A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA COÑECERÁ EN NOVEMBRO CANTOS COCHES CIRCULAN POLA REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que un sistema electrónico detectar dende abril o número, tipo, velocidade e sentido de circulación de cada vehículo “para unha correcta planificación das actuacións”
Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra iniciará no mes de
abril o reconto de cantos coches circulan pola súa rede de estradas
provinciais. Este venres aprobarase o contrato coa empresa coruñesa Iceacsa
Consultores, que presentou unha oferta de 123.386,12 euros e deberá presentar
un plan de aforos nun prazo de medio ano. Así, a partir do vindeiro mes, os
condutores que circulen polas estradas provinciais serán detectados por un
sistema electrónico instalado nas estradas que permitirá coñecer as horas e
sentido da circulación, velocidades e a clasificación de cada desprazamento segundo
a tipoloxía dos vehículos.
A rede provincial de estradas, segundo
lembrou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, conta con arredor de 1.700 quilómetros
de lonxitude e sitúase na estrutura viaria global por detrás das estradas de
competencia estatal e da Xunta de Galicia. “Para unha correcta planificación de
actuacións, ademais do coñecemento e seguimento continuo por parte do persoal
propio, resulta fundamental ter claras as características da circulación, o que
quedará reflexado polo miúdo con este estudo”, afirmou.
Nunha primeira fase o
adxudicatario do Plan de Aforo realizará unha xerarquización previa das vías,
establecendo cales son as principais en cabeceiras de comarcas ou intermunicipais para definir os principais
puntos de control. A partir de aí realizarase o traballo de campo un mínimo de
33 aforos ou conteos de semana completa nas estradas de máis de 10 quilómetros de
lonxitude e 343 aforos dun día de duración nas estradas de 10 ou menos quilómetros.
Estímase que será necesario dispoñer dun mínimo de 10 estacións de carácter
móbil - para poder desprazalas por diferentes puntos da rede provincial- que
estarán compostas por un equipo electrónico contador de vehículos mediante
tubos ou tecnoloxía radar.
Iceacsa Consultores deberá aportar
ao servizo de Mobilidade da Deputación a lectura dos datos lidos en cada
estación mediante as correspondentes aplicacións informáticas de forma mensual, explicitando distribucións
horarias de tráfico de cada día aforado; días medios semanal, mensual e anual
(IMD) estimados, así como xustificación de dita estimación; porcentaxes de
vehículos pesados; semana media mensual; porcentaxes e tipoloxía de vehículos;
gráficos de variacións horarias, diarias, mensuais; estimación de vehículos-quilómetro; así como
calquera variable definida coma obxecto de estudo.
Finalmente, no informe final
analizaranse todos estes datos nunha memoria explicativa que conterá táboas e
gráficos coas características anuais, mensuais, semanais e diarias das
intensidades do tráfico; os datos sobe a intensidade de tráfico máximo, o seu
crecemento e composición, a comparativa do tráfico mensual e as series
históricas ou a velocidade por treitos de estrada.
Como consecuencia da gran
cantidade de datos e información que se manexa na xestión dos aforos, a
probabilidade de atopar datos con erros pode ser alta, polo que se incluirá un
plan de garantía da calidade que establecerá alarmas na xestión dos datos, de forma
que ante cifras que sexan ilóxicas, imposibles ou anómalas, automaticamente activarase
unha alarma para que interveña un operador. O
obxecto, segundo explicou Benítez, é “garantir a fiabilidade do
traballo”.
O contrato con Iceacsa
Consultores aprobarase na Xunta de Goberno deste venres. A selección do
adxudicatario precisou de diferentes informes técnicos e valoracións
económicas. O orzamento de licitación (inicial) era de 159.042,40 euros, que
baixou finalmente preto dun 33%.

Ningún comentario:
Publicar un comentario