13 de abr. de 2017

TOMIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REUNIRÁ EN TOMIÑO AOS MÁXIMOS ESPECIALISTAS DE EUROPA EN COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA PARA DESENVOLVER A AECT RÍO MIÑO 

O deputado Uxío Benítez sinala que é preciso “aprender dos logros e debilidades doutras experiencias de éxito” como asdas agrupacións do Danubio ou do Douro, tamén artelladas arredor dun río

Vista aérea do río Miño
Foto: D.P.


Infogauda / Tomiño

 A Deputación de Pontevedra reunirá o venres día 21 de abril, en Tomiño aos máximos especialistas en Cooperación Transfronteiriza de toda Europa. O obxectivo, segundo sinalou o deputado Uxío Benítez Fernández, responsable na materia na institución provincial, é “aprender dos logros e debilidades doutras experiencias de éxito para desenvolver a nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, que está en proceso de constitución, e que pretende desenvolver proxectos para poñer en valor o territorio da fronteira galego-portuguesa”.  

 As xornadas, denominadas ‘A nova AECT Río Miño dende unha visión comparada: a raia e Europa’, contarán coa presenza de personalidades tan destacadas como Slaven Klobucar, administrador das AECT e da Cooperación Transfronteiriza no Comité das Rexións, ou Martín Guillermo, secretario Xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa, ambos os dous representantes de institucións de xestión das agrupacións europeas dentro da UE que falarán sobre as necesidades e oportunidades destas asociacións. No ámbito das experiencias internacionais concretas, pola súa banda, estarán as intervencións de Johanna Fischer, xestora de proxectos da AECT Eurodistrict Saarmoselle (territorio franco-alemán) e de Zoltán Bará, director Executivo da AECT Pons Danubii (territorio húngaro e eslovaco).   

 A AECT Saarmoselle pretende promover a cooperación transfronteiriza entre o estado federado de Sarre e o departamento francés de Mosela en aras de aumentar o atractivo e a competitividade do territorio transfronteirizo, garantir o seu crecemento, emprego e calidade de vida. Así mesmo, o labor da entidade é defender os intereses da rexión transfronteiriza fronte a institucións rexionais, estatais e europeas. Neste sentido hai que sinalar que afecta a un territorio de máis de 600.000 habitantes e que, dende a súa creación en 2010, xa puxo en marcha varios proxectos, como a conexión por medio de liñas de autobús, o estudio de instauración dun ferrocarril urbano ou a valorización de contornos de paisaxe fluvial (‘A banda azul do Sarre’) e de patrimonio industrial (‘O roteiro do lume’). Entre os seus obxectivos futuros está a posta en marcha de escolas infantís transfronteirizas, a cooperación no ámbito da planificación urbanística e territorial ou mellorar a cooperación sanitaria.  

 Pola súa banda, a AECT Pons Danubii, artellada arredor do río Danubio, foi oficialmente rexistrada en decembro de 2010, sendo a decimoquinta agrupación de cooperación transfronteiriza da Unión Europea.   

 Así mesmo, haberá representantes que relatarán experiencias de AECT dentro da Península Ibérica, como Xosé Lago, director da AECT Galicia-Norte de Portugal; Pablo M. Rivera, director executivo da AECT Eurocidade Chaves-Verín; José L. Pascual, director xeral técnico da AECT Duero-Douro; Francisco Muñoz, secretario técnico da Eurocidade do Guadiana ou Carmen Arribas, responsable técnica da AECT León-Bragança.  

 Como exemplo, o responsabe da AECT Duero-Douro, tamén organizada arredor dun río –igual que no caso do Miño-, explicará o funcionamento as características da agrupación, creadas en marzo de 2009 e que conta actualmente con 200 membros. Ata o de agora vén traballando en proxectos, con e sen financiamento comunitario, arredor da igualdade de oportunidades, do desenvolvemento económico e local, do transporte público, da I+D+i, e do turismo, a cultura e a acción social, entre outros ámbitos.    

 Reforzar sinerxias sobre o Miño  
 A día de hoxe, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minhoestán á espera da aprobación oficial para a nova AECT do Miño, que busca reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río. As distintas estruturas de cooperación transfronteiriza existentes ata o de agora, así como as iniciativas desenvolvidas nos últimas anos na zona amosan a vontade de traballar en común, de xeito que a AECT vén consolidar esta vivencia. Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, “a AECT Río Miño non persigue substituír nin sobrepoñerse a outras estruturas a distintas escalas, senón cooperar con elas co obxectivo de reforzar a presenza do espazo do Miño nos debates sobre a raia”.  

 Así, no camiño da posta en marcha da AECT galego portuguesa do leito fluvial do Miño, “cremos necesario organizar unha xornada de traballo na que se poidan debater os resultados obtidos ata o momento doutras AECT de maior percorrido. É necesario xa que logo aprender dos logros e tamén das debilidades doutras experiencias que sirvan de guieiro para o lanzamento e primeiros pasos da AECT Río Miño. Por iso, esta xornada pode ser de interese para todas aquelas persoas vinculadas co transfronteirizo, en especial na área do Río Miño”, subliñou Benítez. 

 Hai que lembrar que nas últimas tres décadas, e sobre todo grazas ás políticas de cooperación territorial e transfronteiriza da Unión Europea, xurdiron no espazo comunitario múltiples estruturas que buscan forxar proxectos territoriais máis alá das fronteiras dos estados-nación. Desde o 2006 foron creándose no contexto ibérico unha vintena de AECT e máis de cincuenta no espazo común. No contexto da raia galaico-portuguesa, están a actuar a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e a máis recente Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), que son dous referentes da cooperación a nivel europeo.   

 Nas xornadas organizadas pola Deputación para o venres 21 de abril en Tomiño -en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Tomiño- estarán presentesA lfonso Rueda, conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia; Fernando Freire de Sousa, presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; José María da Cunha Costa, presidente do CIM Alto Minho; Sandra González, alcaldesa do Concello de Tomiño; Rubén C. Lois, director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, e Uxío Benítez, deputado provincial de Cooperación transfronteiriza.

Ningún comentario: