27 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

O PP propón ao Bipartito provincial crear unha liña específica para repoñer a herba sintética nos campos máis deteriorados   

Recordan que os primeiros campos construídos xa teñen dez anos, que é o tempo de vida útil que normalmente garanten estes tapices cun uso intensivo. 

Ángel Moldes esixe ao goberno que sexa previsor, e que convoque axudas independentes ao Plan Concellos.
  
 Ángel Moldes Martínez, voceiro do grupo provincial do Partido Popular

Infogauda / Pontevedra

 O grupo provincial do Partido Popular defenderá no pleno de mañá mércores día 28 de decembro, que a Deputación de Pontevedra cree unha liña específica para facer fronte ao mantemento e á reposición da herba sintética nos campos de fútbol máis deteriorados da provincia. O voceiro dos populares, Ángel Moldes Martínez, considera que é necesario que convoquen unhas axudas independentes ao Plan Concellos, polo que esixirá ao goberno bipartito que sexa previsor e que reserve nos orzamentos de 2017 unha partida para facer fronte a este gasto.   

 Así se defenderá nas alegacións que os populares presentaron aos orzamentos de 2017, pero tamén nunha das mocións que defenderá o PP. Ángel Moldes apunta que os primeiros campos de herba sintética construídos na provincia xa teñen dez anos, que precisamente é o tempo de vida útil que se garante cando hai un uso intensivo do terreo de xogo. Por iso, o plan que propoñen permitiría comezar a cambiar a herba sintética nos campos nos que o seu deterioro estea xustificado tecnicamente, e dando prioridade aos máis antigos.   

 O voceiro destaca, ademais, que está demostrado que a construción dos campos de herba sintética por parte da Deputación de Pontevedra foi un proxecto pioneiro en toda Galicia. E recorda que hai máis de cen campos de herba sintética  na provincia, que permitiron aumentar de xeito notable o número de licencias, pero sobre todo, o número de escolas deportivas e de nenos e nenas que practican este deporte nunhas instalacións modernas e de calidade. 

 Ademais, entende que este tamén sigue sendo un proxecto importante na actualidade, como así o demostra que o actual goberno bipartito formalizase convenios co Concello de Pontevedra para a construción de dous novos campos e con Vigo para, precisamente, o mantemento dos tapices máis deteriorados.  

 Ángel Moldes apunta que na actualidade existen concellos que están destinando parte do Plan Concellos para repoñer o céspede, o que provoca que teñan que renunciar a prestar outros servizos ou investimentos. Considera que esta vai ser unha práctica xeral no vindeiro ano, como así llo trasladaron alcaldes e os propios clubs deportivos nas reunións que o PP está organizando polas comarcas, e nas que amosaron a súa preocupación por como afrontar os custes para repoñer a herba sintética.  

 Por iso insisten os populares que é fundamental que a Deputación de Pontevedra e o goberno bipartito se adiante a esta situación e xa reserve nos orzamentos do próximo ano unha partida económica específica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario