31 de maio de 2016

VIGO

López-Chaves cre que o alcalde de Vigo "non quere construír" o aparcadoiro municipal no hospital público Álvaro Cunqueiro 

O delegado da Xunta de Galicia dixo hoxe que “para facer un aparcadoiro fai falla proxecto, orzamento e executar as obras. Para Caballero basta un plano e un dedo” 

Dende a Administración autonómica se lle requiriu documentación para tramitar as autorizacións necesarias ademais de manter todos os encontros solicitados 

Considera que tras 8 meses do anuncio feito polo rexedor, “non ten vontade” de executar o aparcadoiro municipal na contorna do HAC porque “o único que fixo é alongar prazos, buscar escusas e non presentar a documentación”

O delegado da Xunta de Galicia dixo hoxe que “para facer un aparcadoiro fai falla proxecto, orzamento e executar as obras. Para Caballero basta un plano e un dedo”


Infogauda / Vigo

 O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, sinalou hoxe en rolda de prensa que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, “non quere construír” o aparcadoiro municipal que comprometeu hai xa 8 meses, concretamente o 17 de setembro de 2015, na contorna do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC).
 López-Chaves explicou que, entre os “capítulos da guerra e campaña” que o rexedor vigués mantén contra o novo hospital público, atópase a “promesa incumprida” da execución do aparcadoiro municipal en terreos de titularidade local e cedidos pola Zona Franca, incluso antes do comezo das obras da nova infraestrutura sanitaria. “Anunciou que construiría un aparcadoiro gratuíto municipal, poñía prazos e dicía que estaría rematado na primavera de 2016, fai uns días”, dixo en declaracións aos medios. Sen embargo, considerou que “non o fixo nin o vai a facer”.
 É máis, o delegado cre que “non quere facer ese aparcamento porque nin está a tramitar o proxecto nin tramitou as autorizacións correspondentes”. Neste senso, especificou que a finais do pasado ano o Concello solicitou por escrito ante Augas de Galicia unha autorización ao respecto polo paso do río Barxa e dos seus afluentes na zona onde está previsto construír dito aparcadoiro. Ante a falta de documentación necesaria para executar a tramitación do expediente, o organismo autonómico requiriulle informes sobre o proxecto ata en dúas ocasións, a última, no mes de decembro sen recibir contestación algunha. “Dende esa data non emitiu ningunha documentación”, especificou López-Chaves, quen se cuestionou “cómo vai a facer un aparcadoiro se nin sequera ten proxecto e non tramita as autorizacións. Dixo aos vigueses que o ía a facer, pero non hai vontade”, significou.
 Así, sinalou que dende a Xunta se lle requiriu a documentación ademais de manter reunións “todas as veces que o pediron” valorando que dende o goberno local “o único que se fixo” nestes 8 meses foi “alongar prazos, buscar escusas e non presentar a documentación”. “Non fixo nada e non ten intención de facelo”, sentenciou.
 O delegado chegou incluso a tirar da hemeroteca poñendo coma exemplo e comparando a situación do aparcadoiro comprometido na contorna do HAC con outro incumprimento de Caballero: a construción dun aparcadoiro na zona de Bouzas. “No ano 2009 fixo unha foto en Bouzas e anunciaba un aparcamento para residentes”, dixo con fotografías daquel acto.
 Para o delegado, o rexedor vigués repite “a mesma técnica” no caso do HAC explicando que ambos os dous casos teñen a mesma solución: “para facer un aparcadoiro fai falla proxecto, orzamento e executar as obras; pero para Caballero basta un plano e un dedo. Cun plano e un dedo anuncia un aparcamento que nunca fai”, exemplificou.
 Por último, considerou que os vigueses “xa vamos coñecendo” ao alcalde da cidade no que respecta aos seus incumprimentos sinalando, para rematar, que a pesares das “trabas”, do “abandono” nas súas competencias no que aos accesos se refire –denunciado en diversas ocasións incluso polos sindicatos de ambulancias e transporte de viaxeiros- a nova infraestrutura pública sanitaria “supuxo un salto cualitativo” na asistencia sanitaria viguesa.

BAIXO MIÑO

O MONTE E NÓS, UNHA MANCHEA DE ACTIVIDADES CONSERVACIONISTAS O LONGO DE TODO O MES DE XUÑO

Estarán co-organizadas polo C.S.Fuscalho, e a extraordinaria colaboración de S.O.S Groba e ó IEM (Instituto de Estudios Miñoranos)



Informa: Asociación A Jalleira / Baixo Miño

 Vos presentamos o Mes da Conservación, co título, O MONTE E NÓS, actividades co-organizadas polo C.S.Fuscalho, e a extraordinaria colaboración de S.O.S Groba e ó IEM (Instituto de Estudios Miñoranos) que realizaremos no mes de xuño. 

 Un mes para dar a coñecer a natureza e patrimonio da nosa zona, para ama-la,respecta-la,coida-la e protexe-la. Con 5 actividades, que pretenden achegar á xente ao monte e ó monte á xente.  

 - O venres día 3 de Xuño, ás 20:00h,na Casa Cultural de Oia estreamos “O Monte e Nós” coa inauguración da exposición “Ceibes no monte”, mostra sobre o cabalo galego, patrimonio cultural vivo das nosas Serras. 

 Nesta inauguración contaremos con Santiago Veloso, director de “Ceibes no Monte”, proxecto didáctico que mostra unha das tradicións dos nosos montes. 

A exposición Ceibes no Monte poderase visitar do 3 de xuño o 3 de xullo, no local A Terra do Mosteiro - Casa Cultural de Oia


 Proxectaremos un pequeno documentario sobre o cabalo do monte en Galicia e para rematar, palestra a cargo de Xilberte Manso, “O Garrano”, unha posta en valor do noso patrimonio. A exposición poderá visitarse os venres de tarde; sábados mañá e tarde, e domingos pola mañá ata o vindeiro 3 de xullo.  

- Sábado 4 de Xuño. Pola ría, polos montes galegos, polo biodiversidade, pola paisaxe, por un rural vivo, polo interese común e non o particular, por saúde, por solidariedade, non a sesenta anos máis e Ence-Elnosa na ría. 

 Móvete pola ría. Non a Eucaliptización 


 Máis información nas páxinas: ENCE FORA  e no libro branco sobre Ence. 

 Manifestación contra ENCE e a Eucaliptización, sábado 4 de Xuño ás 19:30 en pontevedra. Autobús dende o Baixo Miño, saída dende A Guarda ás 16:00. PREZO 6€ - Socios da Jalleira 3€. Reserva praza no 666 371 631.  

- Sábado 11 de xuño ás 22 h. Saída nocturna con Buraco, experto na arte rupestre da nosa zona, para visitar varios gravados rupestres no Rosal. Quedada ás 22 h na cruz de Portela.  

- Domingo 19 de xuño ás 16 h. Saída para coñecer a flora silvestre comestible, e para elo contaremos con César Lema, recoñecido biólogo autor de libros como "Natureza e alimentos silvestres comestibles" ou "Pan de landra". Quedada no auditorio de Goián ás 16 h.  

 - Xoves 23 de xuño ás 20 h. No C.S.Fuscalho contaremos con Xosé Vilar, amante da historia e a cultura que nos virá a falar de "Arte rupestre en Galicia", Na que explicará o significado e a historia dos gravados rupestres de maneira moi didáctica e divertida.  

 Sen mais, só animar a todo o mundo a asistir a cada unha das actividades programadas. 

 Calquera dúbida podedes chamar ó 605 789 915 ou escribir a ajalleira@gmail.com

VIGO

Carmela Silva súmase ao protocolo da violencia de xénero e pide a empresas e concellos que se adhiran 

No acto, celebrado en Vigo, a presidenta da Deputación sinalou que o protocolo para a detección e tratamento da violencia machista nas empresas xa foi firmado por 17 concellos da provincia de Pontevedra 



Infogauda / Vigo

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu esta mañá á presentación do "Protocolo para a detección e tratamento na empresa de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo" no Círculo de Empresarios de Galicia. O acto estivo presidido pola presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero, Ángeles Carmona Vergara, e asistiron, entre outros, Fernando Cabezas Lefler e María Ángeles García –a quen a presidenta agradeceu especialmente–, coautor e coautora do protocolo.  

 Na actualidade son máis de 150 empresas de toda Galicia –que inclúen o proxecto como iniciativa da súa Responsabilidade Social Corporativa ou como medida negociada coa representación sindical– e 17 concellos da provincia de Pontevedra os que asumiron este protocolo, pero a presidenta da Deputación fixo un chamamento aos 45 concellos restantes a que se sumen a este proxecto. "Imos traballar por que sexan os 62 concellos de Pontevedra quen se comprometan activamente a ser axentes que loitan contra a violencia de xénero", sinalou. Os 17 concellos asinantes son os da Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Barro, Cambados, Cuntis, Lalín, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo, Vilaboa, O Grove e Vigo, e a presidenta da Deputación quixo lembrar ademais que foi a propia institución provincial a primeira en asinar o protocolo, "non podía ser doutra forma", cando se presentou nela a semana pasada.  

 Silva remarcou a necesidade de que existan "instrumentos reais que permitan pórlle freo" á violencia machista, razón pola que asegurou que este tipo de protocolos son "fundamentais" porque así as empresas e concellos, apostando pola tolerancia cero, disporán de "axentes que se van poder pór do lado das mulleres que sofren maltrato e violencia de xénero, vanlles poder prestar todo tipo de servizos para apoialas dende un punto de vista xurídico, policial ou social, e darlles tamén todo tipo de medios para que poidan escapar deste terrible drama no que viven as mulleres polo só feito de ser mulleres". A presidenta provincial lembrou que en 2016 xa foron 19 as mulleres asasinadas polas súas parellas, á falta doutros cinco casos que seguen a ser analizados, e que cada ano aumentan as denuncias de malos tratos: 2.245 en 2015 só na provincia de Pontevedra. 

  O "Protocolo para a detección e tratamento na empresa de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo" trata de sensibilizar, informar e formar a todas as traballadoras e traballadores dos concellos e empresas asinantes sobre os dereitos das persoas que sofren violencia de xénero. Ademais, o protocolo fixa o sistema a seguir unha vez que se detecta un caso na empresa ou concello, o modo de actuar coa persoa afectada e o tempo máximo –48 horas– que ten a persoa encargada no organigrama nestes casos para informar á vítima de todos os seus dereitos en materia laboral e asesorala noutros aspectos legais.

PONTEVEDRA

Xosé Leal: "queremos introducir a defensa da lingua na cotidianeidade da xente" 

O deputado de Cultura e Lingua presentou o primeiro paso de peóns intervido con frases de Castelao e das Irmandades da Fala para conmemorar os dous centenarios máis significativos deste ano  


Infogauda / Pontevedra

 "Se aínda somos galeg*s é por obra e gracia do idioma" e "Na fala galega vive a ialma da nosa terra" son as dúas frases escollidas para intervir os pasos de peóns e as prazas públicas dos concellos da provincia e achegar á cidadanía a loita pola defensa da lingua tanto de Castelao como das Irmandades da Fala. Así o explicou esta mañá o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación do primeiro exemplo na contorna da Praza de San Xosé de Pontevedra. Leal estivo acompañado pola deputada Eva Vilaverde e polos concelleiros de Mobilidade, Luis Bará, e de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e pola concelleira de Cultura, Anxos Rivieiro. A iniciativa, segundo sinalou Xosé Leal, consiste en achegar á cidadanía os dous centenarios máis significativos deste ano, o da fundación das Irmandades, e o da chegada de Castelao a Pontevedra. 

 "Queremos que esta acción sexa un punto de inflexión a nivel lingüístico para que a xente se involucre no que era historicamente a defensa da lingua, que sigue sendo unha opción que hai que seguir defendendo hoxe en día, e introducilas na cotidianeidade da xente", afirmou Xosé Leal durante a presentación. Sinalou que a frase de Castelao, "se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma", está tirada do 'Sempre en Galiza'; mentres que "na fala galega vive a ialma da nosa terra" forma parte do himno orixinario das Irmandades, redactado por Manuel Lugrís. Leal explicou que "a idea dos pasos de peóns é porque permite que quede enfrontada a frase das Irmandades coa de Castelao, e pode lerse cada unha segundo o lado da rúa pola que se comece a cruzar."  

 "Nunha cidade como Pontevedra na que a mobilidade é tan representativa estaba moi ben comezar coa primeira intervención nesta boa vila" asegurou o deputado de Cultura e Lingua. Anunciou ademais que se intervirá un segundo paso de peóns na mesma contorna, xusto no que se sitúa enfronte do Café Moderno.  

 Unha escolla na que tamén afondou o concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, asegurando que "desde o concello buscouse un espazo próximo á figura de Castelao, ao lado do Café Moderno, que é un dos espazos do roteiro Castelao da cidade, onde el tivo tanta participación e protagonismo".  Luis Bará tamén fixo fincapé na necesidade de "reivindicar ese ideario da xente que se comprometeu naquel momento na defensa do país" en referencia á fundación das Irmandades da Fala, que en Pontevedra cumprirá o centenario de dita fundación a comezos de decembro. O concelleiro aproveitou, ademais, para poñer en valor este tipo de accións sinalando que "parécenos importante levar estar figuras e estas temáticas á rúa, saír ao encontro da xente nos espazos públicos".

 Na presentación tamén estiveron presentes representantes de Rei Zentolo e de Caramuxo, os encargados de facer o deseño e executar a acción. Leal asegurou referíndose a eles que "temos deseñadores moi relevantes na provincia e en todo o país e tamén temos que poñer en valor as súas potencialidades a través destas accións máis achegadas á arte urbana, e que nos permite que estas dúas efemérides teñan máis actualidade e se axusten á linguaxe de hoxe en día".  

 Pola súa banda, os deseñadores explicaron que utilizaron una tipografía moderna que parte da mítica do grupo Nós de Castelao, pero adaptada ao formato da plantilla e ao xeito da arte urbana. Tamén incluíron unha chiscadela á tradición galega ao introducir un trisquel para substituír a arroba ou o asterisco na palabra "galeg*s" e así respectar e simbolizar a igualdade de xénero no uso do idioma.

SANIDADE

Denuncia que “Sanidade reinventa as súas fórmulas de xestión para manter os chiringuitos e acólitos con contratos de alta dirección” 

CIG-Saúde considera un “despropósito” a integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de radioloxía do CHUVI 


Infogauda / Santiago de Compostela

 A CIG-Saúde considera que a pretensión da consellaría de Sanidade de proceder á integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de radioloxía do CHUVI é “un despropósito”. Entende ademais que deste xeito, Sanidade “reiventa as súas fórmulas de xestión” co obxectivo de “manter estes chiringuitos” e “aos seus acólitos con contratos de alta dirección”. 

 María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, explica que en xuño de 2015, tras pasar pola Mesa Sectorial do SERGAS, publicouse o Decreto 88/2015, do 25 de xuño polo que se integra no Servizo Galego de Saúde determinadas unidades de Galaria, empresa pública de servizos sanitarios. 

 Esta integración faise en cumprimento da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para a reordenación das entidades instrumentais na ámbito sanitario. 

 De acordo con esta reordenación procédese á integración de cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista no CHUVI, así como o seu persoal, que pasa a prestar os seus servizos na estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) de Vigo. 

 Daquela a administración defendía a importancia desa integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos cales manteñen unha interdependencia para a perfecta atención integral dos e das doentes, subliñando a importancia de que esta integración de recursos, no novo hospital de Vigo, estea baixo a mesma organización administrativa que o resto das unidades coas cales comparten asistencia.  

 O compromiso da administración, naquel intre, era que en base á propia normativa de área de xestión integrada todos os recursos asistencias da Área de Vigo integraríanse baixo a dirección desta EOXI. “Non logramos entender que ocorreu entre xuño e agora para que a integración da resonancia e do resto de servizos de radioloxía e medicina nuclear de Galaria non teñan o mesmo procedemento de integración na EOXI de Vigo que no seu día tivo cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista”. 

 Para Abuín isto responde á “incoherencia desta administración, que defende no plano teórico a xestión integrada, a xestión clínica, mais cando teñen que tomar decisións de integración de recursos pesa máis seguir a manter os seus chiringuitos”. 

 A CIG-Saúde solicita da consellaría de Sanidade que realice o mesmo procedemento de integración para todos os servizos asistencias que hoxe dependen de Galaria na EOXI de Vigo regulados no decreto 88/2015 do 25 de xuño. “Que sentido ten manter nunha área sanitaria dúas estruturas directivas para xestionar o mesmo servizo?”, pregúntase María Xosé Abuín, quen afirma que “manter isto crea disfuncións no normal funcionamento dos servizos, e para solucionalo van crear unha comisión directiva de coordinación entre ambos”. 

 A CIG-Saúde exixe a disolución de Galaria e a integración de todos os servizos sanitarios no complexo hospitalario de referencia, máxime cando o propio Xerente do SERGAS recoñece que os equipamentos que utiliza Galaria son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario. Galaria só é unha intermediaria que factura ao SERGAS por estes servizos. Gabinete de Comunicación Confederación Intersindical Galega

SANIDADE

A CIG-Saúde apoia a concentración convocada contra o desmantelamento do Meixoeiro 

A mobilización, promovida pola Xunta de Persoal e SOS Meixoeiro, terá lugar este mércores ás 18.00 horas 



 A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de amosar o seu apoio á mobilización convocada este mércores no hospital Meixoeiro ás 18.00 horas para rexeitar o desmantelamento do centro. A protesta, promovida pola Xunta de Persoal e SOS Meixoeiro, consistirá nunha concentración na entrada principal do edificio.

 Segundo indican os colectivos promotores, con esta mobilización preténdese reclamar a apertura de todas as camas da área de hospitalización, a posta en funcionamento da unidade de doentes críticos e a implementación dun plan de choque para rematar coas “escandalosas” listas de espera, ademais de rexeitar calquera derivación de pacientes a clínicas ou hospitais privados.   

 Precisamente coa intención de evitar o desmantelamento do centro médico, a Xunta de Persoal do Chuvi vén de facer público un documento no que se achegan unha serie de alternativas para o Meixoeiro e no que repasan as tomas de decisión que levaron a ter un novo hospital "que non cumpre coas condicións para o que foi creado e que non se acompañou do desenvolvemento do conxunto da área sanitaria, incluída Atención Primaria”.  

 O texto completo pódese consultar a continuación:  

 Dende finais dos anos 90 era unha evidencia que a área sanitaria de Vigo necesitaba introducir melloras nos recursos sanitarios, tanto en Atención Primaria como en Hospitalaria. Tamén era evidente que o modelo de sectorialización da área sanitaria, con dous hospitais xerais públicos (Xeral e Meixoeiro) e un privado (Povisa) cada un co seu sector de poboación asignado, non facía máis que debilitar a nosa capacidade de aportar recursos e traballar pola excelencia. Mentres outras áreas apostaban por ser referencia para temas punteiros: transplantes, cardioloxía, neurociencias, etc., a nosa área diluíase en competencias internas. Mentres outras áreas apostaron, desde o inicio, pola reforma da Atención Primaria, a nosa mantivo o modelo de ambulatorios e retrasou a posta en marcha e extensión dos Servizos e Unidades de Atención Primaria. 

 En marzo de 2001 a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Vigo presentou o informe “Revisan 2000” no que se afirmaba que a bisbarra necesitaba ampliar a súa oferta hospitalaria cun gran centro sanitario dotado dun alto nivel asistencial, e capacitado para a investigación e a docencia, e se dicía que a área debería ser referente para o tratamento do cancro en Galiza.  

 O documento deixaba aberta unha dobre posibilidade para emendar as carencias sanitarias no ámbito da Atención Hospitalaria: Crear un novo hospital ou converter o Meixoeiro no núcleo dun novo complexo hospitalario; pero en todo caso o novo centro debería ter capacidade para acoller as unidades de apoio docente e investigador e dotar á área da totalidade das especialidades sanitarias de referencia, especialmente na atención materno infantil, dada a súa relevancia numérica, xa que Vigo era a única cidade do país que continuaba gañando poboación. 

 Tamén se valoraba que se agrupara a planificación e a organización da asistencia sanitaria baixo unha xerencia única para a Atención Especializada. 

 O informe propoñía tamén que a investigación e o tratamento oncolóxico foran punta de lanza da área de Vigo, do mesmo xeito que o desenvolvemento do servizo de transplantes de órganos o era para a área da Coruña. 

 O debate continuou até o ano 2006, no que se aprobou o “Acordo Básico pola Saúde na Área Sanitaria de Vigo” asinado pola Consellería de Sanidade, os sindicatos CC.OO. UGT e CIG, a Confederación de Empresarios, a Universidade de Vigo e a empresa Povisa.  

 No marco de dialogo que se estableceu no “Acordo Básico” pretendíase determinar as medidas que garantiran: 

-A sustentabilidade financeira do sistema sanitario público de Galiza.  

-A capacidade de planificación do sistema sanitaria galego, que residirá nos poderes públicos.  

-A superación dos déficits estruturais da asistencia sanitaria pública na área sanitaria de Vigo sobre a base do incremento dos recursos de Atención Primaria e do acordo de dotación do novo hospital.  

 No “Acordo Básico” xa se apostaba definitivamente por facer un novo hospital que rematara coa fragmentación anterior da Atención Especializada e potenciara a Atención Primaria nun novo deseño da área sanitaria e permitira incrementar os recursos e a utilización integrada dos existentes.  

 O obxectivo do centro era dotar de todos servizos de Atención Hospitalaria e da capacidade para atender ao 100% da cidadanía. A porta de entrada de Urxencias estaría situada no novo hospital, onde estarían os recursos asistenciais necesarios para atender as patoloxías agudas e emerxencias, e contaría con accesibilidade para o conxunto da área sanitaria a través dos diferentes medios de transporte sanitario (ambulancias e helicóptero).  

 Nese deseño inicial reservábase para o Meixoeiro un papel de especial importancia como hospital especializado en Oncoloxía, para tirar partido da tecnoloxía xa alí instalada, e tamén actividade relacionada coa cirurxía maior ambulatoria, traumatoloxía, xeriatría e medicina interna, mantendo 422 camas activas.  

 O Álvaro Cunqueiro, segundo a Consellaría, tería 1465 camas, que engadidas ás 422 do Meixoeiro e ás 117 do Nicolás Peña farían un total de 2004 camas no conxunto do Chuvi.  

 O Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 5 de febreiro de 2009, as condicións da licitación das obras do novo hospital de Vigo e como consecuencia se asinou o Convenio Específico entre o Sergas e a Sociedade Pública de Investimentos, no que se establecía, no Plan Económico Financeiro da Sociedade Pública de Investimentos para o ano 2009, unha provisión inicial de fondos de 300 millóns de euros. O custe final da construción sería de 374.371.630 euros, IVE incluído.  

 A licitación non se chegou a realizar, pese ás demandas da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Vigo, por que o Partido Popular gañou as eleccións ao Parlamento de Galiza en marzo do 2009.  

 Tras constituírse o novo Goberno da Xunta, e xa coa desculpa da crise económica, comezaron a tomar medidas que mudarían de xeito dramático os plans de actuación para a nosa área sanitaria. A primeira delas a supresión do Plan de Mellora da Atención Primaria, no que se enmarcaba un importante investimento en recursos humanos e materiais para a área de Vigo. A segunda o cambio de modelo do novo hospital de Vigo, abandonando o Convenio Especifico coa Sociedade Pública de Investimentos e apostando pola colaboración “público-privada”. 

 O Sergas modificou o plan funcional e financeiro inicial e licitou a construción do Novo Hospital en Beade, e a prestación dos servizos “non clínicos” tanto no Novo Hospital como no do Meixoeiro e Nicolás Peña.  

O resultado foi un hospital privado  
 Como consecuencia do modelo de licitación, o novo hospital é privado e está no balance contable da sociedade concesionaria como un activo financeiro, por importe de 232.000.132,58 €, que é o valor estimado dos custes de construción. A Sociedade Concesionaria arrendarallo ao Sergas mediante un canon durante 20 anos que nos custará 1.414.067.091 € IVE incluído.  

 Este canon anual componse de tres partes: unha, o aluguer do edificio (659.561.032 €); a segunda, a prestación deses servizos “non clínicos” nos tres hospitais de Vigo (500.000.000 €); e a terceira, os servizos que serán facturados directamente aos enfermos/as e acompañantes, como aparcamento, cafetería, WIFI etc, e que se estiman en 20.927.540 €; para chegar ao total previsto: 1.414.067.091€ IVE incluído.  

 A realidade da área sanitaria é ben distinta da prevista inicialmente: o novo hospital abre con 845 camas, no Meixoeiro redúcense a 347 e o Nicolás Peña a 68, polo que dispoñemos de 1.260 camas, é dicir 744 camas menos das prometidas e anunciadas.  

 O Chuvi deixou de ser centro de referencia para a Área Norte de Pontevedra en importantes servizos: Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía Torácica, Neurocirurxía, Cirurxía Plástica, Cirurxía pediátrica, cardioloxía intervencionista (unidades de hemodinámica) e Cirurxía Cardíaca. A referencia destes servizos están agora no Complexo Hospitalario de Santiago. Povisa mantén o concerto con poboación asignada e continúa a ser a referencia de Cirurxía Maxilofacial, Nervio Periférico e Queimados.  

 O novo hospital non terá Laboratorio Central que se substitúe por un laboratorio de resposta rápida, o que supón unha redución de espazo de 7. 242 m2 a 3.739 m2. O laboratorio Central trasládase ao Meixoeiro onde non hai espazo nin medios para albergar un Laboratorio destas características, co que é preciso facer obras que atrasan a súa posta en marcha e o fragmenta en diferentes plantas. Obrígase a establecer un sistema de transporte de mostras entre o Cunqueiro e o Meixoeiro co conseguinte atraso nos resultados, risco de deterioro e perda de calidade e especialización.  

 Recórtanse drasticamente as Área de Urxencias e Atención a Pacientes Críticos (malia a conxestión que periodicamente afecta a este servizo): A superficie redúcese un 25,5% pasando de 5.759 m2 a 4.291 m2. As 72 camas de observación previstas redúcense a 32. 

 Elimináronse do proxecto inicial compoñentes importantes que privan ao novo hospital do seu carácter estratéxico que o equiparaban aos Hospitais do Norte de Galiza (A Coruña e Santiago): Módulo de Docencia e Investigación, módulo de Rehabilitación, Hotel de Pacientes, 160 camas de Coidados Mínimos-Intermedios.  

 Suprímense tamén os dous Centros de Alta Resolución previstos no Plan Funcional no anexo I do edificio do hospital Xeral e no Morrazo.  

 O hospital do Meixoeiro non está a xogar o papel que tiña previsto no plan funcional inicial e a aparente falta de criterio da Xerencia está a sementar moitas dúbidas sobre o seu futuro. A súa situación actual é intolerable, coa metade das camas pechadas e co persoal movéndose polo Meixoeiro e o Cunqueiro, cubrindo baixas, vacacións ou acúmulos, mentres se derivan pacientes á sanidade privada.  

 Fronte a esta nova realidade, a solución non é retomar a estrutura fragmentada e zonificada por áreas de poboación da situación anterior, pois esa foi unha das causas que nos levaron a ter un déficit tan importante en infraestruturas e recursos asistenciais, como ben evidencian as intolerables listas de espera, tanto diagnósticas como cirúrxicas, que padecemos.  

 A solución pasa por recuperar o hospital Álvaro Cunqueiro para ao sistema sanitario público e retomar o proxecto de Hospital Estratéxico para a Área Sur de Galiza, que devolva ao Chuvi os Servizos de Referencia trasladadas ao Complexo Hospitalario de Santiago e as especialidades que se manteñen no hospital privado Povisa, e que se recupere a capacidade do Chuvi de atender ao 100% da cidadanía co restablecemento das camas previstas no proxecto inicial. 

 E neste novo deseño o hospital do Meixoeiro debe manter o seu funcionamento como hospital xeral programado para diferentes especialidades, aínda que sen porta de Urxencias, recuperando as camas e os recursos recortados. 

 Para facer posible o proxecto estratéxico, inicialmente previsto, de reforzar o tratamento e a investigación en Oncoloxía (ao que poderíamos engadir Hematoloxía), deberiamos potenciar a actividade oncolóxica no Meixoeiro, aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñible para atender estas patoloxías, convertendo ao Chuvi en referencia Oncolóxica para o sur de Galiza.  

 Tamén temos que situar no Meixoeiro todos os recursos de Cirurxía Programada (Maior Ambulatoria e con Ingreso) da área, aproveitado os seus quirófanos e as camas cirúrxicas (axustándoas segundo necesidades), e para que isto sexa posible é necesario abrir unha Unidade de Coidados Críticos, a pleno rendemento, en todas as quendas e co persoal e materiais suficientes e adecuados para garantir a seguridade dos pacientes.  

 Para a completa utilización do Meixoeiro hai que establecer criterios de ingreso para pacientes de traumatoloxía, xeriatría, medicina interna, rehabilitación, reumatoloxía, endocrinoloxía, oftalmoloxía e outros, así como consolidar a Unidade de Coidados Paliativos (co 100% das camas situadas en habitacións individuais), co obxectivo de manter 422 camas activas. Esta especialización determina a necesidade de manter unidades de diagnóstico por imaxe e laboratorio.  

 A plena utilización do hospital do Meixoeiro é vital para o futuro da sanidade pública da área sanitaria viguesa.

(R.)

A GUARDA

SOLICITUDE DE PERMISO PARA AS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN  

Na imaxe, porta de acceso ás dependencias da Policía Local de A Guarda
Foto: C.A.G.

 Informa: Concello de A Guarda

 Ante a proximidade da celebración da Noite de San Xoán no mes de xuño que vai comezar, dende a Policía Local da Guarda infórmase que todos aqueles que desexen facer unha fogueira deberán solicitar o permiso nas súas oficinas. 

 Ademais, póñense a disposición dos guardeses e guardesas que teñan dúbidas sobre como e onde se poderán facer estas fogueiras. Para esta ou outras informacións sobre calquera tema relacionado coas celebracións da Festa de San Xoán que terá lugar a noite do 23 ó 24 de xuño, os guardeses e guardeses poden achegarse á Policía Local xunto ó edificio do Concello, na Praza do Reló.   

 Dende o Concello da Guarda agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas da vila para entre todos desfrutar da noite e facer dela unha festa segura.

(R.)

A GUARDA

A ASOCIACIÓN SAN XEROME EMILIANI CELEBROU ASAMBLEA ANUAL DE SOCIOS

Tamén foi presentada a revista “Ainda temos moito que andar”

A revista “Ainda temos moito que andar” foi presentada no mesmo día da asemblea de socios

Infogauda / A Guarda

 O pasado sábado 28 de maio foi celebrada a 38ª Asamblea anual de Socias/os da Asociación S. Xerome Emiliani. O acto comenzou con un agarimoso recordo para Pili, Isabeliña, Jesica, Ana de Torroña, Celso, Juan Carlos, David, Juan José, Enrique Vicente y este ano Raquel;  todos eles  merecedores da mais sinceira “salva de palmas” de todolos presentes.  

 Os puntos da orde do día foron tratados e aprobados con sobrado apoio das presentes así como a modificación de estatutos explicada ampliamente polo avogado e Catedrático en Dereito   D. Daniel Cuadrado Ramos.  

 A presentación das actividades realizadas no ano 2015 foi a evidencia de outro ano cheo de novas propostas e traballo en equipo para dar resposta as necesidades dos nosos usuarios e as súas familias. A presentación da revista “Ainda temos moito que andar” foi todo un éxito e estará a venta na nosa tenda Atalaia, Foto Verano e esperemos que pronto nas librerías que colaboran connosco. 

 A directiva agradece o apoio de tódolas/os socias e socios que veñen confiando na nosa xestión sempre o servizo dos nosos fillos e familiares”.

CULTURA

Proxecto Socheo chega aos 100.000 visionados


Proxecto Socheo / A Guarda

 A canle de Youtube de Proxecto Socheo acaba de rebordar os 100.000 visionados. Nos cinco anos de existencia se subiron case de 400 videos. 

 Este contenedor de vídeos supón o arquivo audiovisual on-line máis importante que ten A Guarda. Están clasificados e ordenados por temáticas que engrosan as distintas listaxes de reprodución. 

 Desde Proxecto Socheo queremos volver a parabenizar a todos aqueles colaboradores que se sumaron dunha maneira desinteresada ao proxecto. 

 Beli Martínez, produtora de Proxecto Socheo, valora a traxectoria até o día de hoxe: “foi un traballo duro máis gratificante. Aínda que vai ser moi difícil agardamos continuar. Ao longo da nosa existencia temos espiñas cravadas como a non realización do proxecto de dixitalizar os fondos de Canal 50 mais quédome coas cousas boas, co coloboración e o apoio da xente, dos veciños da Guarda. Grandes”.

DEPORTES

O secretario xeral para o Deporte participa da presentación dos deportistas galegos preseleccionados para os xogos paralímpicos de Río 2016 

O acto, celebrado na Casa do Deporte de Vigo, foi organizado polo Comité Paralímpico Español 

A delegación española estará composta por 110 deportistas, estando preseleccionados no momento actual 15 deportistas galegos máis 2 deportistas de apoio  

Infogauda / Vigo

 O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe no acto de presentación dos deportistas galegos preseleccionados para os Xogos Paralímpicos de Río 2016, organizado polo Comité Paralímpico Español na Casa do Deporte de Vigo.
 Durante a súa intervención, o Secretario Xeral lembrou os logros acadados pola elite dos nosos deportistas paralímpicos, que, ata Río 2016, acadaron 49 medallas. “A Londres 2012 acudiron 10 deportistas paralímpicos galegos e galegas; esta preselección de 15, e o seu enorme nivel competitivo, fainos soñar con facer crecer este medalleiro”, apuntou Lete Lasa.
 O responsable de Deportes da Xunta de Galicia resaltou tamén o compromiso do goberno autonómico co deporte paralímpico e co deporte para as persoas con discapacidade. “En Galicia, axentes deportivos e administración autonómica traballamos por un deporte inclusivo, por un deporte que sexa ferramenta coa que cohesionar o país e coa que mellorar o benestar da poboación”, afirmou o Secretario Xeral.
 Tamén lembrou que na nosa Comunidade Autónoma, as becas aos deportistas de alto nivel son iguais para todos, olímpicos ou paralímpicos, sen distingos, e cómo a práctica deportiva integrada é a aposta das federacións deportivas á vez que exista unha Federación galega de deporte adaptado.
 No acto tamén interviñeron o director de Comunicación do Comité Paralímpico Español, Luis Leardy, o representante da empresa Gadis, Agustín Rodríguez -no nome dos patrocinadores do Plan ADOP-, e os deportistas galegos preseleccionados o nadador Sebastián Rodríguez, o tirador Juan Antonio Saavedra e a triatleta Susana Rodríguez. 

CULTURA

‘Sinais en curto’ abre a programación do festival (S8) no CGAI coa presentación dos traballos de nove cineastas galegos 

A sesión, que terá lugar o mércores ás 18.00 h, ofrecerá as novas curtametraxes de Natalia Porca, Mar García, Xurxo Chirro, Diana Toucedo, Alberte Branco, Gonzalo E. Veloso, Lucía Vilela, Miguel Mariño e Borja Santomé 

Como unha das sedes da Mostra de Cinema Periférico, o Centro Galego das Artes da Imaxe acolle programas sobre Germaine Dulac, Saul Levine, William Raban e Nicky Hamlyn, ademais dunha conferencia de Eugeni Bonet e o novo documental de Andrés Duque  

O programa ‘Sinais en curto’

Infogauda / A Coruña

 O programa ‘Sinais en curto’, dedicado ao novo cinema feito en Galicia, abrirá este mércores 1, ás 18.00 horas, a carteleira que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) despregará esta semana como unha das sedes da (S8) Mostra de Cinema Periférico. A sétima edición deste festival, un dos seis eventos audiovisuais subvencionados este ano pola Consellería de Cultura a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), arranca esta mesma noite no Teatro Rosalía Castro cunha gala arredor de ‘O acoirazado Potemkin’ e continuará ata o domingo 5 cunha intensa programación en diferentes espazos da cidade.
 No caso do CGAI, o cinema galego protagoniza a primeira das nove sesións da (S8) cunha escolma de curtametraxes, entre as que se inclúen pezas producidas dentro da segunda edición do Chanfaina Lab, celebrada en setembro de 2015 en San Sadurniño. Esta foi unha experiencia de creación audiovisual colectiva na que os participantes filmaron cadansúa curtametraxe durante unha fin de semana, con absoluta liberdade sobre o tema e o tratamento audiovisual. Neste sentido, a (S8) recupera os traballos de Natalia Porca (‘Materia Prima’), Mar García (‘Beleza do verán’), Diana Toucedo (‘Homes’), Alberte Branco (‘Trazos’), Lucía Vilela (‘Toxos e flores’) e Miguel Mariño (‘O tempo da mazá’). Ademais, presentaranse as curtas doutros tres realizadores: Xurxo Chirro (‘Jeannette’) –gañadora do premio á mellor curtametraxe do Ficic 2016 en Arxentina–, Gonzalo E. Veloso (‘Subida ao cerro’) e Borja Santomé Rodríguez (‘Historia cerebro’).
Pioneira do impresionismo cinematográfico 
 A segunda sesión do mércores, ás 20.30 horas, dedicarase á obra de Germaine Dulac, pioneira francesa e referente do impresionismo cinematográfico, que é un dos eixos temáticos da sétima edición deste encontro centrado nas vangardas audiovisuais. No CGAI exhibiranse as versións restauradas de ‘Thèmes et Variations’ (1928) e ‘Étude Cinématographique sur une Arabesque’ (1929), así como ‘L’Invitation au voyage’ (1927) e ‘Disque 957’ (1928).

Por outra banda, o festival traerá á Coruña tres mestres internacionais, dos que a filmoteca galega ofrecerá diferentes sesións especiais. É o caso do estadounidense Saul Levine (xoves 2, ás 18.00 h, e sábado 4, ás 20.30 h), quen desde finais dos sesenta emprega como ferramenta fundamental o Súper 8, xuntando o chamado ‘cine diarístico’ coa busca formal e a militancia política.
 No caso dos outros dous protagonistas, ambos son creadores ligados á mítica London Filmmakers Co-op. Dunha banda, o veterano William Raban (xoves 2, ás 20.30 h), quen ademais impartirá o sábado 4 no auditorio de Afundación unha clase maxistral sobre ‘Tempo e materialidade no cine’, que incluirá o filme-performance ‘Take Measure’. Doutra, Nicky Hamlyn (venres 3, ás 18.00 h), quen estreará o sábado na Fundación Luís Seoane outro filme-performance feito especificamente para o festival.
 O Centro Galego das Artes da Imaxe tamén acollerá o venres ás 11.30 horas a conferencia e as proxeccións do artista catalán Eugeni Bonet, quen estará acompañado por Albert Alcoz, e ás 20.30 horas a presentación da nova longametraxe documental de Andrés Duque, ‘Oleg y las raras artes’. O sábado, ás 17.00 horas, ofrecerase unha nova sesión de Stan Brakhage, unha das principais figuras do cinema experimental do século XX que vén sendo obxecto dunha minuciosa retrospectiva por parte do CGAI dentro da súa sección ‘Desencadres’.
 Todas as sesións da (S8) Mostra de Cinema Periférico na sala se proxeccións da Filmoteca de Galicia son de acceso libre ata completar a capacidade.