17 de mar. de 2017

VITICULTURA

AREEIRO ADVIRTE DE QUE É MOI CEDO PARA INICIAR OS TRATAMENTOS CONTRA O MILDEU NAS VIÑAS

Os técnicos subliñan a importancia de vixiar as fincas para detectar síntomas de excoriose, de ácaros ou pedroulos

Vense de facer público o primeiro aviso fitosanitario específico para a viña

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un aviso no que advirte de que aínda é moi cedo para comezar os tratamentos contra o Mildeu na viña. Os técnicos recomendan agardar a que os gromos das vides teñan un desenvolvemento maior, xa que de momento non son receptivos ao ataque da enfermidade. Así mesmo, recomendan vixiar as fincas para detectar síntomas de excoriose, de ácaros ou de pedroulos.  

 A técnica responsable da unidade de Artrópodos da EFA, Rosa Pérez Otero, explica que no día de hoxe verificouse a maduración da o ospora do Mildeu, que é o órgano de conservación do patóxeno en inverno. Segundo indica, isto só implica que da comezo o ciclo da enfermidade, “pero non significa en absoluto que haxa que comezar os tratamentos, xa que para que se produza a contaminación das viñas fan falta ademais outras circunstancias, entre as que está o axeitado desenvolvemento dos gromos para facelos receptivos ao ataque. Nestes intres os viñedos están moi lonxe dese estado,polo tanto aínda non hai que aplicar ningún tratamento fronte a esta enfermidade”, insiste.  

 En canto á excoriose, Pérez subliña que é a enfermidade que precisará a primeira intervención nas viñas, sobre todo se neste período de agromo se xuntan temperaturas suaves-altas con choivas e se nos viñedos xa se constata a presenza do patóxeno, “o que xa é habitual na maioría das fincas”. A técnica destaca que nas vides nas que non se teña detectada a enfermidade non é preciso actuar e, naquelas nas que si se advertise, “de momento é cedo para facelo”. En calquera caso, subliña que o período de maior sensibilidade das viñas sitúase entre os estados fenolóxicosde ‘follas incipientes’ e ‘follas estendidas’, momento no que haberá que tratar cun funxicida autorizado para a enfermidade.  

 Por outra banda,a presenza de ácaros nas fincas pode provocar problemas na saída das follas, sobre todo se a climatoloxía non é favorable ao crecemento dos gromos e se o ano anterior houbo ataques relevantes. “É conveniente vixiar este momento os viñedos e, se se observan xemas que non abren débese confirmar a causa -pódense enviar mostras aos laboratorios- porque se é debido a estes ácaros haberá que aplicar un tratamento específico”, sinala.   

 Finalmente, en canto ao pedroulo, Pérez apunta que este escaravello é outra das pragas que pode provocar problemas nos gromos da viña, aínda que a súa presenza non é mais que puntual nos últimos anos na provincia, polo que unicamente se aconsella vixilancia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario