

Planimetría do proxecto chave para A Guarda: O ‘Acceso Sur’
Imaxe: D.P.

 O deputado provincial afirma que “o Estudo de Mobilidade e Espazos foi elaborado logo dun proceso participativo no que se tiveron en conta as opinións dos veciños e de diferentes sectores económicos e políticos por medio de reunións e enquisas. Este documento considera que é necesario enlazar a zona portuaria mediante eixos de comunicación máis eficientes que os actuais para os vehículos, evitando que camións de grandes dimensións e tonelaxe teñan que pasar polo núcleo da vila a través da rúa Concepción Arenal. Así, o estudo propón retomar e potenciar o proxecto de ‘Acceso Sur’ que leva varios anos en estudo –pendente da Xunta de Galicia-.  
 Dada a importancia do proxecto e, ante a paralización do goberno autonómico, a Deputación está adiantando pasos para desenvolver propostas para a nova vía. A raíz de aí, preténdese que a Xunta se implique na execución dunha arteria de comunicación que debe ser da súa competencia.  

 É preciso lembrar - engadiu Uxío Benítez - que a construción da estrada alternativa ao Porto permitiría un desenvolvemento do centro urbano e da rúa Concepción Arenal en particular apostando por un deseño máis orientado a promocionar a mobilidade peonil, segura, sustentable e inclusiva.    

 Benítez Fernández relembra igoalmente: Outras das propostas do Plan de Mobilidade para  A Guarda, hai que lembrar, eran a peonalización do casco vello, priorizar os tránsitos peonís nas vías principais, redeseñar progresivamente as rúas do resto da vila, e crear unha rede de bolsas de aparcamento en localizacións estratéxicas co fin de eliminar aparcamentos irregulares nas estradas, gañando esas áreas para o uso da veciñanza. Tamén se sinala a necesidade de crear camiños escolares seguros cara a zona da Sangriña e dos equipamentos deportivos

Ningún comentario:

Publicar un comentario