22 de maio de 2017

A GUARDA

A Galiña Azul, de Carlos Casares, pecha a semana das Letras Galegas na Guarda 

Tódolos colexios da Guarda acudiron este luns, ao Auditorio de San Benito para desfrutar do espectáculo“A galiña azul”, protagonizado por Fran Rei
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Esta mañá, tódolos colexios da Guarda acudiron ao Auditorio de San Benito para desfrutar do espectáculo “A galiña azul”, protagonizado por Fran Rei. Un espectáculo cargado de humor, narración e maxia, no que os cativos participaron activamente e aprenderon un pouco máis sobre Carlos Casares, o autor homenaxeado este ano, e as cinco historias que compoñen a súa obra “A galiña azul”: “O peixe da fonte do xardín”, “A bomba da felicidade”, “A galiña azul”, “A formiga esquiadora” e “O final da historia da galiña azul”. Unindo todas elas con incrible mestría, Fran Rei soubo captar a atención dos nenos e facerlles comprender unha importante lección moral: todos somos iguais, sen distincións de ningún tipo.  

 Trátase do broche final a unha longa semana adicada ás Letras Galegas que comezaba o pasado venres 12 de maio na Biblioteca Municipal, coa lectura de fragmentos do autor e o acompañamento musical das Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa.  

Xamaraina, un dos grupos participantes no Día das Letras Galegas, no Auditorio San Bieito, de A Guarda
Foto: Infogauda

 O mércores 17 tivo lugar, no Auditorio de San Benito, o Festival das Letras Galegas organizado pola Agrupación Cultural Guardesa. Sendo xa toda unha tradición na Guarda, este acto contou coa actuación de varios grupos locais e ó remate, entregáronse os premios aos gañadores dos concursos de redacción e debuxo da mesma Agrupación. Estes traballos estiveron expostos no Centro Cultural dende o 11 ao 21 de maio.  

 O sábado 20 pola mañá e novamente na Biblioteca da Guarda os máis pequenos da casa, nenos dentre 1 a 5 anos puideron desfrutar co Cantacontos de Pablo Díaz. Mentres a noitiña, o público adulto gozou da posta en escea de Cándido Pazó en “Memorias dun neno labrego”, unha obra de teatro baseada no clásico de Xosé Neira Vilas, moi esperada polos guardeses e guardesas, posto que esgotou as entradas aos poucos días  de poñerse en circulación.  

No escenario, compoñentes da compañía Daboapipa
Foto: C.A.G.

 A X Feira do Libro ocupou todo o domingo a Praza do Reló, con descontos do 20% nas librerías participantes e unha morea de actividades pensadas para tódolos públicos: espectáculo infantil a cargo dun entregado Luis Vallecillo e “Cantamos un conto?”; unha mesa redonda con tres xóvenes blogueiros (Pablo García, Paula Tourón e Daniel Portela) que nos contaron as súas experiencias no mundo da Internet; a esperada sinatura de libros de Fina Casalderrey e a emocionante obra “Historias de vida, amor, guerra e case morte” da compañía Daboapipa.  

Luis Vallecillo, en plena actuación na Praza do Reló, co gallo da X Feira do Libro
Foto: C.A.G.
Os blogueiros Pablo García, Paula Tourón e Daniel Portela contaron as súas experiencias no mundo da Internet
Foto: C.A.G.

 En fin, A Guarda estivo este mes de maio totalmente dedicada á celebración das Letras Galegas e da cultura en xeral, promovendo a lingua galega cos diferentes eventos e iniciativas que buscan chegar a tódolos cidadáns e cidadás.

Ningún comentario: