22 de nov. de 2016

DEPORTES

A AGRUPACIÓN DEPORTIVA BAIXO MIÑO PRESENTOU NO CONCELLO GUARDÉS A CARREIRA DE CAMPO A TRAVÉS DE A GUARDA 

Esta carreira está organizada pola Agrupación Deportiva Baixo Miño en colaboración co concello da Guarda e se celebrará o sábado 26 de novembro ás 10:30 horas no recinto do Cámping Santa Tecla, en Salcidos (A Guarda)

Coa colaboración nestes eventos, A Guarda quere deixar patente que unha das principais preocupacións do concello é apoiar ó deporte base e promocionar que todo o mundo, dende os máis cativos ata á xente maior, teña acceso ó deporte

Á presentación desta proba, dirixida a alumnos/as de colexios e clubs deportivos da comarca, acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; o presidente da Agrupación Deportiva Baixo Miño, Alfonso Lorenzo; o xefe de Servizo da Secretaría de Deporte en Pontevedra, Daniel Benavides e o Xerente do Cámping Santa Tecla, José Coello Vicente
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu este martes día 22 de novembro, ás 10:30 horas, a presentación da carreira “Campo a través de A Guarda”. Esta carreira está organizada pola Agrupación Deportiva Baixo Miño en colaboración co concello da Guarda e se celebrará o sábado 26 de novembro ás 10:30 horas no recinto do Cámping Santa Tecla, en Salcidos (A Guarda).  

 Á presentación ante os medios de comunicación desta proba, dirixida a alumnos/as de colexios e clubs deportivos da comarca, acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; o presidente da Agrupación Deportiva Baixo Miño, Alfonso Lorenzo; o xefe de Servizo da Secretaría de Deporte en Pontevedra, Daniel Benavides e o Xerente do Cámping Santa Tecla, José Coello Vicente.  


 O alcalde, ademais de agradecer aos organizadores e colaboradores da proba alí presentes, quixo destacar que “un ano máis A Guarda é sede dun campionato de atletismo”.  Coa colaboración nestes eventos A Guarda quere deixar patente que unha das principais preocupacións do concello é apoiar ó deporte base e promocionar que todo o mundo, dende os máis cativos ata á xente maior, teña acceso ó deporte. Tamén aproveitou o acto para felicitar a Lete Lasa, designado novo presidente do Consejo Superior de Deportes.  

 Tras as palabras do alcalde, Alfonso Lorenzo informou das principais características da proba e da labor da Agrupación, que trata de promover estas iniciativas nos concellos de Salceda, Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda. Nesta proba participan nenos e nenas destes lugares, que percorrerán diferentes distancias segundo as categorías por idades. As distancias van dende os 600 ata os 2.300 metros e se realizarán en circuítos trazados dentro do Cámping, do que quixo destacar o bo estado do terreo e as estupendas instalacións.  

 Pola súa banda Benavides felicitou á Agrupación Deportiva Baixo Miño pola súa tarefa como docentes e por terse convertido nun referente para as demais agrupacións xa non só na provincia, senón en toda Galicia, polo seu saber facer.  Polo momento hai 300 participantes inscritos, pero dende a organización esperan que a cifra final ronde os 400 ou 500 corredores. 

 Todos aqueles que desexen inscribirse poden facelo ata o xoves día 24 na web da Agrupación Deportiva Baixo Miño. 

 Dende o Concello anímase a todos os rapaces e rapazas da vila a participar dunha xornada de deporte e máis tendo en conta as previsións de que a meteoroloxía acompañe e se poda desfrutar dun soleado día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario