A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL E A CONCELLERÍA DE CULTURA, PREMIADAS CO GALARDÓN MARÍA MOLINER
Pola súa labor de promoción da lectura
Grupo de participantes no Club de Lectura de adultos da Biblioteca Pública Municipal da Guarda
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda acaba de ser premiada no concurso María Moliner, un recoñecemento outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias como parte da campaña de animación á lectura.
Segundo referiu Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura, "prémiase á aquelas Bibliotecas públicas, de municipios de menos de 50.000 habitantes, que presenten os mellores proxectos ou actividades para promover a lectura tanto entre os nenos e xoves, como entre outros colectivos sociais".
Un grupo de picariños participando nunha das sesións de "Contos Contados", celebradas na Biblioteca Pública Municipal da Guarda
Este certame selecciona ás Bibliotecas de varios concellos a nivel estatal. Na provincia de Pontevedra foron recoñecidas con este galardón as Bibliotecas de 8 concellos, entre elas a Biblioteca Pública Municipal da Guarda, que como premio recibirá un lote de 150 libros.
300 novos títulos para a Biblioteca da Guarda
Ademais do premio María Moliner, a Biblioteca da Guarda conseguiu recentemente unha subvención, neste caso concedida pola Xunta de Galicia, que tamén premia o bo facer da Biblioteca na promoción da lectura.
Deste xeito, entre os libros concedidos polo concurso María Moliner do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a subvención da Xunta de Galicia, a Biblioteca contará nas próximas semanas cuns 300 novos títulos cos que ampliar a súa colección. A catalogación de todas estas novidades realizarase nos próximos meses, momento a partir do cal os novos libros estarán á disposición de todos os guardeses que se acheguen alí.
Usuarios de diversas edades acuden a Biblioteca Pública Municipal da Guarda
Un ano máis a Biblioteca da Guarda e a Concellería de Cultura, da que depende, volven a situar á Guarda como un dos concellos, tanto a nivel estatal como galego, que máis apostan pola cultura e pola promoción da lectura, en especial entre os máis cativos. "E o seguirá facendo - segundo afirma a concelleira de Cultura - nos próximos meses con diversas actividades como os Contos Contados, os clubs de lectura, o certame de microrrelatos e proxectos en colaboración cos centros escolares".
Ningún comentario:
Publicar un comentario