10 de mar. de 2017

LABORAL

O goberno de Carmela Silva aproba as bases para poñer en marcha o Plan de Práctica Laboral na Deputación e concellos da provincia 

A través desta iniciativa, á que a institución provincial destina máis de dous millóns de euros, 200 persoas recentemente tituladas na universidade ou con formación profesional poderán realizar a súa primeira experiencia profesional 

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases que regulan a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, do Plan de Práctica Laboral na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia. Este programa, ó que a institución provincial destina 2.011.000 €, está dirixido a 200 mozas e mozos da provincia con títulos universitarios ou ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa no ámbito da súa titulación académica, coa finalidade de promover e completar a súa formación en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.  

 As persoas bolseiras, que serán seleccionadas mediante un baremo de méritos e unha proba tipo test de carácter obrigatorio, recibirán unha dotación económica de 800 € ao mes, no caso daquelas con titulación universitaria, e de 700 € ao mes, para as que teñan ciclos formativos de grao superior.  A duración desta primeira experiencia profesional na Deputación e nos concellos da provincia será de seis meses que se poderán prorrogar outros seis máis. 

 As persoas interesadas en participar no Plan de Práctica Laboral na Deputación de Pontevedra e concellos da provincia deberán realizar unha pre inscrición a través da páxina web  da Deputación e presentar o xustificante electrónico xerado no rexistro xeral da institución provincial. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria do plan no BOPPO.  

 As titulacións universitarias máis demandadas pola Deputación de Pontevedra e os concellos son Traballo Social (18 bolsas ofertadas), Dereito (15 bolsas),  Xestión e Administración Pública (13), Educación Social (10), Turismo (10), Arquitectura (6), Ciencias Ambientais (6), Historia da Arte (6), Arquitectura Técnica (5), Mestre en Educación Infantil (5), Documentación (4), Relacións Laborais (4), Ciencias da Actividade Física e do Deporte (4), Xornalismo (4), Enxeñaría Forestal (3), Economía (3), Pedagoxía (3), Mestra de Primaria (3), Enxeñaría Técnica Agrícola (2), Enxeñaría de Obras Públicas (2), Filoloxía Galega (2), Administración e Dirección de Empresas (2), Psicoloxía (2), Publicidade e Relacións Públicas (2), Tradución e Interpretación (2), Enxeñaría Industrial (1), Enxeñaría Técnica en Obras Públicas (1), Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas (1), Enxeñaría Técnica en Electricidade (1), Filoloxía Inglesa (1), Arqueoloxía (1), Psicopedagoxía (1), Veterinaria (1), Bioloxía (1), Comunicación Audiovisual (1) e Historia (1).  

 En canto aos ciclos superiores de formación profesional, os máis demandados pola Deputación de Pontevedra e os concellos son Administración e finanzas (18 bolsas),  Animación sociocultural e turística (10), Guía, información e asistencia turística (5), Laboratorio de análises clínicos (4), Sistemas Informáticos en rede (3), Animación de actividades físicas e deportivas (2), Educación Infantil (2), Xestión Forestal e do Medio Natural (2), Asistencia á Dirección (1), Construcións Metálicas (1), Deseño e xestión da produción gráfica (1), Produción de audiovisuais e espectáculos (1), Química Ambiental (1), Educación e Control Ambiental (1) e Saúde Ambiental (1).

Ningún comentario:

Publicar un comentario