15 de dec. de 2016

TOMIÑO

Usuarios do centro de día elaboran coroas de Nadal para os comercios do concello  

Participaron tamén nunha representación dunha peza musical, realizada conxuntamente coa asociación para persoas con discapacidade “Vontade” e o Concello de Tomiño, con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade       


Infogauda / Tomiño

 Con motivo das festas de Nadal, o Servizo de Atención Diúrna do Concello de Tomiño integrado na rede pública do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, dependente da Consellaría de Política Social; en colaboración coa asociación de comerciantes de dita localidade (ADETO) realizou unha coroa de Nadal decorativa para cada establecemento adscrito á mesma.     

 As coroas, feitas a man e con materiais reciclables, foron creadas polos usuarios con apoio do persoal. Entre todos recompilaron o material necesario para crear os adornos, que van dende o papel de periódico que reciben todos os días no centro, ata retallos pequenos de tea que tiñan pola casa, pasando por restos de vides sobrantes da poda ou tapóns de botellas plásticas e cortizas.     

 Esta actividade enmárcase dentro da liña de traballo desenvolta durante este ano dende o centro, cos programas “Todos somos arte”, “Tomiño ten historia” e agora outro relacionado co  comercio.  

 A entrega dos traballos fíxose o  venres 9 de decembro, cando un grupo de usuarios achegaron ás diferentes coroas de Nadal aos seus destinatarios, xunto con algúns membros de ADETO.     

 “Sen dúbida, e aínda que a actividade nos resultou dificultosa ás veces, tamén resultou ser moi entretida; de seguro que para o próximo ano argallamos outro proxecto que nos motive tanto coma este”, explica Marta Moure Vicente, educadora social, asegurando que tanto para o equipo como para os usuarios, foi moi gratificante facer esta actividade.     

 Por outra banda, o día 5 de decembro os usuarios do centro participaron nunha representación dunha canción ou dun tema musical, realizada conxuntamente coa asociación para persoas con discapacidade “Vontade” e o Concello de Tomiño, con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Para conseguilo foi necesario ensaiar toda a semana cunha profesora de zumba, que lles preparou un baile que puideran levar a cabo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario