29 de xan. de 2017

VIGO

Neste curso escolar 2016/2017 o Centro Integrado de Formación Profesional conta cunha oferta total de 36 ciclos formativos nos que se forma a uns 1.600 alumnos e alumnas 

O CIFP Manuel Antonio de Vigo ofrece 9 ciclos formativos de nova implantación, entre os que destaca hixiene bucodental 

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, coñeceu o centro e destacou, ademais dos novos cursos en Sanidade ou Téxtil, a FP nas ramas de Restauración, Hostalería e Turismo polo seu prestixio e traxectoria

Actualmente o CIFP Manuel Antonio ofrece formación en FP nos ámbitos de Hostalería e Turismo, Industrias Alimentarias, Química, Sanidade e Téxtil  

Fabricación de produtos farmacéuticos; Laboratorio de análise e control de calidade; Operacións de laboratorio; Dirección de servizos de restauración; FP Básica en Cociña e Restauración; Servizos en Restauración; FP Básica de tapizaría e cortinaxe e, por último, Confección e modal DUAL son as novas especialidades  

Nos últimos anos a Consellería de Educación investiu preto de 500.000 euros na mellora das infraestruturas educativas deste CIFP

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, coñeceu o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio de Vigo 

Infogauda / Vigo

 O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio de Vigo ofrece 9 ciclos formativos de nova implantación neste curso escolar 2016/2017 de xeito que, en total, puxo a disposición do alumnado 36 ciclos nos que se están a formar preto de 1.600 alumnas e alumnos en diversas especialidades nos ámbitos de Hostalería e Turismo, Industrias Alimentarias, Química, Sanidade e Téxtil.
 O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, coñeceu o centro acompañado pola directora do mesmo, Aida Saa, e o xefe de estudos, Rubén Otero. O delegado percorreu as instalacións -construídas no ano 1.976 e que comparten ubicación co Centro Residencial Docente (CRD)- facendo especial mención á área de Sanidade posto que neste curso escolar conta cunha grande oferta que tivo moi boa acollida polo alumnado. Así, este ano deu comezo o primeiro curso do novo ciclo formativo en Hixiene Bucodental con 22 alumnos e alumnas. Pero non se esqueceu o delegado das ensinanzas de Restauración, Hostalería e Turismo, rama profesional na que o centro é xa un referente e na que a súa Escola de Hostalería destaca pola súa traxectoria e prestixio dende fai xa 17 anos na nosa cidade. Ademais, este CIFP é un dos centros integrantes da Rede Galega de FP de Hostalería. Tamén percorreu e coñeceu as aulas de Confección e Moda, que este ano un estrea un curso con formación DUAL.
 O delegado comprobou así o bo funcionamento do centro que neste curso 2016/2017 ofrece en total 9 ciclos formativos de nova implantación coma son, ademais de Hixiene bucodental e Confección e modal DUAL; o de Fabricación de produtos farmacéuticos; Laboratorio de análise e control de calidade; Operacións de laboratorio; Dirección de servizos de restauración; FP Básica Cociña e Restauración; Servizos en Restauración; e, por último, FP Básica de tapizaría e cortinaxe. O CIFP Manuel Antonio ofrece formación en réxime ordinario e de adultos en quendas de día pero tamén de noite.
 Trátase tamén dun centro moi activo que nos últimos anos consegue moitos recoñecementos. Sen ir máis lonxe, o pasado ano 2016 recibiu un premio de innovación na FP polo proxecto ´Fabricantes de sorrisos´. Ademais, tres alumnas do mesmo - Ana Sofía Emidio Martínez, Graciela González Touriño e Noelia Rodríguez Barreiro-, gañaron os primeiros premios no certame ´Galicia Skills 2016´ nas especialidades de Servizos de restaurante e bar e Tecnoloxía da moda, conformando así parte do equipo de alumnos e alumnas que representará a Galicia no campionato nacional ´Spainskills`, que se celebrará do 27 de febreiro ao 4 de marzo de 2017.
 Por último, López-Chaves non se esqueceu de resaltar o investimento de case 500.000 euros que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizou nos últimos anos destacando a reforma das instalacións dos ciclos de hostalería no ano 2010 e na que se investiu máis de 150.000 euros co obxectivo de dotar ao centro dun obradoiro de panadería de 150 metros cadrados e unha aula con 22 postos de catas que recibiu o nome de Luis Bobadilla, profesor precursor destas aulas nos tempos nos que aínda non se tiña avanzado na formación de profesionais especialistas en viños. Tamén se mellorou a aula de patronaxe, un laboratorio e unha aula polivalente para os estudantes do ciclo medio de Confección e Moda, entre outras actuacións. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario