21 de maio de 2026

A GUARDA

O FESTIVAL “A GUARDA CLÁSICA”, CONTINÚA ESTE SÁBADO 

• Coas artistas internacionais Zukhra Zeingaliyeva (Kazajistán) e Ilaria Vivan  (Italia)



Infogauda/A Guarda 

 Tralo magnífico concerto ofrecido o pasado sábado no Centro Cultural, continúa este sábado 23 de maio a mellor música de cámara da man do Festival A Guarda Clásica, con dúas intérpretes internacionais: Zukhra Zeingaliyeva (Kazajistán) e Ilaria Vivan (Italia) para ofrecer un diálogo único entre a frauta e a arpa.  

 O Festival continua coa súa aposta polo virtuosismo das artistas escollidas combinado cun repertorio coidadosamente deseñado.  

Zukhra Zeingaliyeva é solista internacional formada en Kazaxistán, cunha traxectoria do mais variada que abrangue a música clásica, o jazz e músicas do mundo; foi solista da Sinfónica Aljazz, profesora no Conservatorio Nacional Kazakh Kurmangazy en Almaty e colaborou con músicos destacados tanto de música clásica como de jazz en festivais e ciclos de todo o mundo. 

 Ilaria Vivan é arpista principal da Orquestra Sinfónica de Porto-Casa da Música e docente nas Escolas Superiores de Música de Porto e Espinho, formada no seu Trieste natal, completou a súa formación e traxectoria nas principais escolas de música italianas (Academia de Santa Cecilia de Roma,   Escola Superior de Música de Fiesole en Florencia e Portogruaro). Xuntas ofrecen Haru No Umi (‘o mar en primavera’), un programa de 60 minutos con obras de Debussy, Glinka, Miyagi, Ibert e outros, que vai do repertorio clásico á música xaponesa e contemporánea. 

 Esta iniciativa do Concello da Guarda nace neste 2026 coa vocación de abrir e consolidar unha programación musical de calidade na Guarda, dentro da música clásica pero sen renunciar a elementos de contemporaneidade que faciliten un diálogo entre as diferentes tendencias e o público do século XXI.  

 A Guarda se caracteriza por unha importante actividade cultural con numerosos colectivos adicados á música tanto a nivel profesional, amateur como educativo, aos que convidamos a unirse nesta experiencia que tan bo resultado acadou no primeiro concerto ofrecido por Rafael Yebra (saxofón) e Oswaldo Oro (guitarra)  como concerto inaugural. 

 Esta programación conta coa financiación da liña 2 do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra  

FICHA DO EVENTO 

Data e hora: sábado, 23 de maio de 2026 ás 20:00h 

Lugar: salón de actos do Centro Cultural da Guarda 

Artistas: Zukhra Zeingaliyeva (frauta) e Ilaria Vivan (arpa) 

Programa: Haru No Umi - O mar en primavera 

Entrada: De balde 

Ningún comentario:

Publicar un comentario