13 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

Xosé Leal: "é un orgullo rematar este ano cunha mostra retrospectiva dun digno herdeiro de Castelao" 

Mar Interior, a exposición que reúne 36 anos de traxectoria de Miguelanxo Prado, poderá verse desde ata o 29 de xaneiro no Sexto Edificio do Museo  

Na presentación da mostra estiveron, ademais do propio autor, os comisarios Fausto Isorna e Gemma Sesar, o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 "Para min esta exposición supón algo moi especial porque expoñer no Museo de Pontevedra é como expoñer na Casa de Castelao, que é onde está o corpus máis importante do seu legado, e para min é como a entrada nunha especie de Olimpo transcendente para a nosa cultura", aseguraba esta mañá Miguelanxo Prado durante a presentación da mostra Mar Interior, que hoxe foi inaugurada no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Na presentación da mostra estiveron, ademais do propio autor, os comisarios Fausto Isorna e Gemma Sesar, o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Tanto os dous comisarios coma o director e o deputado coincidiron en cualificar o artista como "o herdeiro actual de Castelao" e en congratularse por rematar o ciclo expositivo deste ano con esta mostra. Carlos Valle insistiu unha vez máis en poñer en valor o traballo do equipo técnico do Museo na montaxe da exposición, unha mención á que tamén se sumou o deputado de Cultura.  

 Xosé Leal cualificou a Miguelanxo Prado como "un artista total que chega ao gran público e que tamén ten unha importante proxección internacional, sendo un referente en países coma Estados Unidos". Na relación entre a arte de Miguelanxo Prado e o legado de Castelao, o deputado incluso aventurou que "Castelao hoxe en día tamén faría animación". Neste sentido, salientou a parte da exposición que reflicte o traballo de Miguelanxo Prado no programa Xabarín Club, asegurando que "foi fundamental para achegar a nosa cultura e a nosa lingua a todas as xeracións que medraron con el".  

 Mar Interior é unha retrospectiva que percorre os 36 anos de carreira de Miguelanxo Prado nunha proposta expositiva dun total de 100 obras que poderá visitarse ata o 29 de xaneiro. O título responde, segundo explicou Fausto Isorna, a "unha metáfora do labor artista que, como os mariñeiros, un día sentiu a chamada do mar para descubrir novos mundos, e que sae dun porto para iniciar singraduras que non se sabe a onde van chegar e que, ás veces, mesmo traen algún naufraxio".  

 Pola súa banda, o  propio Miguelanxo Prado sinalou "que o Museo dea cabida a un autor que no 90 % da súa obra é banda deseñada é un signo do propio espírito da institución". Prado puxo o foco en que a banda deseñada en Galiza "é unha das linguaxes artísticas nas que estamos aportando moitísimo, con autores e autoras actuais moi destacadas". O artista avogou pola banda deseñada como unha forma de arte actual con consideración canónica ao manifestar que "cando a Academia das Artes Galegas me propuxo formar parte como académico numerario para min supuxo unha tranquilidade no aspecto de que unha das formas artísticas do século XX, como é a banda deseñada e a animación, merece a atención e o recoñecemento como disciplina".  

 Mostra retrospectiva  
 Mar Interior articúlase en dous eixos. O primeiro é vital e sentimental, co mar como tema recorrente e no que están representadas as obras onde ten especial protagonismo: Trazo de Xiz, Ardalén e De Profundis, entre outros. Neste apartado exhíbense varios cadros con esta temática, material que non é doado ver nas mostras do autor.  

 O segundo eixo é temático e percorre os diferentes perfís profesionais do artista: o meirande, como historietista, fai un percorrido breve pero intenso polos libros publicados por Miguelanxo Prado, con especial dedicación a Ardalén, obra que mereceu o Premio Nacional, e ao seu último libro, Presas fáciles. Tamén se mostran algúns carteis, material menos coñecido dos afeccionados.  

 Nos outros espazos pódese ver a súa obra como paisaxista, o espazo Lugares; e como ilustrador de libros, obras alleas que o debuxante ilumina; neste espazo pódese destacar o dedicado ao seu amigo, o recentemente falecido escritor Agustín Fernández Paz. Inclúense, ademais, as súas tres últimas obras: Miguel en Cervantes, O Dragón, e o inédito Mael: Máis alá do bosque de Cornanda.  

 Por último, un espazo dedicado á animación, convertido tamén nun punto de encontro para adultos e rapaces co Xabarín como mestre de cerimonias, onde se poden ver as películas Os Vixiantes do Camiño, en exhibición continua, e De Profundis, en varios pases. Tamén se verán paneis nos que se conta a súa aventura como debuxante de animación (Xabarín e Men in Black) e varias cubertas da revista Oink!  

 As salas estarán complementadas con textos do autor sobre a súa obra e diversas vitrinas con bosquexos, libros, merchandising e outras curiosidades. A banda sonora de De Profundis, obra de Nani García, soará ininterrumpidamente como ambiente da exposición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario