15 de abr. de 2017

SANIDADE

A Xunta de Galicia facilita a instalación de desfibriladores externos para mellorar a cobertura destes equipos en Galicia 

Búscase incrementar o número de persoas formadas para o seu uso, sexan ou non profesionais sanitarios  Contará cun rexistro de localización dos DESA para poder trasladalos no menor tempo posible ao lugar da emerxencia  

O 8 de maio realizarase un simulacro do programa Acude e Axuda para a asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia traballa para mellorar en Galicia a cobertura dos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) e incrementar o número de persoas formadas para o seu uso, sexan ou non profesionais sanitarios. Con este obxectivo o Diario Oficial de Galicia publicou recentemente o decreto polo que se regula a instalación e uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, que establece as normas para a implantación dos DESA na comunidade autónoma.
 O texto céntrase en dar as máximas facilidades para a instalación dos dispositivos e en simplificar a obtención da titulación necesaria para a súa utilización. Isto é posible polos avances nos propios desfibriladores, que permiten o seu uso cunha formación básica por parte dos usuarios, dado o carácter automático ou semiautomático do seu funcionamento.
 Ademais, nel se contempla a creación do Rexistro de Desfibriladores Externos de Galicia, elaborado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que permitirá acceder á información sobre a súa situación e a súa utilización pública, o que favorecerá o coñecemento previo polos servizos de emerxencia (bombeiros, protección civil, forzas e corpos de seguridade etc.) para o seu uso inmediato.
 Co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a necesidade de dispor deste tipo de aparatos en lugares onde se concentre un elevado número de persoas, o decreto recomenda a súa instalación en espazos como grandes establecementos e centros comerciais, aeroportos, portos comerciais, estacións e apeadoiros de autobús ou ferrocarril, establecementos públicos, instalacións deportivas e centros educativos, entre outros.
 Tamén sinala que as administracións sanitarias de Galicia impulsarán a formación en contidos de soporte vital básico e manexo de desfibriladores e promoverán os mecanismos de coordinación oportunos con protección civil, bombeiros e policía local para estender a instalación e uso destes aparellos. Este compromiso da Administración pública vese reforzado no texto ao establecerse, así mesmo, que nas licitacións de contratos a oferta de desfibriladores supoña unha mellora que contabilice no concurso.
  Acude e Axuda
 Doutra banda, o Servizo Galego de Saúde realizará o próximo 8 de maio en Santiago de Compostela un simulacro para dar a coñecer o programa Acude e Axuda de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria por voluntarios que estean acreditados no manexo de desfibriladores externos semiautómaticos. 

 Esta iniciativa consiste en coordinar a cidadáns, inicialmente da rede de voluntarios da Cruz Vermella, que ante a aparición dunha alerta de parada cardíaca reciben un aviso vía aplicación de smartphone por parte do 061. Dende este centro levarase a cabo a coordinación para mobilizar aos que estean máis próximos ao suceso, tanto para a atención directa á parada como para recoller un desfibrilador na zona, ata que cheguen os servizos sanitarios do 061.

 O programa comezou o pasado mes de novembro en Santiago de Compostela como proxecto piloto coa finalidade de implantalo en toda Galicia, entre as accións que se están a desenvolver para a mellora da atención á morte súbita. Nel colaboran o Servizo Galego de Saúde, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Cruz Vermella e a Sociedade Española de Cardioloxía.
 En Galicia as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes. Entre os anos 2001 e 2015, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aplicou o DESA a 5046 pacientes. No 26,3% dos casos (1329 persoas), o desfibrilador detectou un ritmo desfibrilable e realizou descargas, e deles o 53,19% (707 persoas) recuperou o pulso durante a atención extrahospitalaria. Nestas situacións, a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos resulta imprescindible para abordar con éxito as manobras de reanimación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario