O ALCALDE DO ROSAL AFIRMA QUE A AUGA DA TRAÍDA MUNICIPAL É APTA PARA O CONSUMO
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal ven de facer pública á seguinte nota informativa:
Ante a alarma social creada por unha nota informativa do PSOE do Rosal difundida entre a poboación e nos medios de comunicación no día de onte, o Concello do Rosal informa:
– Que a auga de abastecemento da traída municipal ten todas as garantías sanitarias que o Real Decreto 140/2003, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano, esixe para a súa distribución.
– Que é certo que o valor paramétrico para o Al (aluminio) que este decreto establece para a auga é de 200 µ/l ( na nota difundida do PSOE multiplican por mil a cantidade existente porque segundo afirman esta é de 210mg, 230mg e 347mg/l, sendo a unidade de medida o microgramo e non o miligramo como difunden)
– Que é certo que este valor de 200µ/l se supera en ocasións, segundo as choivas, pero que en ningún momento esta auga deixa de ser apta para o consumo humano, de feito a Consellería de Sanidade a considera apta para o seu consumo con incumprimento para este parámetro.
– Que o R.D. 140/2003, é una norma nacional, quere decir isto que non contempla as augas que pola súa natureza son máis ricas en algúns parámetros, como o Al, dependendo da localización do manancial. É dicir, se o manancial nace en rochas ricas en silicatos de Al, como o é o caso do manancial da Arcela que abastece á traída municipal, esta auga é máis rica en Al.
– Que precisamente por este feito, existe un documento consensuado entre o Ministerio de Sanidade e as CC.AA., aprobado o 9 de marzo de 2005, no que se desenvolve o artigo 27.7 do RD 140/2003, e que establece una marxe entre 200µ/l e 1000µ/l, para a auga de consumo humano, sendo non apta a partir desta cantidade.
– Que o mesmo sucede co parámetro pH que, no caso de Galicia, é máis baixo que noutras zonas de España pola natureza da rocha e non por iso, deixa de ser apta para o seu consumo.
– Que a Consellería de Sanidade é coñecedora en todo momento desta disconformidade ou incumprimento e que, conxuntamente, se está a traballar nun proxecto para a súa corrección. Por todo o exposto, o Concello do Rosal, reitera que a auga da traída municipal é APTA PARA O CONSUMO, con todas as garantías sanitarias e lamenta que a FALTA DE INFORMACIÓN, DESCOÑECEMENTO E IRRESPONSABILIDADE poida causar algún tipo de alarma social.
En calquera caso, estamos á disposición dos veciños e veciñas para facilitarlles calquera información que precisen.
Jesús Mª Fernández Portela, Alcalde do Rosal, a oito de abril de 2017

Ningún comentario:
Publicar un comentario