21 de feb. de 2017

A GUARDA

O ESTUDO DE MOBILIDADE DA DEPUTACIÓN PROPÓN PECHAR AO TRÁFICO O CASCO VELLO DE A GUARDA E PRIORIZAR O TRÁNSITO PEONIL POR CONCEPCIÓN ARENAL   

O deputado Uxío Benítez e os técnicos redactores reuníronse hoxe co alcalde e os concelleiros dos grupos da oposición para explicar as liñas básicas do “novo modelo de mobilidade sustentable para a vila”   

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, presentou hoxe as conclusións do Estudo de Mobilidade e Espazos Públicos, encargado pola Deputación para o núcleo urbano de A Guarda
Foto: D. P.

Infogauda / A Guarda

 O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, presentou hoxe as conclusións do Estudo de Mobilidade e Espazos Públicos encargado pola Deputación para o núcleo urbano de A Guarda. Este documento -unha folla de ruta a curto, medio e longo prazo para que o Concello poida ordenar o espazo público da vila de forma eficiente- propón como principais medidas a peonalización do casco vello, priorizaros tránsitos peonís na arteria viaria que vai ao Porto ebuscar alternativas de acceso máis eficientes para os vehículos, redeseñar progresivamente asrúas do resto da vila,e crear unha rede de bolsas de aparcamento.  

 Segundo explicou Benítez, o Estudo de Mobilidade pretende ser un “plantexamento global do novo modelo de mobilidade sustentable para A Guarda que permita aumentar a calidade urbana e de vida á veciñanza”. “Estes criterios técnicos son os que hai que seguir  e, a partir de aí, farase o que o Concello de A Guarda considere oportuno. A Deputación estará sempre a disposición de chegar a acordos para actuar sempre seguindo eses criterios, polo que haberá que ver como concretar despois a actuación en Concepción Arenal”, subliñou.  

 O documento final do Estudo de Mobilidade e Espazos foi elaborado logo dun proceso participativo no que se tiveron en conta as opinións dos veciños e de diferentes sectores económicos e políticos por medio de reunións e enquisas. As necesidades plantexadas nesa participación foron contrastadas cos datos de poboación, fluxos de tráfico rodado e peonil e con outros aspectos técnicos para dar lugar ás propostas. “Este documento marca as potencialidades que A Guarda pode desenvolver. É unha proposta que pasa dun modelo orientado ao automóbil cara un modelo orientado aos peóns”, subliñou Benítez.  

 As actuacións que se expuxeron pasan principalmente pola peonalización do casco vello e da zona de San Caetano que, segundo o equipo redactor do estudo, pode facerse de xeito inmediato mediante actuacións e solucións sinxelas –como sinalizacións- que permitirán grandes melloras do espazo público.   

 Por outra parte, proponse o redeseño e mellora da actual vía de acceso ao Porto –a estrada provincial Concepción Arenal- para implantar a prioridade peonil, cuestión que se define unha “actuación estratéxica”. Neste sentido, o Estudo de Mobilidade considera que é necesario enlazar a zona portuaria mediante eixos de comunicación máis eficientes que os actuais para os vehículos, evitando que camións de grandes dimensións e tonelaxe teñan que pasar polo núcleo da vila. Así, proponse retomar e potenciar o proxecto de ‘Acceso Sur’ que leva varios anos en estudo –pendente da Xunta de Galicia-.  

 Outra das propostas pasa por crear e mellorar bolsas de estacionamento en localizacións estratéxicas co fin de eliminar certos aparcamentos irregulares nas estradas, gañando esas áreas para o uso da veciñanza. Tamén se sinalou a necesidade de crear camiños escolares seguros cara a zona da Sangriña e dos equipamentos deportivos.   

 Por outra banda, e de cara a fomentar a accesibilidade e tamén tirar un posible rendemento turístico polo seu atractivo, púxose sobre a mesa a posibilidade de instalar dous elevadores mecánicos nas escaleiras do Concello e nas do edificio da confraría, que levarían directamente ao Porto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario