FÚTBOL
A A.D. Tomiño chama a apoiar aos seus Cadetes ante o Sporting Guardés
O luns, ás 19:30 h., no Estadio Municipal A Sangriña, un partido decisivo
Informa: Gonzalo Lomba / Tomiño
Na A. D. Tomiño levamos toda a tempada agardando este momento. O luns, as 19:30 h., no Estadio Municipal A Sangriña, de A Guarda, os nosos cadetes A.D. teñen a oportunidade de pechar o ascenso e volver á Primeira Autonómica. Logo da alegría pola permanencia dos xvenís A.D. certificada a pasada xornada, as miradas vólvense agora cara uns cadetes A.D. que levan unha tempada para enmarcar: 72 puntos obtidos dos 78 disputados ata o momento para un equipo que, se aínda non gañou a liga, é polo extraordinario nivel dos seus perseguidores. En concreto dun U.D.Atios que non afrouxou durante todo o ano.
Así, o luns, na penúltima xornada da tempada, os rapaces comandados por Jesús e Bruno terán a primeira oportunidade de asegurar o primeiro posto do seu grupo. Pero o rival non será sinxelo: o Sporting Guardés, terceiro en discordia e un dos dous únicos equipos capaces de gañar aos nosos nesta tempada.
De gañar, os cadetes A.D. colocaríanse con 75 puntos e serían campións de xeito matemático, acadando o obxectivo perseguido durante toda a liga. Ademais, A.D. Tomiño e Sporting Guardés son, respectivamente, o equipo máis goleador e o menos goleado neste grupo cadete polo que se prevé un encontro moi disputado.
Dende a A.D. Tomiño queremos animar aos nosos afeccionados a achegarse ata o campo de A Sangriña o luns ás 19:30 para apoiar aos nosos rapaces e desfrutar dun equipo que, durante todo o ano, nos ofreceu grandes partidos. O apoio da afección axudará aos nosos a dar o mellor de si e, tal vez, lograr os tres puntos que os fagan campións. Go Reds!
Ningún comentario:
Publicar un comentario