8 de abr. de 2017

O ROSAL

Turismo de Galicia dota os muíños de Folón e do Picón dunha área de recepción de visitantes e aparcadoiro que pon en valor este conxunto patrimonial único en Europa 

Nava Castro inaugurou hoxe este novo espazo e outras melloras para as que Turismo de Galicia destinou 250.000 euros coa finalidade de mellorar os servizos dispoñibles no conxunto e impulsar o turismo no Baixo Miño  

A través desta intervención habilitouse unha área de chegada, un aparcadoiro para turismos e autobuses, un punto limpo, aseos e unha zona de descanso

Vista dos Muiños do Picón e do Folón, no Rosal
Foto: Infogauda

Infogauda / O Rosal  

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou hoxe no Rosal a área de recepción de visitantes e o aparcadoiro dos Muíños do Folón e do Picón para os que a Xunta de Galicia destinou un total de 250.000 euros.
 Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta destacou que a dita intervención pon en valor este conxunto patrimonial, declarado Ben de Interese Cultural, do cal afirmou “constitúe un complexo histórico, etnográfico e industrial único en Europa”.
 Neste senso, Nava Castro engadiu que, ademais, esta mellora potenciará a oferta turística da comarca do Baixo Miño.
 Os traballos realizados nos Muíños de Folón e do Picón incluíron a creación dunha área de chegada, dunha zona de aparcadoiro para turismos e autobuses e dun punto limpo para que os visitantes deixen recollidos os residuos que xeren durante a súa visita.
 Así mesmo, realizouse un pequeno volume que acolle uns aseos para uso dos visitantes e acondicionouse unha zona para charlas ao aire libre e descanso.
 “Desta maneira, ademais de visitar o conxunto mediante unha ruta circular, poderanse realizar actividades complementarias e relacionadas co ocio e co turismo neste espazo natural”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
 De feito, o acto de inauguración completouse esta tarde ás 20:30 horas coa representación teatral ‘Historias peregrinas’ que tivo lugar no propio conxunto patrimonial.
 Para finalizar, Nava Castro aproveitou a ocasión para enxalzar o rico patrimonio de Galicia do cal afirmou “aglutina importantes tradicións e elementos etnográficos e da vida social e tradicional polos que debemos apostar para non perder esta cultura propia que nos identifica como pobo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario