20 de dec. de 2016

LABORAL

Empregados/as de Segur Ibérica levan a súa loita polo cobro de salarios aos centros de traballo de Vigo 

O xoves trasladarán as protestas até e estación de tren de Adif en Guixar

Un grupo de traballadores/as e delegados/a sindicais da CIG en Segur Ibérica desenvolveron esta mañá unha concentración na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Foto: C. I.G.

Infogauda / Vigo

 Un grupo de traballadores/as e delegados/a sindicais da CIG en Segur Ibérica desenvolveron esta mañá unha concentración na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para reclamarlle á empresa o pago dos salarios, das pagas extras e das liquidacións pendentes. Para este xoves teñen prevista unha nova mobilización, esta vez ás portas da estación de tren de Adif en Guixar.

 Dende a federación de Servizos da CIG adiantaran hai pouco máis dunha semana que convocarían mobilizacións en Vigo no caso de que Segur Ibérica, que presentou concurso voluntario de acredores, non liquidase as débedas pendentes co seu cadro de persoal. Deste xeito, hoxe levaron a cabo a primeira das protestas, que consistiu nunha concentración na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro, xa que a empresa ten a concesión do servizo de vixilancia do Chuvi.  

 O grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG despregaron unha faixa reclamando o pago dos salarios e berraron consignas instando a Segur Ibérica a abonar as débedas pendentes. Aproveitaron a protesta para repartir folletos informativos nos que se explica o conflito laboral que manteñen dende hai varios meses e que está a afectar a persoal doutras zonas do país.

 Para este xoves día 22 teñen convocada unha nova protesta, esta vez ás portas da estación de ferrocarril de Adif -que tamén é cliente de Segur Ibérica- en Guixar a partir das 11.00 horas.

Ningún comentario: