OS COMPOSTEIROS DAS VECIÑAS E VECIÑOS DE SALCEDA PRODUCEN O PRIMEIRO COMPOST DA PROVINCIA
Este mércores día 23 de novembro, celebrarase un acto no que se plantará simbolicamente unha árbore e repartirase o compost feito co lixo orgánico da veciñanza que participa na iniciativa
Asistirán tamén rapazas e rapaces do CEP Altamira que están a traballar sobre compostaxe nun programa europeo
Infogauda / Salceda de Caselas
Os centros de compostaxe comunitaria de Salceda de Caselas instalados ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra produciron xa o primeiro lote de compost de toda a provincia. Por este motivo, Deputación e Concello veñen de organizar un acto no que se repartirá ese compost entre os veciños que participan no programa compostando o seu lixo orgánico. Plantarase tamén unha árbore que estará fertilizada polo produto obtido nos diferentes composteiros da vila.
Ao acto asistirá o vicepresidente da Deputación, César Mosquera; o alcalde Marcos Besada, e a concelleira de Medio Ambiente de Salceda, Carla Pérez, así como unha clase de alumnos do CEP Altamira que están a traballar nun proxecto europeo sobre a temática da compostaxe. Tamén estarán presentes os mestres composteiros que traballan en Salceda de Caselas, que farán a demostración de como se retira o compost do centro de compostaxe, para despois peneiralo e deixalo preparado para plantar a árbore e repartir entre os veciños.
A actividade celebrarase ás 11:00 h., no parque Raíña Aragonta, nas inmediacións do CEP Altamira, onde tamén se instalarán uns paneis explicativos sobre as fases que pasa o lixo dende que se bota no módulo de aportación do centro de compostaxe ata que está listo para o seu uso. Salceda de Caselas conta nestes momentos con tres centros de compostaxe comunitaria que foron instalados a principios do mes de agosto. Dous deles xa foron ampliados no mes de outubro debido á moi boa acollida que o sistema de tratamento de lixo tivo entre os veciños.
Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, os centros de compostaxe que se instalaron en toda a provincia están a ter un resultado moi bo tanto en relación á participación veciñal, no relativo á calidade do compost, como pola rapidez de obtención, xa que se está a producir un proceso moito máis áxil do planificado. De feito, inicialmente prevíase queocompost estivese listo para uso nun prazo de seis ou sete meses, mais o control por parte dos mestres composteiros e as características da climatoloxía están a permitir que a día de hoxe xa se poida utilizar nos primeiros sitios nos que comezaron a funcionar os centros de compostaxe. De feito, o Concello de Moaña tamén está en disposición de retirar este mércores, o seu primeiro compost grazas ao Plan Revitaliza, posto que instalou o seu único composteiro no mes de xullo.
A obtención do primeiro compost da provincia coincide coa celebración durante estes días da Semana Europea de Prevención de Residuos, que pretende fomentar dende a Unión Europea todos aqueles sistemas de xestión do lixo que defenden a aplicación das tres ‘R’: redución, reutilización e reciclaxe, filosofía compartida polo Plan Revitaliza da Deputación que aposta pola compostaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario