17 de mar. de 2017

DEPORTES

O goberno de Carmela Silva aproba as primeiras axudas de 2017 aos clubs deportivos da provincia por importe dun millón e medio de euros 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén avanzou que a institución provincial asinará nas próximas semanas os convenios de patrocinio con 12 clubs de elite de Pontevedra por valor doutros 900.000 € 

A Deputación de Pontevedra asinará convenios cun total de 12 clubs da provincia
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra 

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar as primeiras axudas do ano 2017 ao deporte da provincia de Pontevedra, por valor de preto dun millón e medio de euros. Trátase en concreto das bases para os clubs deportivos que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao nacional no deporte base e en rexional preferente, e tamén as bases para os clubs que participan en competicións nacionais. 

 Carmela Silva sinalou que "o primeiro obxectivo que comprometemos con todo o mundo do deporte da provincia era que este ano as bases ían estar listas antes de rematar o primeiro trimestre de 2017". Deste xeito, asegurou a Presidenta provincial, "permitimos que os clubs se poidan organizar mellor", polo que "cumprimos os nosos compromisos e obxectivos".  

 As subvencións para a participación en competicións federadas de ámbito inferior a nacional no deporte base e en rexional preferente teñen este ano un importe de 600.000 € (500.000 € para o deporte de base e outros 100.000 € para o rexional preferente) e, pola outra banda, as subvencións para as competicións nacionais reciben un importe total de 750.000 €. Ambas as dúas liñas de axudas son para a modalidade de fútbol e o prazo para a presentación de solicitudes para as dúas convocatorias será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación do extracto das mesmas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.  

 Ademais, Carmela Silva avanzou que "tamén imos asinar os convenios de patrocinio cos clubs de elite da provincia de Pontevedra". A Presidenta provincial asegurou que "este ano se realizan ao mesmo tempo que esas dúas liñas de axudas, a diferenza do ano pasado", sinalou, "cando tivemos que redactar primeiro os convenios ao haber un cambio do procedemento. Mentres que antes as axudas se concedían maioritariamente a dedo, agora contan cunhas bases con criterios específicos e, polo tanto, todos os clubs teñen os mesmos dereitos". Estes convenios teñen un importe total de 900.000 euros.  

 A Deputación de Pontevedra asinará convenios cun total de 12 clubs da provincia. Na modalidade de balonmán, co Balonmán Cangas (que xoga na Liga ASOBAL, a máxima categoría masculina de balonmán), o Balonmán Porriño (na división de honra feminina) e o Mecalia Atlético Guardés (tamén na división de honra feminina). En ciclismo, co Club Ciclista Froiz  e co Club ciclista Rías Baixas (ambos os dous en elite e sub-23). En tenis de mesa, coa Asociación Deportiva Vincios (na superdivisión). En baloncesto adaptado, con AMFIV (na división de honra). No eido da ximnasia, co Gimnástica de Pontevedra (na división de honra). En fútbol, co Celta de Vigo  (en primeira división), co Pontevedra CF (en segunda división B) e co Coruxo CF  (en segunda división B) e, por último, en fútbol sala co Fútbol Sala Poio (na primeira división feminina). Este ano son 12 clubs os que se beneficiarán destes convenios, un máis que ao ano pasado, e incorpóranse dúas formacións novas: o Club Ciclista Rías Baixas e a Asociación Deportiva Vincios.  

 Carmela Silva lembrou que se trata de "convenios de patrocinio sometidos ao cumprimento de condicións e sometidos tamén ao control financeiro. Non son cantidades entregadas como agasallos que non precisaban de xustificación algunha, senón convenios que cumpren o que sinala a lei". Ademais, a Presidenta provincial asegurou que "este ano por primeira vez teñen máis puntuación os clubs que fomentan o deporte feminino e o deporte de persoas con diversidade funcional xa que a igualdade de oportunidades para este Goberno é fundamental".

Ningún comentario:

Publicar un comentario