27 de out. de 2016

SANIDADE

A Xunta implantará nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Lucus Augusti de Lugo un sistema de localización e guiado de pacientes mediante unha aplicación móbil 

Feijóo afirma que esta aplicación incorpora funcións como organizar a ruta do usuario sanitario ata o centro unha vez que pide unha cita médica; guiar ao usuario ata a sala de espera correspondente; ou compartir cos contactos do móbil que tamén usan a aplicación a posición dentro do hospital

Indica que o sistema empregado para darlle soporte incorpora varias innovacións tecnolóxicas, como un sistema de localización de alta precisión e tamén un sistema de cartografía de edificios cos mapas internos dos hospitais 

Precisa que para o desenvolvemento desta aplicación e de todos os sistemas necesarios para o seu funcionamento investíronse uns 315.000 euros, estimándose que en cada hospital extra no que se poña en marcha haberá que destinar entre 10.000 e 25.000 euros en función do tamaño dos centros e nos centros de saúde un custo base de 200 euros tamén ampliable en función das dimensións  

Sinala que actualmente esta aplicación estana probando grupos de usuarios para validar o seu correcto funcionamento e está previsto que a finais de novembro se faga accesible a toda a cidadanía para empregar xa nos centros Lucus Augusti e no Álvaro Cunqueiro

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo
Foto: X. de G.


Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego vai implantar nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Lucus Augusti de Lugo un sistema de localización e guiado de pacientes mediante unha aplicación móbil, que estará dispoñible para dispositivos que empreguen Android ou iOS de Apple.
 Como subliñou o titular do Goberno galego en funcións, esta aplicación incorpora as seguintes funcións: organiza a ruta do usuario sanitario ata o centro unha vez que pide unha cita médica; guía ao usuario ata a sala de espera correspondente e asígnalle a quenda de consulta, de modo que aforra o paso polo mostrador no hospital; proporciona información sobre servizos como cafetería ou quioscos dentro e fóra do hospital; permite compartir cos contactos do móbil que tamén usan a aplicación a posición dentro do hospital.
 O presidente da Xunta en funcións explicou que o sistema empregado para darlle soporte incorpora varias innovacións tecnolóxicas, como un sistema de localización de alta precisión e tamén un sistema de cartografía de edificios cos mapas internos dos hospitais, ao que se poden incorporar todos os edificios do Sergas. Neste senso, precisou que se comezará polos centros hospitalarios de Vigo e Lugo e o servizo incorporarase proximamente tamén ao de Verín, ao edificio administrativo de San Lázaro e a 20 centros de saúde.
 Para o desenvolvemento desta aplicación e de todos os sistemas necesarios para o seu funcionamento investíronse uns 315.000 euros. Nesta liña, calcúlase que en cada hospital extra no que se poña en marcha haberá que investir entre 10.000 e 25.000 euros en función do tamaño dos centros e, no que atinxe aos centros de saúde, estímase un custo base de 200 euros tamén ampliable segundo o tamaño.
 Feijóo indicou que actualmente esta aplicación estana probando grupos de usuarios para validar o seu correcto funcionamento e está previsto que a finais de novembro se faga accesible a toda a cidadanía para empregar xa nos centros Lucus Augusti e no Álvaro Cunqueiro.
 Como incidiu o xefe do Executivo galego en funcións, unha das maiores oportunidades das que dispoñemos a día de hoxe para mellorar a sanidade pública son as tecnoloxías da información e a comunicación. Por iso, é unha liña que a Xunta está a explorar a través de programas que contan con financiamento europeo como o Innova Saúde e o Hospital 2050. Así, no vindeiro período dos fondos Feder, investiranse 25 millóns que se destinarán exclusivamente a aplicacións informáticas sanitarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario