11 de abr. de 2017

O ROSAL

INAUGURADA A EXPOSICIÓN “DE PONTEVEDRA A RÍO”

"De Pontevedra a Río 2016" estará dispoñible para toda a veciñanza ata o domingo 23 de abril en horario de 10:00 a 14:00 horas e tamén de 16:00 a 20:00 horas na Sala de Exposicións do Concello do Rosal


A deputada provincial de deportes Chelo Besada - no cnetro da imaxe - co alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández e membros da Corporación Municipal
Fotos: D.P.


Infogauda / O Rosal

 A deputada provincial de deportes Chelo Besada, ven de inaugurar no Concello do Rosal, a exposición “De Pontevedra a Río”. O acto contou coa asistencia do alcalde, Jesús Mª Fernández Portela; da 1ª tenente de alcalde, María del Carmen Alonso Alonso; da 2ª tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo; e do concelleiro de Industria, Comercio e Deportes, Ángel Martínez Villa.

 A  mostra fotográfica da Deputación de Pontevedra "De Pontevedra a Río 2016", coa que a institución provincial quere render homenaxe aos e ás deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións tanto dos xogos olímpicos como paralímpicos xa está instalada na Casa do Concello do Rosal. Poderá visitarse ata o domingo 23 de abril, na sala de exposición do Concello do Rosal, en horario de 10:00 a 14:00 horas e tamén de 16:00 a 20:00 horas. 



  A deputada de Deportes, Chelo Besada, asegurou que "estes e estas deportistas son o noso orgullo e axudaron a que o nome da nosa provincia chegase ata a cidade de Río e, de alí, a todo o mundo". Por iso agora a institución provincial puxo en marcha esta mostra fotográfica co obxectivo de que "tamén os seus nomes, os destas 16 persoas tan valentes e que amosaron o seu compromiso pola calidade do noso deporte, non queden no esquecemento tralo seu paso por estas competicións", isto é, segundo a deputada, "que todas as pontevedresas e pontevedreses os lembren e se convertan en partícipes dos seus logros".  

 Chelo Besada sinalou que, máis aló dos méritos que puideron obter estas persoas en Río 2016, "temos que ser todas e todos conscientes do grande mérito que supón a súa participación nestes eventos de tan alto nivel porque non chegan aí dende a nada, senón froito do traballo de moitos anos, dun grande esforzo e perseveranza que, en moitos casos, levou consigo sacrificar outras parcelas das súas vidas".  

 A exposición recolle o palmarés dos 16 deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra, nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Tamara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.  

 "De Pontevedra a Río 2016" é unha exposición itinerante organizada pola Deputación de Pontevedra. Antes da súa chegada ao concello do Rosal, a mostra xa percorreu distintos espazos públicos dos concellos de Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín e Ponteareas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario