10 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra activa un plan de mellora de espazos públicos en toda a provincia 

O Goberno de Carmela Silva favorece así o acondicionamento funcional e estético de xardíns públicos, parques e outras áreas en concellos e parroquias  

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra 
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres un novo plan de mellora de espazos públicos en toda a provincia. Este proxecto está dirixido ao acondicionamento funcional e estético de xardíns públicos, parques e outras contornas e áreas de lecer dos municipios pontevedreses e das súas parroquias.  

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que logo de "pulsar a opinión dos concellos", recibíronse unha vintena de solicitudes, que serán atendidas nesta primeira entrega do plan, que está aberto a novas solicitudes. 

 Ademais da mellora estética, esta iniciativa provincial busca poñer en valor o traballo que se desenvolve nos distintos servizos da Deputación, como é o caso da Escola de Cantería ou da Estación Fitopatolóxica Areeiro, entre outros, así como actuacións combinadas, con elementos de xardinería, mobiliario urbano e pezas de cantería artística. Neste sentido, nesta primeira achega do Goberno que preside Silva entregaráselles bancos ou papeleiras aos concellos que así o solicitaron: Arbo, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Estrada, O Grove, A Guarda, Mondariz, Moraña, As Neves, Portas, O Rosal, Silleda e Barro.  

 Pola súa banda, na Lama levarase a cabo unha actuación coa Escola de Cantería, consistente nun monumento ao emigrante solicitado por este concello. No referido ás accións vinculadas a Areeiro, Lalín solicitou a creación dun espazo con árbores nunha área de desenvolvemento; Meaño, a mellora dunha zona axardinada; Pazos de Borbén, axuda para axardinar un contorno e Vila de Cruces, a mellora dunha rotonda.  

 Finalmente, actuacións combinadas entre varios servizos favorecerán a instalación de bancos e mesas e a plantación de árbores en Cangas e a mellora vexetal de espazos en Nigrán, onde se colocarán, ademais, seis bancos.  

 Cómpre sinalar que este plan está dirixido tan só a espazos existentes que requiran unha mellora, polo que non é posible solicitar material para a creación de novos espazos, unha finalidade para a que xa existen outras liñas de axuda coma o Plan Concellos. As obrigas dos concellos serán a recollida do material e a súa instalación; unicamente se poderá facer unha intervención ao ano en cada concello. 

 Naqueles casos nos que se solicitaron actuacións para a instalación de mobiliario e vexetais, unha vez aceptada a proposta do concello iniciarase o procedemento de entrega dos elementos. Pola súa banda, a aqueles municipios que solicitaron unicamente a entrega de mobiliario enviaráselles un formulario, que deberán cumprimentar e remitir para iniciar o procedemento administrativo e a doazón das pezas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario