22 de feb. de 2017

A GUARDA

MENÚ DE ENTROIDO: SABOROSA PROPOSTA DE SETE RESTAURANTES GUARDESES

Os sete restaurantes participantes ofrecerán este menú por un prezo de 15 € por persoa, que estará composto por un primeiro prato de caldo, un segundo de lacón con grelos e unha sobremesa tamén típica nestas festas: filloas ou orellas de Entroido. Incluídos viño e café


Infogauda / A Guarda

 Desde o executivo municipal do Concello guardés, veñen de informar que Arruaz, Brisamar, Camping Santa Tecla, La Pizzicata, Novo Funil, Xantar e Xeito, son os sete restaurantes da Guarda que neste Entroido propoñen desfrutar dun dos pratos por excelencia da gastronomía galega: o lacón con grelos.  

 Trala boa acollida do pasado ano, o Menú do Entroido repite na Guarda  e organízase novamente ampliando datas. Dende o venres día 24 ata o día martes 28 de febreiro, tanto para o xantar como para a cea, poderemos degustar o Menú de Entroido nos restaurantes adheridos.   

 Os sete restaurantes participantes ofrecerán este menú por un prezo de 15 € por persoa, que estará composto por un primeiro prato de caldo, un segundo de lacón con grelos e unha sobremesa tamén típica nestas festas: filloas ou orellas de Entroido. Incluídos viño e café.  

 Os veciños e visitantes, coñecedores da relevancia da cociña tradicional no noso pobo e da súa calidade, teñen nestas datas a posibilidade de saborear este prato típico a prezos populares que pode ser a motivación perfecta para organizar esa comida ou cea de Entroido cos nosos familiares e amigos.  

 Recoméndase a reserva previa cos propios restaurantes para que o servizo ofrecido sexa o mellor posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario