3 de nov. de 2016

PONTEVEDRA

Carmela Silva expresa a súa preocupación ante os datos de paro de outubro 

A presidenta da Deputación provincial declarou que dende a institución provincial xa se viña denunciando que o descenso do desemprego durante o verán viña ligado ao sector servizos e ao turismo 

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa preocupación polos datos do paro rexistrados no mes de outubro tanto na totalidade do Estado español como en Galicia e, especialmente, na provincia de Pontevedra. "Estou absolutamente preocupada por estes datos que amosan algo que xa viñamos denunciando dende a Deputación de Pontevedra", sinalou, "que é que esa baixada no desemprego dos veráns era conxuntural xa que, como todos os anos, se crearon moitos empregos no sector servizos por mor do turismo", asegurou a Presidenta provincial. "Nós xa advertimos que eses datos ían cambiar e as cifras que vimos de coñecer o deixan claro", asegurou Carmela Silva ao lembrar que a nivel estatal outubro deixa un incremento de 44.685 desempregadas (un 1,20%), 4.604 delas en Galicia (un 2,37% máis) e 2.649 na provincia de Pontevedra (un 3,42% máis).  

 "Na provincia de Pontevedra xa son máis de 80.000 persoas as que non teñen un posto de emprego", lembrou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, "o cal está moi por enriba da media de España como de Galicia, pero é que ademais estes datos son especialmente duros para as mulleres: representan o 56% das persoas que buscan un emprego na nosa provincia, doce puntos por enriba dos homes", sinalou. Na provincia de Pontevedra hai 80.068 persoas desempregadas, 198.940 en Galicia e 3.764.982 en España.  

 Ademais, Carmela Silva asegurou que "a miña preocupación non é só polos números, senón que ademais hai que sumarlle a isto que o emprego que se crea non é de calidade. Se ben en España soamente o 8,9% dos contratos que se crearon eran indefinidos, na provincia de Pontevedra apenas se chega ao 6% deste tipo de contratos", declarou a Presidenta provincial, que tamén amosou a súa preocupación pola situación das prestacións ás persoas desempregadas.  

 A este respecto, Carmela Silva declarou que "este ano hai un 9% menos de persoas que reciben prestacións por desemprego respecto ao ano pasado, isto é, que a nivel nacional as prestacións seguen baixando. No caso da provincia de Pontevedra, soamente reciben prestacións 35.805 persoas, que é menos da metade, o 45% das persoas desempregadas, e dentro delas o 38% ten unha prestación contributiva e o resto asistenciais, polas que perciben pouco máis de 400 euros. Isto non se pode consentir nun Estado de dereito como o que temos. O que queda claro é que nos Gobernos gobernados polo Partido Popular o único que hai á perda, tanto de dereitos como de prestacións", asegurou a presidenta.  

 Carmela Silva reiterou "a miña mágoa ao coñecer estes datos, sobre todo cando un dos obxectivos desta nova Deputación de Pontevedra é contribuír á mellora da calidade de vida das mulleres e dos homes da nosa provincia". "De feito", engadiu, "aínda que as deputacións non teñen competencias directas en materia de emprego, seguimos impulsando esta liña de traballo porque somos conscientes, todas e todos os membros deste novo Goberno provincial, de que non se pode virar as costas a unha problemática social tan grave como a que estamos a vivir". 

 Por iso "na Deputación de Pontevedra e eu, como a súa presidenta, queremos e estamos a conseguir algo que debería ser evidente sempre, independentemente da cor política, pero que moitas veces non acontece así: que a política e as políticas desenvolvidas estean pensadas única e exclusivamente para as persoas e adaptándose ás súas necesidades. Nós sabemos que o desemprego é a maior das preocupacións da sociedade actual e dáme mágoa, á vista dos resultados, pensar que non o é para a totalidade das administracións públicas deste país", declarou Carmela Silva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario