17 de mar. de 2017

VALENÇA DO MINHO

O deputado provincial Santos Héctor reclama a saída sur de Vigo para a conexión ferroviaria con Portugal 

O deputado provincial participou no país veciño na presentación do proxecto de modernización da liña entre Valença e Viana  

Santos Héctor lembrou que esta conexión é un instrumento indispensable para o desenvolvemento da cidade máis importante de Galicia e da provincia no seu conxunto e, especialmente, na súa parte sur
Foto: D. P.

Infogauda / Valença do Minho

 O deputado provincial de Turismo, Santos Héctor, volveu insistir hoxe na necesidade de garantir unha saída cara ao sur desde Vigo para garantir unha perfecta conexión ferroviaria con Portugal e que a conexión do país veciño con Europa sexa a través da cidade olívica. Santos Héctor participou hoxe na presentación do proxecto de modernización do tramo entre Viana do Castelo e Valença que fixo o Goberno portugués para cumprir co acordo de potenciación do transporte ferroviario do Eixo Atlántico.  

 O deputado provincial insistiu na necesidade da saída sur do AVE para dar continuidade ao trazado e garantir a conexión ferroviaria con Portugal. Precisamente, no Parlamento de Galicia aprobouse esta mesma semana unha iniciativa para instar ao Goberno español a incluír na próxima xuntanza bilateral co Goberno portugués do mes de maio este asunto na orde do día.  

 Santos Héctor lembrou que esta conexión é un instrumento indispensable para o desenvolvemento da cidade máis importante de Galicia e da provincia no seu conxunto e, especialmente, na súa parte sur. "O desenvolvemento económico de Galicia pasa por ter un transporte adaptado ás necesidades do século XXI e iso pasa por ter un tren cunhas prestacións axeitadas e non un tren do século XIX no territorio máis dinámico da Comunidade", subliñou Santos Héctor.  

 Por iso o deputado provincial esixiulles ao Goberno central e á propia Xunta de Galicia que traballen conxuntamente para acadar esta saída sur, que conectaría a estación de Urzáiz, onde conclúe o tramo de alta velocidade de Vigo, coa fronteira portuguesa en Tui.  

 "Este treito é fundamental para a cidade de Vigo e de toda a provincia polo que o Goberno do Partido Popular ten unha obriga que cumprir coa cidadanía da metade da provincia e non só con electrificar un pequeno tramo mantendo un trazado antigo e con pasos peonís no seu traxecto", conclúe Santos Héctor.  

 Por último, Santos Héctor destacou que desde a Deputación "imos estar vixiantes" para acadar esta saída sur por ser unha demanda dos axentes económicos e sociais de Vigo e de toda a provincia de Pontevedra desde hai varios anos.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario