O Parlamento galego abordará as irregularidades detectadas na residencia para maiores de Pazos de Borbén
O pleno debatirá unha Proposición non de lei do BNG, que tamén presentou varias preguntas para a súa resposta en comisión
CIG / Pontevedra
As irregularidades detectadas
durante unha inspección ordinaria nunha residencia de maiores de Pazos de
Borbén propiedade da presidenta de Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de
Pontevedra chegarán até o Parlamento galego despois de que o BNG presentase unha
Proposición non de lei (PNL) para o seu debate en pleno e varias preguntas para
a súa resposta en comisión.
O grupo parlamentario do BNG presentou unha Proposición non
de lei para o seu debate no pleno relativa ás irregularidades detectadas na
residencia para persoas maiores Mi Casa de Pazos de Borbén, propiedade de Lucía
Pedroso, presidenta de Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra.
En concreto, a CIG-Servizos denunciara a presenza de cinco usurios/as
agochados/as durante horas primeiro na lavandería e logo nun galpón anexo ao
centro, tal e como puido comprobar a propia Garda Civil tras seren requerida
pola inspectora autonómica despois de que os responsábeis da residencia lle
impedisen o acceso a estas dependencias.
Unha vez alí os axentes constataron a sobreocupación do
centro privado xa que no seu interior atoparon 63 usuarios/as, cando unicamente
conta con autorización para 58 prazas. Destas, un total de 22 son públicas
grazas ao convenio subscrito coa Xunta. Ademais desta irregularidade, no texto
da PNL tamén se recolle que estas persoas estiveron arredor de catro horas en
condicións degradantes, con altas temperaturas, sen auga e sen a súa
medicación.
Ao mesmo tempo, alértase sobre o clima de terror laboral que
se vive na empresa, con ameazas constantes e incumprimentos das condicións
laborais. “Estamos diante dunha actuación moi grave, que constata o risco xa
denunciado tantas veces de converter a atención dos maiores nun negocio e non
nun servizo, polo que é preciso que a Administración extreme a vixilancia e
actúe con toda contundencia para impedir este tipo de actuacións”.
Diante disto, instan o Goberno galego a que extreme os
controis e as inspeccións de xeito periódico para detectar e impedir a
sobreocupación das residencias de maiores, tanto privadas como concertadas, e a
abrirlle un expediente a esta residencia en base á acta de inspección e ao
atestado da Garda Civil.
Finalmente, nas preguntas para resposta en comisión o BNG
interésase pola opinión do Goberno galego a respecto da manobra dos
responsábeis deste centro para ocultar a sobreocupación e polas actuacións que
vai levar a cabo a Xunta diante das graves irregularidades detectadas. Neste
senso, pregúntanlle se lle vai abrir un expediente a esta residencia e pídenlle
que cuatifique o número de casos de sobreocupación detectados nos catro últimos
anos e os expedientes abertos por esta causa.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario