O DEPARTAMENTO PROVINCIAL DE CULTURA E LINGUA LEVOU MÁIS DE 200 ACTUACIÓNS AOS CONCELLOS DA PROVINCIA
A través dunha intensa programación de teatro, exposicións, música, contacontos e obradoiros infantís, todos os concellos viron complementadas as súas programacións
Por primeira vez, as localidades tamén contaron cunha liña de axudas específicas en materia de normalización e dinamización do galego, á que se lle engadiron as de sinalización de elementos patrimoniais, e rehabilitación do patrimonio histórico e artístico
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, na presentación de Expo Retranca
Fotos: D. P.
Infogauda / Pontevedra
"Ter en conta a todos e cada un dos concellos da provincia, e asegurarnos así de que a toda a poboación poida gozar de propostas culturais de calidade, profesionais, actuais, e que dean cabida e poñan en valor os grupos e formacións da provincia nas distintas disciplinas, foi o motor da colaboración entre Deputación e concellos no eido cultural" sinala o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, no balanzo do realizado polo seu departamento durante este exercicio. En actuacións directas como complemento ás programacións locais, a Deputación achegou un total de 210 actuacións entre exposicións, contacontos, musica, teatro e obradoiros infantís.
Ademais, no apartado de apoio aos concellos tamén contabiliza a liña de axudas específicas para normalización e dinamización da lingua; a liña de axudas para sinalización dos elementos patrimoniais; e a liña de axudas para rehabilitación do patrimonio histórico e artístico. O balanzo complétase co apoio do departamento provincial de Cultura e Lingua aos concellos que optaron por participar no Culturgal conxuntamente coa Deputación por segundo ano consecutivo, e coas achegas do Servizo provincial de Publicacións ás bibliotecas e puntos de lectura municipais.
"Neste exercicio iniciamos un novo xeito de traballar, da man dos concellos, como nos corresponde, sumando esforzos para que toda a sociedade, viva onde viva, teña un acceso real á cultura de calidade e profesional" indica Xosé Leal. Engade, ademais, que "penso que puxemos de manifesto a calidade de multitude de propostas, unhas de pequeno e outras de gran formato, con variedade de disciplinas, e priorizando as que proceden de profesionais e formacións radicadas na nosa provincia".
Programacións
Co obxectivo de atender a todas as disciplinas artísticas que cultivara Castelao, nun ano no que as efemérides relacionadas co autor rianxeiro foron o leit motiv da programación cultural do ente provincial, a programación centrouse en dous grandes eixos. Dunha banda, deseñouse una primeira quenda de accións que incluía 4 exposicións que versaban sobre patrimonio arqueolóxico, humor gráfico, cómic e bandas de música; o ciclo de contacontos "Contando cousas e cousiñas" no que participaron Bea Campos, Cándido Pazó, Celso Fernández Sanmartín e Raquel Queizas; un ciclo de música "Cantares de preto e de lonxe" con Alba María, Emilio Rúa, Tino Baz e Manoele de Felisa, con cantares de cegos a cargo de Luis Caruncho e Carlos do Viso, e a Banda Migallas. Por último, incluía obradoiros infantís: un sobre máscaras a cargo de Viravolta Títeres, e outro de pintado de camisolas impartido por ReiZentolo.
O segundo grande eixo programático foi o composto polas propostas teatrais. En referencia á única obra dramática de Castelao "Os vellos non deben de namorarse" e ao papel icónico que dita obra adquiriu na historia e na teoría do teatro galego, deseñouse un calendario de actuacións encamiñado a achegar, actualizar e recuperar a figura do autor rianxeiro por toda a provincia. Este programa, variado en enfoques e moi diverso en canto a linguaxes e formatos, foi levado a cabo por 5 compañías profesionais. Limiar Teatro representou, nunha xira durante os meses de verán que percorreu os 62 concellos, a obra 'A lingua na boca. Letras, Riscos e Pensamentos de Castelao'. Culturactiva achegou, a 10 concellos e no último trimestre, a obra protagonizada por Fran Rei e Isabel Risco "Retrincos de Castelao'. Pola súa banda, Cándido Pazó levou 'Que comerá o Rei?' por cinco concellos entre xullo e decembro; e Teatro do Morcego volveu representar en 10 concellos 'Os vellos non deben de namorarse', nunha versión de gran formato que subiu ao escenario a 10 actores e actrices. Mentres que a compañía Migallas representou en cinco concellos 'Pegadas de Castelao', unha obra dirixida a todos os públicos.
Participantes de Poio, no espectáculo protagonizado polo 'Apalpador'
A estas dúas programacións directamente ligadas ao Ano Castelao, hai que engadir as actuacións contempladas no programa "Nadal en Galego", que está a levar a 27 concellos da provincia un espectáculo protagonizado polo 'Apalpador' para fomentar entre a rapazada o coñecemento sobre a cultura e a tradición galegas vinculadas ao Nadal.
Liñas de axudas
O Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra habilitou neste exercicio unha convocatoria novidosa, xa que por primeira vez convocou axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos concellos e outras entidades locais da provincia, por un importe total de 150.000 euros, co obxecto de consolidar o uso do galego como lingua de traballo e comunicación nos concellos e nas súas relacións coa cidadanía. Grazas a esta axuda, 36 concellos e á Entidade Local Menor de Bembrive tiveron apoio económico para os seus programas de dinamización da lingua ou para crear ou manter o departamento de Normalización Lingüística. A maioría das entidades solicitantes optaron polos programas de dinamización da lingua, un total de 30, mentres que 7 solicitaron axuda para o servizo de normalización.
Xosé Leal na apertura de Expo Cómic
Nas liñas de apoio aos concellos, o departamento de Cultura de Lingua habilitou dúas máis: dunha banda, a destinada a rehabilitación e restauración de elementos patrimoniais e, doutra, a dirixida a actualizar e mellorar a sinalización do patrimonio histórico e cultural. Mediante esta segunda convocatoria promoveuse un apoio económico para que os concellos puidesen asumir o gasto derivado da sinalización dos seus recursos patrimoniais e bens de interese cultural, así como dos elementos relacionados coa memoria histórica, no que se incluíu a colocación de novos sinais ou a substitución dos obsoletos ou deteriorados. Entre os elementos patrimoniais contemplábanse bens inmobles de interese municipal, conxuntos urbanos, xacementos e zonas arqueolóxicas, contornas naturais, xardíns e parques con recoñecido valor arquitectónico, histórico e/ou antropolóxico, artístico e/ou etnográfico, dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.
Outras accións de apoio
Ao igual que no pasado exercicio, a Deputación volver a darlle a oportunidade aos concellos de participar no Culturgal, por entender que as ofertas culturais das localidades deben ter a oportunidade de participar presentes na maior feira especializada do país. Así, o departamento de Cultura e Lingua volveu colocar un posto no que participaron un total de 35 os concellos da provincia con material e iniciativas relacionadas co Patrimonio, e que incluía tanto material impreso como documentos audiovisuais. Ademais, nesta edición, o posto da Deputación foi o escenario, con gran acollida de público, dun programa de micropresentacións no que os concellos tiveron a oportunidade de amosar a súa riqueza patrimonial.
Por último, e a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e de xeito estable, as 117 bibliotecas e axencias de lectura municipais contan con doazóns periódicas tanto dos títulos editados a través deste servizo como doutros de especial interese como son os relacionados coas efemérides do Día das Letras Galegas ou, neste ano, con Castelo e o público infantil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario