14 de mar. de 2017

LABORAL

A totalidade do cadro de persoal de Nueva Pescanova secunda o primeiro día de folga polo bloqueo do convenio 

Centos de empregados/as concentráronse diante dos centros de traballo do Porriño e Chapela

A totalidade dos traballadores/as de Nueva Pescanova secundaron a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polos sindicatos maioritarios na empresa
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 O 100% do cadro de persoal de Nueva Pescanova está a secundar a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polas centrais CIG, CUT, UGT e USO para reclamar uns convenios colectivos dignos e rexeitar a precarización das condicións laborais. Coincidindo co paro, centos de empregados/as concentráronse dende primeira hora da mañá ás portas dos centros de traballo que o grupo de alimentación ten no Porriño e Chapela.     

 A totalidade dos traballadores/as de Nueva Pescanova secundaron a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polos sindicatos maioritarios na empresa (CIG, CUT, UGT e USO) para rexeitar o bloqueo das negociacións do convenio e reclamar unhas condicións laborais dignas. O persoal da compañía de alimentación permaneceu dende as 5.30 horas concentrado diante dos centros de traballo que a empresa ten no Porriño e Chapela.  

 Os empregados/as teñen previsto regresar ás portas da empresa a partir das 13.30 horas, para que a súa presenza coincida coa entrada da quenda de tarde, e ás 21.30 horas, xa que media hora despois dará comezo a quenda de noite.

As mobilizacións da mañá estiveron vixiladas por un importante despregue da Policía española


 As mobilizacións da mañá estiveron vixiladas por un importante despregue da Policía española, especialmente nas inmediacións da fábrica de Chapela, á que unicamente accedeu persoal de oficinas. Neste punto concentráronse a mioría dos traballadores/as, que mesmo depregaron unha faixa e berraron consignas. No caso do Porriño a presenza de axentes -neste caso da Garda Civil- foi moito menor.  

 O seguinte día de paro está fixado para o vindeiro martes 21, mentres que a intención das centrais sindicais é que a partir do 3 de abril pase a ser indefinido no caso de que non se chegue a un acordo para a renovación dun convenio colectivo que as partes negocian dende hai xa máis de 10 meses.  
 Mostras de apoio e solidariedade  
 A loita do persoal de Pescanova recibiu hoxe o apoio de distintos comités de empresa, seccións sindicais e representantes sindicais. Entre eles, do sector da conserva como Thenaisie, A. Alonso, Cerqueira, Orbe e Varcárcel; da industria de elaboración, como Fandiscosta e Mascato; ou do frío industrial, como Frigoríficos de Vigo, Frioya e Stef. 

 Ao mesmo tempo, as seccións sindicais da CIG en Frigolouro, Telefónica, Vitrasa, Maderas Iglesias, Covsa e Unísono, empresas que agrupan a máis de 2000 traballadores/as, solidarízanse co cadro de persoal de Pescanova e póñense á súa disposición para a próxima convocatoria de folga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario