29 de dec. de 2016

A GUARDA

O CONCELLO GUARDÉS REMATA AS OBRAS DE MELLORA DO TRAMO PENDENTE DO SENDEIRO AZUL 

A actuación deste tramo do sendeiro azul tivo un custo 16.666,66€.  

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e os concelleiros de Vías e Obras e de Servizos, Miguel Ángel Español Otero e Paulino Rodríguez González, visitaron o tramo do sendeiro azul da Guarda, por debaixo do colexio das Solanas
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e os concelleiros de Vías e Obras e de Servizos, Miguel Ángel Español Otero e Paulino Rodríguez González, visitaron nos pasados días o tramo do sendeiro azul da Guarda, por debaixo do colexio das Solanas, no que se realizaron unha serie de actuacións para acabar de acondicionar o recoñecido sendeiro.  

 As obras consistiron na mellora e reposición do firme do sendeiro azul existente, no seu percorrido costeiro, froito do convenio de colaboración entre a Deputación Provincial e o Concello da Guarda. En concreto, o tramo mellorado é o que abandona o tramo portuario e percorre a parte baixa do barrio de Solanas ata atoparse cunha parte adoquinada que enlaza coa pasarela que leva á praia de Area Grande. 

 Na actuación deste tramo do sendeiro azul, especialmente destacado pola ampla cantidade de sendeiristas que a percorren e pola existencia dun elemento etnográfico subliñable como é unha das antigas cetáreas da zona, realizouse unha obra cun custo que ascendeu aos 16.666,66€.  

 Remátase así o tramo pendente do sendeiro azul que une as praias con bandeira azul da Area Grande e O Forte (Camposancos), e agora queda pendente mellorar a sinalización e dotar de mobiliario á senda. 

 Dende o concello espérase que esta actuación resulte satisfactoria para todos e que mellore, por unha banda, o benestar e a calidade de vida dos veciños, e por outra, a experiencia dos turistas e visitantes que atopan neste sendeiro algunhas das vistas máis fermosas de todo o Baixo Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario