O BNG esixe a inmediata paralización da pretendida humanización da Praza do Reloxo
Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello da Guarda): “Detrás desta chapuza está o intento do grupo de goberno de boicotear o Plan de Mobilidade realizado pola Deputación de Pontevedra”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG na Corporación Municipal da Guarda
Infogauda / A Guarda
O BNG da Guarda, por boca do seu portavoz municipal, Ángel Luis Baz Vicente, ven de facer público o seu “máis absoluto rexeitamento as actuacións que está levando adiante o Concello na praza do Reloxo”.
Segundo Baz “a improvisación e a falta de información aos veciños e veciñas, ademais da ocultación aos grupos da oposición, da obra que se está realizando, mostra ás claras o verdadeiro talante do Alcalde e do grupo de goberno do PSOE.”
“Todo parece indicar - engade o voceiro do BNG -, que detrás desta chapuza que o goberno municipal pretende chamar humanización, con obras illadas, sen coordinación, improvisadas e mal realizadas, está o intento do PSOE, de boicotear o Plan de Mobilidade e o único que van conseguir e un caos circulatorio no Concello afectando á calidade de vida dos guardeses con serios danos para o turismo e o comercio”.
Improvisación do goberno do PSOE
“A improvisación chega a límites inauditos: cambiaron até 3 veces no mesmo día o deseño da praza, co desconcerto tanto dos traballadores do concello como dos veciños e veciñas.
Esta actuación e outras que se están levando adiante en diferentes puntos do Concello, como o casco histórico, contradín rotundamente as recomendacións do Plano de Mobilidade encargado polo Concello da Guarda, a instancias do BNG, e realizado por técnicos competentes na materia.
Por este motivo facémoslle unha vez máis un chamamento ao Alcalde para que paralice a improvisación e poña en marcha o Plan de Mobilidade para a Guarda”, conclúe Ángel Luis Baz.
O Sr. alcalde anda lixeiro para o que non debe, por exemplo: sacar os papeis que estaban pegados polas rúas e que o deixaban en no moi bo lugar, pero non está tan activo pra pegar os adoquíns que están a bailar por toda a vila.
ResponderEliminar