MOSQUERA: “O SEGUINTE PASO É CONVERTER A COMPOSTAXE NUN VERDADEIRO SISTEMA DE XESTIÓN DO LIXO”
O vicepresidente provincial participou hoxe en Salceda de Caselas no acto de entrega do primeiro compost dos centros comunitarios de compostaxe da vila
Os rapaces do CEP Altamira plantaron dúas árbores co fertilizante obtido do lixo das veciñas e veciños do contorno
O vicepresidente provincial César Mosquera - no cnetro da imaxe, xunto o alcalde Marcos Besada - participou no acto no que veciños e veciñas, así como rapaces do CEP Altamira, comprobaron o resultado das súas aportacións de lixo ao composteiro comunitario situado no parque Raíña Aragonta
Fotos: D. P.
Infogauda / Salceda de Caselas
O concello de Salceda de Caselas foi hoxe o protagonista na entrega do primeiro compost obtido na provincia nos composteiros instalados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza. O vicepresidente provincial César Mosquera participou no acto no que veciños e veciñas, así como rapaces do CEP Altamira, comprobaron o resultado das súas aportacións de lixo ao composteiro comunitario situado no parque Raíña Aragonta. “Hoxe chegamos ao final do primeiro paso. Este é o primeiro composteiro comunitario dos que colocou a Deputación do que sae o compost maduro logo de tres meses e medio de comezar a aportar. Ese resultado final simbolicamente úsase para plantar unhas árbores , pero agora hai que converter a compostaxe nun verdadeiro sistema de xestión do lixo para Salceda”, indicou o nacionalista.
Mosquera explicou que a Deputación leva investido en compostaxe durante este exercicio aproximadamente un millón de euros en toda a provincia, pero sinalou que coa modificación de crédito aprobada e o orzamento do ano próximo superaranse os catro millóns de euros. “É unha aposta de cabeza pola compostaxe como fórmula para reducir o lixo. Como vicepresidente da Deputación esta é a miña prioridade absoluta”, subliñou, para destacar que non ten ningún sentido que o lixo orgánico, que é auga maioritariamente, se queime en Sogama logo de percorrer centos de quilómetros, o que ten unha pegada ecolóxica “terrorífica” cunhas emisións de CO2 “inmensas”. “Só redución do CO2 e o reaproveitamento do compost para mellorar os solos cremos que vale este esforzo e todos os que se poidan dedicar”, afirmou.
O vicepresidente da Deputación afirmou que os composteiros comunitarios crean menos problemas que un colector normal na rúa
O vicepresidente lembrou que agora mesmo está en marcha a segunda fase do Plan Revitaliza, para a que os concellos da provincia poden presentar solicitudes de adhesión ata o 19 de decembro. Destacou que a primeira fase foi de sensibilización e didáctica para a cidadanía, para demostrar que os composteiros comunitarios crean menos problemas que un colector normal na rúa e que o esforzo para veciñas e veciños é menor que o actual.
“O seguinte paso é converter de verdade a compostaxe nun sistema de xestión universal de residuos. A idea é que todos os concellos que se adhiran ao Plan Revitaliza teñan o respaldo provincial. A Deputación vai facer todos os esforzos posibles para axudarlles e chegar ao residuo cero, que os orgánicos que salgan do concello sexan cero, que queden alí, se traten e reaproveiten reducindo os custes do tratamento”, explicou. De feito, durante este ano destinaranse 1,25 millóns de euros á compra de composteiros para repartir entre os concellos.
Por outra banda, Mosquera agradeceu ao Concello de Salceda de Caselas que fora un dos municipios que se implicou na iniciativa do Plan Revitaliza dende o principio e que teña decidido xa incorporarse á segunda fase para estender a compostaxe. “Ao resto dos concellos tamén agradecemos o esforzo e ir todos da man. Por parte da Deputación esta é prioridade absoluta e o esforzo é e será máximo. Este é o camiño e creo que o esforzo paga moito a pena”, finalizou.
Obxectivo ecolóxico e económico
Pola súa parte, o alcalde de Salceda, Marcos Besada, asegurou que “a unión fai a forza”.Destacou que a unión dos concellos da provincia, avalada pola Deputación, “ ten que levarnos a obxectivos fundamentais como é redución da fracción orgánica do lixo seguindo unha motivación económica pero tamén ecolóxica.
Así mesmo, subliñou que ademais de reducir o impacto do CO2, coa compostaxe tamén se abordará un tema moi importante para as familias: o custe a nivel fiscal que supón a reciclaxe e tratamento do lixo. “Estamos a falar que o 40% do que se bota no colector verde é lixo orgánico que se pode compostar e se reducimos os custos de levalo a Sogama non nos veremos obrigados a subir o recibo do lixo e contribuímos a que as familias,durante a crise, cun pequeno esforzo poidan ter unha sostenibilidade económica máis acaída”, destacou.
“Comezamos modestamente con este proxecto Revitaliza a través da Deputación e dende logo en Salceda temos claro que entre todos e todas imos conseguir ese obxectivo ecolóxico, económico e medio ambiental, sobre todo co apoio e coordinación da Deputación e o aval dos nenos e nenas de Salceda”, finalizou.
Durante a xornada repartiuse compost entre os veciños e plantáronse dúas árbores, algo no que colaboraron os rapaces
Sobre o acto de hoxe, o rexedor explicou que a decisión de instalar un dos tres composteiros comunitarios de Salceda nos arredores do CEP Altamira, do Parque Raíña Aragonta e do comedor escolar e a zona deportiva obedeceu ao obxectivo de implicar a comunidade escolar. Durante a xornada repartiuse compost entre os veciños e plantáronse dúas árbores, algo no que colaboraron os rapaces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario