O ALCALDE DO CONCELLO DE A GUARDA RELÉMBRALLE Á CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO QUE ESTAMOS AGARDANDO POR UN PROXECTO DE AUDITORIO
Tal vez, haberá que ir pensando, poñamos por caso, en facer, de xeito coordinado co Concello, algunha actividade - por exemplo unha Maratona Cultural - na que participen tódalas asociacións culturais existentes no municipio, para que de unha vez por todas, saiban o que a cidadanía de A Guarda é capaz de facer, culturalmente falando
Parcela que o Concello de A Guarda ofrecerá ás administracións para o futuro proxecto de Auditorio
Imaxe: Arquivo Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Que o municipio de A Guarda necesita un Auditorio Municipal, con un aforo non inferior o que tiña o Cine-Teatro Avenida, é algo que ninguén con responsabilidades de representación pública, sexa a nivel municipal, a nivel provincial, a nivel autonómico e mesmo a nivel estatal, non debera ignorar. Acontece que os veciños de A Guarda somos, por natureza, xente con paciencia. O cal non quer decir, que teñamos que aturar, un ano sí e outro tamén, o esquecemento o que nos teñen sometidos, cecais por aquilo de estarmos situados na periferia da Península Ibérica.
A Guarda, pola súa demostrada actividade socio cultural, polo movemento asociativo existente desde fai décadas no municipio, entre outras razóns, igoalmente de peso, non debera continuar véndose esquecida polas diferentes Administracións públicas.
Desde Infogauda temos a percepción de que probablemente non se nos ten escoitado axeitadamente. Cecais á lexítima reivindicación de un Auditorio Municipal non é suficiente para que desde os órgaos decisorios se den os pasos necesarios para que nun prazo aceptable, A Guarda poida contar con esa infraestructura cultural. Tal vez, haberá que ir pensando, poñamos por caso, en facer, de xeito coordinado co Concello, algunha actividade - por exemplo unha Maratona Cultural - na que participen tódalas asociacións culturais existentes no municipio, para que de unha vez por todas, saiban o que a cidadanía de A Guarda é capaz de facer, culturalmente falando, para que se nos teña en conta e o Auditorio Municipal sexa unha realidade nun prazo razonable de tempo. E para iso hai que ir dando pasos cara a ese lexítimo obxectivo, e nesa lexítima aspiración queremos que tanto o Concello, como á Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia, se impliquen nese reto.
Coñecedores da necesidade de un Auditorio Municipal na Vila de A Guarda, desde o Concello, o alcalde Antonio Lomba Baz e a concelleira Elena Baz Rodríguez xa deixaron constancia desa carencia. Acontece que desde entón, por motivos que descoñecemos, a solicitude non tivo á resposta institucional que cabería agardar. Por esa razón, probablemente, o alcalde considerou oportuno deixar constancia de que a petición ainda non foi atendida. Dese xeito, desde a Alcaldía do Concello de A Guarda, ven de dirixir á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, á seguinte comunicación:
Estimada Conselleira.
De novo me poño en contacto contigo para reiterar por escrito a solicitude dunha cita cando mellor conveñas, dado que despois da petición de xuntanza que che enviei con RS do concello nº 3281, de data 1 de decembro de 2016, non recibín resposta a pesar das reiteradas chamadas telefónicas que temos feito para saber como está o estado da nosa solicitude.
Traslado o contido daquel escrito para poñerte en situación.
Como recordarás en setembro de 2016 tiven a oportunidade de manter unha xuntanza contigo na sede da Consellería na que tamén estaba presente a concelleira de cultura do concello da Guarda. Naquela ocasión fixémosche entrega dun escrito no que argumentabamos a solicitude dun auditorio.
Tanto a concelleira como eu mesmo saímos satisfeitos daquela reunión xa que ambos entendemos que eras sensible ás demandas que che faciamos en nome dos veciños da Guarda e que había unha vía para que a Xunta fixera posible a construción dun auditorio na nosa vila. Daquela, dada a proximidade das eleccións á Xunta de Galicia, non adquiriche ningún compromiso en relación ao proxecto pero si nos emprázache a falar de novo no caso de que despois das eleccións seguiras mantendo o teu cargo.
Dado que continúas de responsable da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio diríxome de novo a ti para solicitar unha cita cando conveñas, na que retomemos a nosa solicitude co obxecto de poñer en marcha este proxecto tan necesario para os veciños da Guarda.
Dende aquela data tentamos manter vivo o proxecto dun auditorio para A Guarda. Mantivemos unha colaboración coa escola de Arquitectura Gallaecia de Vilanova de Cerveira na que un grupo de alumnos e alumnas nos fixeron propostas do proxecto do auditorio e tamén tivemos contactos coa Deputación para que colaboraran, cando menos, na redacción do proxecto.
Espero a túa resposta e que poidamos reunirnos en breve.
Recibe un atento saúdo.
O alcalde
Antonio Lomba Baz
BEATRIZ MATO OTERO
CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO
San Lázaro, s/n
15781 – Santiago de Compostela
A Señora conselleira non responde.... Fai coma vostede, Xa están iguais.
ResponderEliminar