CULTURA
O Museo do Mar de Galicia acolle a presentación de Vikingland 2016, do trío audiovisual Ulobit
Infogauda / Vigo
O Museo do Mar de Galicia acollerá este venres día 31 de marzo, ás 19:30 horas a presentación de Vikingland 2016 do trío audiovisual Ulobit. No acto darase a coñecer o traballo, proxectaranse os sete cortes audiovisuais da obra e haberá unha charla cos creadores.
Vikingland 2016 conta cunha produción limitada a 100 unidades e embálase nun orixinal estoxo consistente nunha lata de conservas que inclúe unha memoria USB. O pen contén o material audiovisual artístico, con imaxes do filme Vikingland de Xurxo Chirro, e outra información do proxecto. Ademais é regravable e ten 8 Gb de espazo.
Este proxecto artístico parte do material gravado en formato caseiro Hi8 nos anos 90 por ‘O Haia’, un mariñeiro galego que traballaba a bordo do “Vikingland”, barco que facía a rota regular no Mar do Norte entre a cidade de Romo (Dinamarca) e a illa de Sylt (Alemaña) transportando mercadorías. O realizador Xurxo Chirro atopou estas fitas e fixo unha película no 2011. Neste caso, Ulobit emprega parte dese material para darlle un novo significado a través da música e da transformación das imaxes orixinais.
Ulobit é un trío audiovisual galego composto por Ariel Ninas (zanfona), Horacio González (vídeo) e Xoán-Xil López (electrónica). A súa proposta creativa baséase na improvisación e experimentación, movéndose sempre entre o erro sonoro/visual, a música incidental e os ritmos minimalistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario