20 de dec. de 2016

GALICIA

Medio Ambiente abre dous expedientes sancionadores tras detectar a presenza da especie exótica invasora ‘Triops Longicaudatus’ en diversos xoguetes infantís 

As actuacións que derivaron na identificación desta especie desenvolvéronse este verán no marco da tramitación dunha denuncia da Comandancia da Garda Civil de Lugo, sección Seprona, ante a xefatura territorial en Lugo da Consellería 

Esta especie é totalmente inofensiva para saúde das persoas e a súa inclusión no Catálogo reside na ameaza grave que supón para as especies autóctonas

Triops Longicaudatus
Foto: Dominik Tomaszewski

Infogauda / Galicia

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de iniciar a tramitación de dous expedientes sancionadores a empresas fabricantes de xoguetes, tras detectar a presenza da especie exótica invasora Triops Longicaudatus en diversos xoguetes infantís. Medio Ambiente constatou a presenza de formas inactivas da especie Triops longicaudatus, como compoñente de varios xoguetes infantís destinados á cría e coidado de pequenos crustáceos nos domicilios particulares. As empresas fabricantes enfróntanse a unha infracción grave á Lei 42/2007, do 13 de decembro.
 Esta especie é totalmente inofensiva para saúde das persoas e a súa inclusión no Catálogo reside na ameaza grave que supón para as especies autóctonas.
 As actuacións que derivaron na identificación desta especie desenvolvéronse este verán no marco da tramitación dunha denuncia da Comandancia da Garda Civil de Lugo, sección Seprona, ante a xefatura territorial en Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
 A Xunta solicitou a realización de análises das que resultou, segundo o informe elaborado pola Estación Biolóxica da Graña -dependente da Universidade de Santiago de Compostela- que se trata dunha especie de pequenos crustáceos de orixe americano denominada Triops longicaudatus que está incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.
 Ante a evidencia da presenza desta especie invasora, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural puxo en marcha un dispositivo de actuación para o control, seguimento e eliminación da especie exótica invasora Triops longicaudatus, detectada en varios xoguetes infantís, co obxectivo de evitar a súa introdución no medio natural.
 Así, a Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a detección da presenza de formas inactivas desta especie exótica invasora incluída no Catálogo Español nestes produtos en varios establecementos de Galicia. Tamén se deu aviso á oficina de coordinación da Rede de Alerta para a vixilancia de especies exóticas invasoras informando da detección desta especie. Por último, tamén se comunicou ao Instituto Galego de Consumo, para que difundise entre as persoas consumidoras as pautas para unha correcta manipulación e para a entrega do material dos xoguetes.

Ningún comentario: