3 de nov. de 2016

BAIXO MIÑO

O grupo provincial reuniuse onte cos alcaldes e voceiros do Baixo Miño  

O PP sinala que o bipartito recupera a libre disposición e o que eles chaman “convenios a dedo” no novo plan da Deputación   

Nidia Arévalo recorda que os alcaldes levan dous meses esperando a ter unha reunión sobre o Plan Concellos

Critican que hai alcaldes e alcaldesas que Carmela Silva aínda non coñece e que, como no caso de Oia, teñen ata tres peticións presentadas  

Nidia Arévalo, reuniuse onte en Tomiño cos alcaldes e voceiros do PP na comarca do Baixo Miño
Foto: G.P.P.P.

Infogauda / Baixo Miño

 A voceira do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, reuniuse onte en Tomiño cos alcaldes e voceiros do PP na comarca do Baixo Miño, para comezar a traballar nas propostas que os populares farán de cara aos orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2017. Nidia Arévalo recordou que,  alcaldes e alcaldesas levan dous meses esperando a ter unha reunión con Carmela Silva sobre o Plan Concellos, e salientou que a súa proposta pasa porque o próximo ano se incrementen en, como mínimo, 20 millóns de euros os fondos que destinan para os concellos da provincia.  

 Nesta liña, salientou que o fracaso do Plan Concellos é unha evidencia, xa que incluso o propio bipartito anunciou que vai haber cambios. Ademais, referiuse ao novo plan de investimentos para concellos de menos de 20.000 habitantes que o goberno provincial presentou onte, e que supón que recuperan na Deputación de Pontevedra a libre disposición e o que eles chaman “convenios a dedo”. Nidia Arévalo di que saben que estas son palabras tabú para o bipartito, porque levan un ano falando da libre disposición como si fora case ilegal, e agora teñen que volver a estes convenios a dedo, que tanto criticaron, e o fan sen ningún criterio obxectivo.  

 A voceira do grupo provincial entende que este plan é para contentar aos alcaldes socialistas e nacionalistas da provincia, que estaban desconformes co Plan Concellos, polo que vén a recoñecer que o orzamento que se destinaba era insuficiente, tal e como denunciaron en multitude de ocasións os deputados populares, e non representaba as demandas reais dos alcaldes e, polo tanto, tampouco dos concellos.  

 Outro dos temas que denunciaron na reunión foi  a falta de diálogo e o desprezo que amosa Carmela Silva e o bipartito das portas e ventás abertas. Así, coincidiron en criticar que é inxustificable que a estas alturas de mandato non coñeza a todos os alcaldes desta provincia, e que se escuse dicindo que é porque non se relaciona con quen a insulta gravemente. Sobre isto, referiuse Cristina Correa, a alcaldesa de Oia, que ten solicitadas ata tres entrevistas con Carmela Silva e a día de hoxe non foi recibida. Sinalou que a súa intención é trasladarlle as prioridades que ten Oia e pide que non haxa discriminación. Cuestionou en que puido faltar ela ao respecto á presidenta da Deputación, se non houbo ningunha ocasión porque o certo é que a día de hoxe aínda non coincidiron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario