8 de mar. de 2017

LINGUA

Política Lingüística convoca cursos preparatorios para as probas Celga 2017 

Haberá trinta cursos presenciais en 29 localidades diferentes para os niveis 2, 3 e 4 e dous cursos en liña para o nivel Celga 1  

Os prazos de presentación de solicitudes rematan o 28 de marzo para a formación presencial e o 23 de marzo para a teleformación  

O departamento dirixido por Valentín García convocará as probas de acreditación do Celga para o mes de xuño


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de cursos de lingua galega para persoas adultas preparatorios para as probas Celga 2017. Aos cursos presenciais para os niveis Celga 2, 3 e 4, que viñan sendo habituais nas últimas convocatorias, súmanse desta volta dous cursos en liña preparatorios para o Celga 1 pensados para persoas que teñen un coñecemento elemental da lingua propia de Galicia.
 Os prazos para solicitar estes cursos rematan o 28 de marzo (no caso dos presenciais) e o 23 no caso da formación en liña. Tanto a convocatoria como os formularios de solicitude dos cursos presenciais están a disposición da cidadanía na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e no Portal da Lingua Galega (http://www.lingua.gal). Neste último portal poden atoparse tamén a convocatoria e o modelo de solicitude dos cursos en liña.
 O departamento dirixido por Valentín García convocará este mes as probas de acreditación do Celga para xuño.

Formación nas catro provincias galegas

 Os cursos preparatorios do Celga están dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.

 Haberá 6 cursos preparatorios para o Celga 2, que se desenvolverán en Noia, Ordes, Sarria, Xinzo de Limia e Valga. Para o Celga 3 e o Celga 4 ofrécense 12 cursos en cada caso. Os do Celga 3 celebraranse en Cee, A Coruña, Culleredo, Melide, Pontedeume, Monforte, Vilalba, Viveiro, O Barco de Valdeorras, Cambados, Moaña e Tui. Os do Celga 4 terán lugar na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ribadeo, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Verín, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
 Os cursos preparatorios do Celga 1, ao desenvolverse en modalidade de teleformación, poderán realizarse desde calquera punto de Galicia ou mesmo de fóra da nosa comunidade.

Formación en lingua galega para a poboación adulta


 A oferta formativa que está a impulsar a Secretaría Xeral de Política Lingüística responde ao obxectivo do Plan xeral de normalización da lingua galega de potenciar a aprendizaxe do galego por parte de toda a poboación adulta, mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos satisfactorios.


 As medidas propostas para a consecución deste obxectivo pasan por aplicar o Marco europeo común de referencia para as linguas á formación en lingua galega de adultos e desenvolver un plan de formación para esta poboación. Con este fin creouse o sistema de certificación da lingua galega (Celga). Conformado por distintos niveis e estruturado en cursos e probas, este sistema recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa en galego nas distintas destrezas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario