24 de mar. de 2017

A GUARDA

A Guarda acolle unha charla sobre a situación dos refuxiados sirios contada en primeira persoa  

O vindeiro xoves día 30 de marzo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Guarda.


Infogauda / A Guarda

 O vindeiro xoves día 30 de marzo o Centro Cultural da Guarda acollerá, ás 20:30 horas, unha charla - “A historia de Ahmad contada en primeira persoa”sobre a situación dos refuxiados sirios.  

 Ao cargo desta charla estará Ahmad, que contará a súa historia en primeira persoa; a historia dun home de procedencia siria que tivo que deixar o seu traballo, a súa familia, o seu fogar e a súa vida normal ante o estalido dun conflito armado que o levou a vivir en varios campos de refuxiados en Grecia.  

 A través da súa propia experiencia, do que viviu, o que viu e o que lle contaron nestes campos de refuxiados, Ahmad ofrecerá aos asistentes unha visión única e de primeira man das consecuencias que se derivan do conflito armado que está a acontecer nestes intres en Siria. Nesta charla falará da situación do seu país, as causas da guerra, a situación dos campos de refuxiados en Europa e as condicións de vida nestes; así como sobre a Política da Unión Europea con respecto a este problema humanitario.  

 Ahmad leva uns meses vivindo na Coruña pero desexa seguir concienciando e centrando a atención no que está a ocorrer no seu país, mediante as súas propias vivencias. Dende o Concello da Guarda convídase a todos os veciños e visitantes a achegarse a coñecer a Ahmad, a súa historia e a de milleiros de refuxiados que se ven obrigados a deixar os seus fogares a través da visión persoal dun deles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario