12 de abr. de 2017

PONTEVEDRA

Medio Rural proporciona material para a loita contra a vespa velutina a catro concellos de Pontevedra 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega das pértegas e traxes de protección aos alcaldes de Portas, Pazos de Borbén e O Rosal, así coma a técnicos municipais de Poio

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega esta mañá de diverso material de loita contra a vespa velutina

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega esta mañá de diverso material de loita contra a vespa velutina a outros catro novos concellos da provincia de Pontevedra.

 En concreto, trátase dos municipios de Portas, O Rosal, Pazos de Borbén, que estiveron representados no acto polos alcaldes, Víctor Estévez, Jesús María Fernández e Andrés Iglesias, así coma técnicos municipais do concello de Poio. Facilitáronse catro pértegas, unha a cada un, así como dous traxes especiais de protección para o concello de Portas.
No acto tamén estiveron presentes o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e o responsable do Servizo de Emerxencias de Pontevedra, Evaristo Juncal.


 A distribución deste material faise a aqueles concellos que non recibiron pértegas en 2016 e está dirixida aos que tiveron maior número de avisos deste insecto invasor en dito ano. O número total de pértegas que está previsto entregar ao longo deste ano é de 41. Ademais, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está distribuíndo un total de 5.700 trampas e doses de líquido atraente entre os apicultores dos concellos afectados, co obxecto de capturar as raíñas que saen da hibernación e impedir así a formación de novos niños. Estas trampas complementan ás 5.100 que xa foron distribuídas aos apicultores nos anos 2015 e 2016.


 No ano 2016 retiráronse ou inactiváronse, a través do operativo conxunto establecido pola Xunta de Galicia e os concellos colaboradores, un total de 10.272 niños en Galicia, segundo datos oficiais, dos cales 2.642 corresponderon á provincia de Pontevedra. No que levamos de 2017 déronse un total de 3.068 avisos en Galicia dos cales 1.396 corresponderon á Pontevedra.


 No Plan de vixilancia e control desta especie invasora, colaboran actualmente coa Xunta –a través do seu propio persoal– un total de 100 concellos: 40 da provincia da Coruña, 17 de Lugo, 19 de Ourense e 24 de Pontevedra, sendo o seu apoio fundamental para o control da vespa velutina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario