PRESENTACIÓN DO LIBRO "A RUTA DOS REFUXIADOS"
O próximo día 3 de xaneiro ás 20:00h no Café Uf, ubicado na rúa Pracer, 19 de Vigo
Portada do libro A ruta dos refuxiados, unha das primeiras obras editadas por Catro Ventos Editora
Infogauda / Vigo
O 2017 comeza para Catro Ventos Editora, coa presentación, o próximo día 3 de xaneiro ás 20:00h no Café Uf, ubicado na rúa Pracer, 19 de Vigo, do libro A ruta dos refuxiados.
A ruta dos refuxiados, unha das primeiras obras editadas por Catro Ventos Editora, é a recopilación documentada en fotografías da viaxe dos refuxiados desde a súa chegada a Europa na tristemente famosa Lesbos até a localidade de Calais. Este percorrido está narrado nas verbas do xornalista Cristian López e dividido en catro etapas seguidas por catro fotoxornalistas: Adrián Irago, Juan Teixeira, Felipe Carnotto e Unai Beróiz.
A obra pretende por de relevancia unha realidade que segue a pasar saia ou non nas noticias, e un método de axuda coa aportación solidaria de 1 euro por cada libro vendido, á ONG Do Your Part, coa cal colaborou activamente unha das compoñentes do equipo editorial asistindo persoalmente no campo de refuxiados de Oinofyta (Grecia).
Catro Ventos é nova editorial con sede en Vigo que xorde co obxectivo de traducir ao galego obras relacionadas coa economía social e solidaria, a ecoloxía e o ambiente, o decrecemento, o consumo responsable, a soberanía alimentaria, os dereitos humanos en xeral e a pedagoxía e crianza alternativas.
Catro Ventos Editora está composta por Miguel Braña, Patricia Buxán, Isidro Dozo, María Mediero e Alicia Rodríguez e ata o momento ten publicados os seguintes títulos:
• TRANSICIÓN ECOLÓXICA, libro no que se aborda como adoptar un novo modelo económico e social que nos permita romper coa ditadura do PIB.
• A RUTA DOS REFUXIADOS, libro de fotografías en branco e negro que documenta a ruta que seguen os refuxiados para entrar en Europa.
• MAÑÁ [DVD e Blu-Ray], documental publicado en España por Karma Films. Catro Ventos encargouse dos subtítulos ao galego. Tivo un grande éxito de público en Francia e gañou o Premio César ao Mellor Documental. Presenta experiencias positivas que xa están en marcha para responder aos problemas ecolóxicos, económicos e sociais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario